Consellos para o control de moscas, roedores e aves nas explotacións leiteiras

O veterinario catalán David García, que asesora a gandarías de Girona e Mallorca, explica as claves para reducir o impacto prexudicial de insectos e outros animais na produción de leite e como funciona a loita biolóxica contra eles

As moscas actúan como vector das bacterias favorecendo o contaxio da enfermidade.

As moscas actúan como vector das bacterias favorecendo o contaxio de enfermidades e crean estrés nas vacas

Evitar a presenza de pragas e impedir o contacto das vacas da gandaría con animais alleos á explotación é unha das recomendacións básicas para reducir o risco de contaxio de enfermidades nas granxas e as perdas económicas que iso supón. Novas estratexias, como a loita biolóxica, ábrense camiño para combater a existencia de ratas, moscas e aves nas explotacións de leite.

O veterinario catalán David García Torres, da Assessoria Boví Lleter, que aconsella a gandeiros de leite de Girona e Mallorca, expón algúns consellos para manter a raia a insectos e outros animais. “O control de pragas é un asunto enmarcado na bioseguridade das explotacións pero pode ser tamén un tema de rendibilidade económica para o gandeiro”, asegura.

“Tanto a loita biolóxica como a loita química supón un custo para as explotacións pero trátase de redución de riscos de enfermidades, que nos poden facer perder e gastar moitos máis cartos”, afirma. Ademais, engade, “as pragas son vectores de transmisión de enfermidades, polo que ao eliminar ou reducir as pragas redúcense as enfermidades e, polo tanto, tamén o uso de antibióticos”, razoa.

Para David, “están moito máis avanzados no sector porcino e avícola e no vacún queda aínda moito por facer e por mellorar neste eido” e defendeu que “o control de pragas debe estar dentro do plan de bioseguridade das explotacións”.

A maior carga gandeira, maior probabilidade de pragas

Durante a súa intervención nas últimas xornadas técnicas de vacún leiteiro organizadas por Seragro, o veterinario catalán evidenciou que “a canta máis carga gandeira, maior probabilidade de ter pragas” e indicou que “non serve facer un protocolo de pragas xeral para todas as explotacións, senón que ten que ser personalizado para cada granxa e tamén dinámico”, porque a situación cambia en función, por exemplo, da climatoloxía, dixo.

Con todo, si que se poden dar unha serie de consellos xerais a adoptar en todas as gandarías para reducir o risco de sufrir pragas de insectos, ratos ou outro tipo de animais, como son as aves. A primeira recomendación é extremar a orde e a limpeza nas instalacións e non ter desperdicios nin residuos acumulados “para poñerllo máis difícil ás pragas”. Neste sentido, David propuxo, por exemplo, colocar unha malla na fronte do silo “para que roedores ou paxaros non vaian comer alí”.

É necesario tamén facer un diagnóstico concreto da situación das distintas instalacións. “Se temos moita maleza arredor da explotación temos máis probabilidades de ter ratas”, exemplificou. E unha vez aplicadas as medidas hai que facer unha avaliación de resultados para ver se funciona o protocolo establecido ou en que hai que modificalo.

As medidas deben ser sempre consensuadas co gandeiro, senón seguramente non se cumpran

“O máis importante do protocolo é que debe cumprirse, por iso debe ser sempre consensuado co gandeiro, para que sexa aceptado, se non é consensuado de común acordo entre o técnico e o responsable da explotación seguramente non se cumpra”, dixo.

Moscas: perda de produción e de crecemento na recría

A mosca da cara (Musca autumnalis) produce queratoconxuntivite

A mosca da cara (Musca autumnalis) produce queratoconxuntivite

Unha das pragas que maior incidencia ten na produción de leite é a presenza de moscas. Existen distintos tipos de moscas: a mosca doméstica (Musca domestica), que é chupadora e aliméntase de azúcares; a mosca das cortes (Stomoxys calcitrans), que é picadora e aliméntase de sangue; a mosca da cara (Musca autumnalis), que transmite a Moraxella bovis e produce queratoconxuntivite nos ollos ao gando; a mosca da cabeza (Hydroteaea irritans), unha especie picadora que transmite Trueperella pyogenes provocando a mamite de verán e a perda de cuarteróns nas vacas en produción; e a mosca do xurro (Eristalis tenax), máis inofensiva.

Ademais de transmitir enfermidades, as moscas provocan estrés no gando e, polo tanto, baixada na produción de leite, un descenso que pode chegar ao 25%, xa que a acumulación de moscas no verán agrava o problema de perda de produción causado polo estrés por calor das vacas.

