Consellos para o aleitamento das becerras de recría

Rogelio Grille, veterinario de Seragro, explica as distintas estratexias levadas a cabo en Recría Castro e Ganxabar para logar un óptimo crecemento das xatas ao destete

Rogelio Grille á entrada das instalacións de recría da Granxa Gayoso Castro

Rogelio Grille á entrada das instalacións de recría da Granxa Gayoso Castro

A recría é unha das partes fundamentais dunha explotación. Ademais de asegurar o remprazo de animais necesario para a supervivencia da granxa, permite lograr a mellora produtiva do rabaño. Por iso, sexa feita directamente na propia explotación ou externalizada, debe ser realizada correctamente.

Seragro leva 16 anos xestionando a recría en Ganxabar e 5 en Recría Castro, dous dos principais centros de recría en conxunto cos que traballan as ganderías galegas. En base a esa experiencia, Rogelio Grille explicou nas últimas Xornadas Técnicas de Vacún de Leite algunhas claves para o éxito da etapa de leite das becerras, unha fase vital para acadar xovencas produtivas e rendibles.

A etapa de leite é a máis importante e a máis complicada de toda a recría

Unha vaca holstein adulta pesa arredor de 725 kilos e recoméndase que paira co 85% do seu peso adulto, é dicir, arredor dos 620 kilos. Este obxectivo debería lograrse antes dos 2 anos, xa que canto máis precoz sexa a xovenca antes comezará a xerar ingresos na gandería e maior potencial produtivo terá.

Buscamos obter unha xovenca sá e funcional que paira antes dos dous anos con 620 quilos de peso

Tanto en Recría Castro como en Ganxabar, onde desenvolven dúas estratexias diferentes para a fase de aleitamento, acadan este propósito, polo que Rogelio asegura que “é posible chegar a un destete correcto cuns crecementos axeitados de moi diferentes maneiras”.

Estratexias diferentes en Ganxabar e Recría Castro

As diferenzas de manexo entre o centro de Castro e o de Mazaricos están motivadas sobre todo por cuestións de espazo. “En Ganxabar non podemos meter máis de 12 animais por semana, temos que restrinxir a entrada, porque as explotacións medraron moito e non temos sitio para atender a demanda que hai”, recoñece Rogelio.

Ganxabar recriou en 2021 un total de 493 xatas de 7 ganderías. A idade ao parto sitúase de media en 22,3 meses

En Recría Castro, sen embargo, aínda que traballan ao 100% da capacidade das instalacións (2.500 animais de 60 ganderías da provincia de Lugo), non hai cupos de entrada e o número de animais que entran cada semana pode chegar aos 28.  

Unha quinta parte do custo de recría

A recría representa entre un 12 e un 18% dos custos de produción dunha explotación de vacún de leite. “Todo o que facemos desde que nace unha becerriña ata que pare é poñerlle cartos”, evidencia Rogelio.

“En moitas explotacións é o segundo custo máis importante despois da alimentación das vacas. E como a recría é un custo importante, temos que tentar optimizala o máis posible”, defende.

O custo de alimentación necesario para criar unha becerra até o destete está entre 2,13 e 2,17€/día

A etapa máis cara dentro de toda a recría a fase de inxesta de leite dentro dos tres primeiros meses de vida das becerras. Esa etapa de leite supón entre o 17 e o 20% do custo total dos dous anos de recría, tanto polo custo dos produtos de alimentación que se empregan como polas necesidades de man de obra.

A día de hoxe o custo de alimentación, só en leite e concentrado, no caso de Ganxabar e Recría Castro sitúase de media entre 2,13 e 2,17€ por animal e día, debido ao incremento de prezo dos lactoreemprazantes e o penso.

Crecemento acelerado

As becerras están en boxes individuais até os 2 meses

En Ganxabar as becerras completan a lactancia en boxes individuais e en Recría Castro están uns 36 días

Durante a fase de aleitamento das becerras hai unha serie de factores a decidir, como son a cantidade de leite, a concentración, o número de tomas, o tipo de destete ou o modelo de agrupamento.

“Non hai un modelo único e todas as estratexias son válidas sempre que o resultado final sexa o idóneo: dar dúas tomas, tres ou máis; dar máis litros ou menos; dar leite cunha concentración habitual ao 12,5% ou maior; destete máis brusco ou menos brusco; agrupar os animais antes do destete ou non”, exemplifica Rogelio.

O crecemento nos primeiros tres meses de vida non se logra só a base de dar máis leite

O que se busca, en todo caso, independentemente do sistema elexido, é que os animais medren o máis rápido posible. “Sempre se dixo que os animais que máis leite toman na etapa láctea  van dar despois tamén máis leite. Pero iso non é exactamente así, é unha verdade a medias, porque é certo que canto máis crecemento nesta primeira etapa, máis produción no primeiro parto, pero este crecemento non ten por que ser só a base de dar máis leite”, asegura.

