Consellos para o cultivo da horta en xuño

Publicidade
Consellos para o cultivo da horta en xuño

As intensas choivas do mes de maio atrasaron en boa medida a plantación dos cultivos de verán, polo que, se aínda non o fixemos debemos aproveitar estes días solleiros para plantar xudías, pementos, tomates, leitugas ou cabaciñas.

Velaquí algúns consellos xerais:

-Coa humidade que hai na terra as herbas competidoras inzarán nas nosas hortas, polo que deberemos facer varias sachas nos nosos cultivos. O acolchado ben con plástico ou ben con herba é unha alternativa interesante para pequenas hortas, e que ademais de reducir a competencia das herbas, axudará a reter a humidade do solo.

-A humidade e as elevadas temperaturas crearon as condicións idóneas para pragas de fungos, especialmente o mildeu. Recoméndase facer un tratamento de fumigación a base de caldo bordelés (cobre) cada 10 días nos cultivos máis sensibles: patacas, allos, cebolas e tomateiras. No caso dos allos, debemos combinalo con algún tratamento contra a roya a base de xofre mollable.

O oídio afectará sobre todo ás cucubirtáceas (cabaciña, sandía…etc) e notarémolo nas clásicas manchas brancas nas follas. Unha boa aireación da planta e un tratamento a base de xofre ou de infusión de allo axudará a controlar este fungo.

Para evitar os problemas fúnxicos lembrar que cando reguemos a planta debemos aplicar a auga no pé da mesma, e nunca mollarlle as follas.

-Sementeiras: Pódese facer alcoube ao aire libre de leitugas, acelgas e remolacha vermella que plantaremos no mes de xullo-agosto. Asemade, podemos facer a sementeira das verduras de inverno (repolo, couveflor, verza…) que plantaremos no verán. Se a nosa horta é pequena e para autoconsumo resúltanos máis rendible mercar a planta de cepellón no momento en que a vaiamos plantar.

-Tamén podemos facer sementeira directa de cenouras, que colleitaremos nos meses de setembro-outubro, así como de xudías, que recolleremos cara o meses de agosto-setembro.

-Transplante: podemos transplantar remolacha vermella, coles, leitugas, porros, cebolas, acelga,…etc. Se aínda non plantamos pementos, tomates ou berenxenas é o momento de facelo. Lembrar que á hora de plantar o abono nunca debe estar en contacto directo coa raíz da planta.

-Tomateiras: durante este mes prestarémoslle especial atención a estas plantas, facendo as podas periódicas dos gromos das partes baixas e medias da plantas e entitorándoas.

Cada dúas semanas, de ser necesario, aplicarémoslles un tratamento de cobre para evitar problemas de mildeu. Se cultivamos en exterior debemos elixir as variedades máis rústicas e resistentes para reducir os tratamentos fitosanitarios.

–Entitorados: xudías, pementos e berenxenas precisarán de entitorado para un correcto desenvolvemento da planta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información