As moscas picadoras ou moscas das cortes (Stomoxys calcitrans) son un problema para o gando vacún estabulado. Nos animais en produción altera o seu comportamento e comodidade, con menos inxesta de alimento e menos horas de descanso nas camas, o que provoca perda de leite. Na recría a ganancia de peso dos animais diminúe cando hai presenza de moscas. As instalacións das xovencas, moitas veces cortes vellas reutilizadas, adoitan ser máis escuras e menos ventiladas, o que favorece a aparición dos insectos.

A xestión dos residuos da explotación é a primeira liña de defensa. No verán hai que sacar o esterco dúas veces por semana, con especial énfase nos boxes das xatas e as esquinas das parideiras, para romperlles o ciclo reprodutivo ás moscas e evitar deste xeito a súa proliferación

No caso dos boxes das becerras, é necesario unha maior limpeza e un aumento da frecuencia, xa que as moscas depositan os ovos na materia orgánica. Ocorre o mesmo nas parideiras e nas camas de produción ou das vacas secas cando se emprega palla. David recomendou “sacar o esterco dúas veces por semana, con especial énfase nos boxes das xatas e as parideiras, sobre todo nas esquinas, lugares preferidos para as postas, para romperlles o ciclo reprodutivo ás moscas e evitar deste xeito a súa proliferación”. E contou que “en Baleares as gandarías están usando cama de algas en vez de palla e funciónalles moi ben”.

A mosca adulta realiza postas de entre 100 e 150 ovos, normalmente en lugares húmidos e sombríos, moitas veces zonas de difícil acceso, como os pozos do purín no caso da Eristalis tenax ou nas parideiras e os boxes das becerras no caso da Musca doméstica e a Stomoxys calcitrans. A acumulación de materia orgánica, restos de comida, lixiviados do silo, etc, favorece, polo tanto, a súa proliferación, polo que “a xestión dos residuos da explotación é a primeira liña de defensa”, afirmou.

Pragas favorecidas polo cambio climático

A calor é un factor determinante na aparición de moscas, polo que nas granxas nas que traballa David, situadas en Girona e en Mallorca, é un problema que se dá case todo o ano, pero mesmo en Galicia a súa persistencia está a aumentar, ampliándose a época do ano na que hai moscas, até agora moito máis estacional, algo favorecido polo cambio climático. A presenza dunha alta humidade na nosa comunidade, mesmo no verán, tamén fai que se dean as condicións ideais para a aparición de moscas.

O tempo de eclosión das moscas depende da temperatura ambiental. A 16ºC o ciclo prolóngase durante mes e medio pero cando a temperatura sobe a 30 graos redúcese a tan só 10 días, polo que a presenza de insectos adultos multiplícase.

Se esperamos ao verán para actuar, cando estamos a 35 ou 40 grados, pouco faremos, hai que actuar xa na fase de larva, cando a temperatura ambiental sobe de 19ºC

“Non ten sentido tratar de controlar as moscas, hai que comezar as actividades de control cando as moscas están aínda inactivas, hai que actuar antes de que haxa a praga, actuando sobre as larvas, atacando nesa fase. Se esperamos ao verán para actuar, cando estamos a 35 ou 40 grados, pouco faremos, hai que actuar xa na fase de larva, cando a temperatura ambiental sobe de 19ºC”, recomendou David.

O tratamento químico pode actuar sobre as moscas (tratamentos  adulticidas) ou sobre as crías (tratamentos  larvicidas). No caso dos adulticidas, deben asperxerse en entradas, paredes, xanelas, portas, zonas asolladas, etc. Cos larvicidas é ao contrario, pois as moscas sitúan os seus ovos en zonas frescas e húmidas. Sobre as larvas debe actuarse antes de que os insectos pasen ao estado de pupa, no que xa non serían efectivos os tratamentos químicos e a aplicación debe facerse á tardiña ou en horas pouco calorosas para prolongar o seu efecto no tempo.

Loita biolóxica

A mosca pasa por distintas fases de crecemento, que inclúen tres estados larvarios diferentes e a transformación en pupa previa á madurez reprodutiva. É neste estado evolutivo da mosca (pupa), no que xa non actúan os larvicidas, no que é efectiva a loita biolóxica.

Empréganse vespas parásitas (recomendadas para explotacións con cama de palla e esterco), moscas depredadoras (recomendadas para explotacións con puríns) e tamén ácaros depredadores. “Son todos animais modificados xeneticamente en laboratorio para que estean libres de patóxenos e sexan inofensivos para o gando e as persoas e trátase de introducilos na granxa para que se reproduzan, usan para iso a pupa das moscas”, explicou David.