“As becerras o día que nacen son monogástricas e nos tres meses queremos que sexan animais rumiantes, preparados para consumir forraxe. Todo iso hai moitas formas diferentes de facelo e todas son válidas se respectamos unha serie de premisas”, di. Evitar o estrés e as enfermidades nos animais, que reducen os seu crecemento, son dúas delas.

Encalostrado

Para iso, a transferencia de inmunidade da nai no momento posterior ao parto é esencial. “O segredo dunha boa recría é o encalostrado”, di, algo do que se encargan, tanto no caso de Ganxabar como de Recría Castro, as ganderías de orixe das que proceden os animais. “Se non facemos ben este proceso teremos un animal indefenso os próximos 6 meses e teremos moitas probabilidades de fracasar na recría”, alerta.

A medida que pasan as horas a capacidade de pasar as inmunoglobulinas desde o aparato dixestivo ao sangue diminúe

O encalostrado serve para darlles aos animais recén nacidos a cantidade de inmonoglobulinas que necesitan para desenvolver o seu sistema inmune, que tarda varios meses en acabar de completarse.

O veterinario de Seragro recomendou aos gandeiros asistentes ás xornadas transferirlles ás becerras 150 gramos como mínimo de inmunoglobulina “e se poden ser 200 gramos mellor”, dixo. “E temos que facelo dunha maneira limpa e rápida. Muxir a vaca canto antes e darlle o costro canto antes: 4 litros nas primeiras 2 horas e outros 2 litros máis nas seguintes 6-8 horas”, explicou.  

Hoxe hai moitas posibilidades para pasteurizar e conxelar só costro de boa calidade

“Se facemos isto ben temos asegurado boa parte do éxito do que fagamos nos días e semanas posteriores. Do contrario, de nada serve dar moito leite antes do destete se non facemos ben o encalostrado porque o que imos ter é problemas”, argumenta.  

Número de tomas

A estratexia en canto a número de tomas é diferente en Ganxabar (3 tomas diarias cun máximo de 8 litros/día) e en Recría Castro (2 tomas cun máximo de 6 litros/día). “En Ganxabar repartimos máis ou menos a mesma cantidade de leite en tres tomas, iso permítenos que haxa menos da metade de problemas dixestivos que en Castro”, admite Rogelio.

Ao repartir o leite en tres tomas reducimos á metade os problemas dixestivos

Cando as xatas teñen diarreas non suspenden a toma de leite. “Non lles sacamos o leite, pero non as forzamos e o que facemos é rehidratar. Só en casos de animais graves baixamos a concentración do leite das tomas ao 10%, pero nunca retiramos o leite”, explica.

En Recría Castro a inxesta é a mesma (3 litros á mañá e 3 á noite) durante toda a estancia, salvo durante o destete, mentres que en Ganxabar comezan con 3 tomas de 2 litros na primeira semana e pasan despois a 3 litros pola mañá, 2 a mediodía e 3 á noite nas seguintes tres semanas, antes de empezar xa a reducir durante tres semanas máis para o destete.

Leite de vaca ou leite en po

O leite de vaca ten arredor dun 12,5% de MS, da que entre o 27-30% é graxa e o 25-27% proteína. “O leite de vaca ten moitas virtudes, é sen dúbida o mellor alimento, pero cando temos moitos animais temos problemas para dalo á temperatura que hai que dalo, que son 39 graos centígrados”, explicou Rogelio, que recomendou ás explotacións que dean leite de vaca respectar a temperatura de administración e a hixiene mediante a pasteurización do leite.

Neste momento o leite en pó é un produto caro, pero o leite de vaca aínda máis

En canto ao leite en po, hai distintos tipos, indicou. O Leite 60 é o que máis se parece ao leite de vaca porque leva o 60% de leite descremado en po e o Leite 0 é o que non ten leite descremado, senón por exemplo suero de leite en po e subproductos da industria alimentaria humana, como concentrados de proteína e aceites vexetais de palma ou de coco (que ten máis calidade pero tamén maior prezo).

A auga debe ser potable e de boa calidade, a concentración da mestura estable e constante e non ter grumos

“Os lactoreemprazantes son de boa calidade se na súa fabricación se empregan ingredientes e materias primas de boa calidade”, dixo o veterinario de Seragro. “Pero podemos gastarnos os cartos nun leite de excelente calidade pero se non facemos ben as cousas á hora de administralo imos tirar os cartos, porque o que imos ter é basicamente diarreas”, advertiu.

Concentración e temperatura

Cando se usa lactoremprazante o máis habitual é usalo a unha concentración do 12,5% porque deste xeito aseméllase á concentración natural do leite da vaca. “Se queremos dar máis cantidade podemos elevar a concentración ata chegar ao 17 ou 18%, pero con riscos”, alerta Rogelio.

Se queremos dar máis leite podemos subir a concentración do preparado do 12,5% ata o 18% pero con riscos

 “Se concentramos máis o leite hai que ser moi esquisitos fabricando ese leite porque senón podemos multiplicar os problemas de abomasitis e de úlceras, co que o animal non será capaz de aproveitar todo ese leite que lle estamos dando”, indica.

En Ganxabar non varían a concentración, pero en Recría Castro no inverno si que o fan, para aportar ás becerras unha nutrición máis completa coa que facer fronte ao gasto enerxético de manter a temperatura corporal.

A temperatura de administración ideal son 39 grados

En canto á temperatura de administración, o ideal son 39 grados. Con menos de 38 grados o animal ten problemas para termorregularse, polo que hai que ter en conta as condicións nas que se van efectuar as tomas. “Unha cousa é a temperatura á que nós preparamos o leite e outra a temperatura á que lle chega e llo damos no biberón á becerra. En establos grandes hai que fabricar a 42-45 grados no inverno para que lle chegue a 39 grados á xata”, recomenda Rogelio.

É imprescindible asimesmo coidar a limpeza e desinfección dos distintos útiles. “Os biberóns débense lavar ben en auga quente e deterxente da sala de muxido, despois enxuagar con auga fría e poñer boca abaixo para que sequen. E hai que limpar ben as tetinas e nunca empregar a mesma para dous animais”, aconsella.

Nunca podemos empregar a mesma tetina para dous animais

É preciso que os animais mentras maman saliven. Por iso, hai que reemprazar as tetinas cando o chorro é moi amplo e non permite que isto aconteza. En Ganxabar (onde dan 3 tomas) cámbianse as tetinas cada mes e en Recría Castro (onde dan 2 tomas), reemprázanse cada mes e medio.

Está tamén totalmente contraindicado abrirlle o burato á tetina para que os animais acaben antes de mamar, porque unha inxesta acelerada pode provocarlles abomasitis e ruminitis.

Consumo de penso

Entre os 2 e os 4 meses as becerreas están en parella ou en grupos de tres nas casetas

En Recría Castro as becerras pasan 4 semanas en grupos homoxéneos de 3 ou 4 animais por caseta

“A clave cando retiramos o leite é que o rumen ocupe o 65% da capacidade do aparato dixestivo, medrando para iso un pouco cada día, para que o animal vaia substituíndo o leite por auga, concentrado e forraxe”, explica Rogelio.

Por iso, xunto ao consumo de leite, é preciso que na fase da lactancia a xata inxira xa penso, para favorecer así o desenvolvemento do rumen. “Se damos moito leite e o animal medra moito pero non hai un desenvolvemento ruminal axeitado todo o que gañamos antes imos perdelo despois”, asegura o veterinario de Seragro.

O verdadeiro obxectivo durante a etapa de leite non é que o animal medre moito, senón que o rumen estea preparado para cando non deamos leite

“Mentras estamos dando leite temos que lograr que o desenvolvemento das papilas ruminais vaia a unha velocidade acelerada para que cando lle sacamos o leite non sufra e que teña o epiterio ruminal desenvolto para dixerir a cantidade de alimento que necesita, é dicir, que o rumen sexa capaz de asumir o ritmo de crecemento que tiñamos e que non haxa caídas no crecemento como consecuencia do destete”, razoa.

Destete

O protocolo seguido tanto en Ganxabar como en Recría Castro para toda a etapa de leite busca que as becerras acaden os 100 kg de peso ao destete, xa que “son os animais que menos problemas van dar en adiante”, afirma.

Por iso, en Recría Castro, as becerras que entran no centro moi pequenas, con menos de 40 kg, mantéñense máis tempo tomando en leite para que igualen peso coas outras. En Ganxabar iso non o poden facer por cuestión de espazo.

Tanto en Ganxabar como en Recría Castro fan destete gradual

Rogelio non recomendou o destete brusco, senón facelo gradual. En Recría Castro reducen a inxesta a 2 tomas de 2 litros cada unha durante a primeira semana e a 1 toma de dous litros a seguinte semana, antes de retirarlles o leite.

No caso de Ganxabar, eliminan a toma de mediodía a primeira semana, pasando de tomar 3 litros pola mañá, 2 a mediodía e 3 á noite a 3 pola mañá e 3 pola noite; reducen logo 1 litro en cada unha das dúas tomas, tomando 2 litros pola mañá e 2 pola noite; para eliminar finalmente unha das tomas, inxerindo só 2 litros de leite ao día na séptima semana no centro.