O control biolóxico das moscas mediante a introdución de vespas parásitas ou ácaros depredadores nas gandarías reduce a necesidade de usar insecticidas

Os ovos das vespas parásitas (Muscidifurax raptorellus) convértense en larvas alimentándose da pupa da mosca parasitada, repetíndose o ciclo cada 2-3 semanas e reducíndose deste xeito notablemente a presenza de moscas. Pero para iso hai que comezar co control biolóxico introducindo na gandaría os distintos parásitos e depredadores cando a temperatura sobe de 15ºC para que estean listos para multiplicarse en canto as moscas tamén comezan a facelo. Contou que eles levan un ano traballando con este método de loita biolóxica con bos resultados.

Pero ademais dos tratamentos químicos ou da loita biolóxica, é necesario extremar a limpeza da explotación e incrementar a ventilación da granxa. “Ás moscas gústalles estar en zonas quentes e pouco ventiladas, polo que forzaremos a ventilación cara abaixo e cara a fóra”, indicou o veterinario catalán, que se mostrou partidario de mellorar o manexo da gandaría antes de pasar a tratamentos químicos. A loita biolóxica tamén logra reducir o uso de insecticidas, o mesmo que a colocación de barreiras físicas, como por exemplo as mallas de protección en ventás ou outro tipo de entradas.

“As aves estropean moito as instalacións e son as especies máis difíciles de controlar”

Un momento da ponencia de David García Torres nas xornadas organizadas por Seragro

Un momento da ponencia de David García Torres nas xornadas organizadas por Seragro

David García referiuse tamén a outras pragas que afectan ás explotacións leiteiras, como poden ser distintos tipos de paxaros e roedores. “As aves estropean moito as instalacións. Para min é o control de pragas máis dificultoso”, afirmou.

No caso das aves recomendou “manter as tolvas pechadas, limpar comedeiros e bebedeiros diariamente e non escorrentar ás aves rapaces” porque, dixo, “cantas máis rapaces teñamos mellor, os falcóns ou os cernícalos son un bo aliado para controlar e escorrentar a outras especies máis prexudiciais”.

É convinte que o protocolo de actuación sexa multiexplotación porque se ti botas ás pombas e van para a granxa do veciño e el fai o mesmo volverán para a túa explotación

Aconsellou asimesmo actuar eliminando os niños daquelas especies de paxaros que non queiramos no entorno da granxa. “Se escorrentamos as aves pero non eliminamos os niños voltarán”, argumentou. Tamén é convinte, dixo, que o protocolo de actuación sexa “multiexplotación” porque “se ti botas ás pombas e van para a granxa do veciño e el fai o mesmo volverán para a túa explotación”, razoou.

Aves e ratos, transmisores de enfermidades

O veterinario catalán alertou dos perigos que supón a presenza de aves e ratos nas explotacións leiteiras polo risco de transmisión de determinadas enfermidades. As pombas, por exemplo, poden transmitir salmonela e os estorniños tamén paratuberculosis.

Esta ave migratoria provoca, ao igual que os pardais, perdas importantes nas gandarías. “Os estorniños son moi selectivos, van ao comedeiro e escollen o millo. Provocan perdas económicas polo gran que comen eles pero tamén polas perdas en leite que provocan polo millo que deixan de comer as vacas”, indicou.

Os cebos e as trampas para os roedores hai que colocalas sempre en zonas escuras e próximas ás paredes, que é por onde circulan as ratas

No caso dos ratos, recomendou facer un control periódico para evitar a súa proliferación. “É importante saber onde colocar os cebos e as trampas, sempre en zonas escuras e próximas ás paredes, que é por onde circulan as ratas”, explicou.

Piollos e sarna, un problema estacional do inverno

David referiuse tamén a outros problemas frecuentes nas explotacións, como poden ser os ácaros da sarna ou os piollos, que son pragas estacionais que se dan no inverno. Tanto a sarna como os piollos transmítense por contacto e hai unha serie de factores que favorecen a súa aparición, como son as altas densidades de gando, o estrés ou a malnutrición.

Altas densidades de gando, estrés e malnutrición son factores que favorecen a aparición de piollos e sarna

Os tratamentos para a sarna poden ser varios (organofosforados, piretroides, amidinas) pero é importante repetilos ás 2-3 semanas da primeira aplicación para deste xeito cortar por completo todo o ciclo, xa que os ovos dos ácaros da sarna eclosionan nunhas 3 semanas.

Tamén son un problema estacional do inverno os piollos, que se tratan con derivados das ivermectinas. Os piollos provocan anemia e pérdida de peso e de produción.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información