A partir dos 50 días é bo criar as becerras en parellas

No aspecto da socialización, Rogelio recomenda boxes individuais no primeiro mes e colectivos a partir de entón. “A partir dos 50 días creo que é óptimo criar as xatas en parellas. Nos primeiros 30 días de vida non, porque moitos animais non son autónomos á hora de mamar e hai que axudarlles e se están en grupos é difícil saber que animal non mamou para mirar temperatura, detectar problemas e tratar”, xustifica.

En Recría Castro o agrupamento (en grupos homoxéneos de 3 ou 4 animais) realízase de media logo de 36 días en boxes individuais, pasando despois outras 4 semanas aloxadas en grupos. No caso de Ganxabar, as xatas completan todo o proceso de lactancia en boxes individuais até a semana posterior ao destete.

Resultados e obxectivos

Malia levar a cabo estratexias distintas en canto a número de tomas, litros de inxesta, aloxamento e destete, non hai grandes diferenzas no resultado final obtido por Seragro nos centros de Mazaricos e Castro de Rei. “En Ganxabar conseguimos con 84 días 98 kilos de media, mentres que en Recría Castro obtemos 103 kilos en 86 días. Son 5 quilos menos en Ganxabar pero tamén son 2 días menos de leite”, explica Rogelio.

A fase de aleitamento permite dobrar o peso vivo da xata

Nos dous casos, a fase de aleitamento permítenlles dobrar o peso vivo da xata, cunha ganancia media diaria de 0,83 quilos en Ganxabar e de 0,86 en Recría Castro. 

Este resultado ao destete permítelles acadar o obxectivo final unha vez completado o proceso de recría: “lograr ao menor costo posible animais sans e funcionais que pairan antes dos 24 meses e que duren moitos anos dando leite na explotación”, defende Rogelio.

Transformación de monogástrico a rumiante

Saída de xovencas preñadas de volta cara ás ganderías de orixe

Saída de xovencas preñadas de volta cara ás ganderías de orixe

O éxito do manexo da etapa de leite reside na correcta transición do animal de monogástrico a rumiante a base da inxesta de leite e concentrado: o leite permite unha maior ganancia de peso, pero o concentrado ten un maior efecto no desenvolvemento das papilas ruminais.

“O concentrado ocupa moito menos que a forraxe e xera moita máis cantidade de ácidos graxos volátiles, que son os que fan que as papilas ruminais medren. Por iso nas primeras semanas de vida do animal lactante non está moi aconsellada a introdución de forraxe na dieta”, explica Rogelio.

Nas primeras semanas de vida do animal lactante non está moi aconsellada a introdución de forraxe na dieta

“Temos que facer que esa becerra que ten unha capacidade total de 3-4 litros en todo o seu aparado dixestivo e no que o abomaso representa o 60% e o rumen o só o 25% se transforme cando a destetamos ás 12 semanas nun animal rumiante onde o rumen pase a representar o 65% e o abomaso o 20%”, indica

“E para iso temos que lograr que sexa capaz de meter 30 litros mellor que 20, porque iso vai significar que vai ter capacidade de comer más concentrado e máis forraxe e vai ser capaz de medrar máis a menor custo porque se temos que dar leite vamos facer unha alimentación cara e ineficiente”, argumenta.  

Vixiar as condicións de estrés

Ademais da alimentación, outro factor clave para o correcto desenvolvemento da becerra ten que ver coas condicións de recría, tanto as instalacións como o manexo. “Debemos ser moi coidadosos co manexo dos animais e non crear condicións estresantes, non vaia ser que o que conseguimos dándolles moito leite e moito concentrado o desfagamos por unhas malas condicións nesta fase de lactancia”, advirte Rogelio.

As situacións de estrés fan que o rumen sufra lesións pola chegada de leite

“Se facemos mal as prácticas de manexo destruiremos epiterio ruminal porque cando o animal inxire leite debe pasar todo ao abomaso sen que caia no rumen, porque se vai o leite ao rumen teremos episodios de ruminitis e estaremos destruíndo epiterio ruminal. Pero cando bebe auga esa si que debe quedar no rumen para estimular o consumo de penso”, explica. 

As fermentacións ácidas pola chegada de leite danan o epitelio ruminal

Para incentivar o consumo gradual de alimento sólido a xata debe dispoñer de auga potable e penso prestarter ad libitum desde o primeiro día de vida. Tanto a auga como o penso deben ser renovados a diario.  

A cantidade de auga que bebe a xata debe pasar de 1,25 litros ás dúas semanas a case 5 litros ás 6 semanas, a medida que se incrementa o consumo de concentrado e se baixa a inxesta de leite.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información