Consellos para mellorar a xestión da auga nas ganderías de leite

Cubrir o pozo do purín, recoller a auga de chuvia das cubertas das naves ou reutilizar a auga empregada no lavado da sala de muxido son algúns consellos sinxelos para mellorar a pegada hídrica das explotacións

Daniel Sánchez explica o funcionamento do sistema de auga da granxa durante a visita dos alumnos e alumnas de Fonteboa

Daniel Sánchez explica o funcionamento do sistema de auga durante a visita dos alumnos e alumnas de Fonteboa

Alumnos e alumnas da EFA Fonteboa de Coristanco visitaron esta semana a gandería Devesa Langueirón SL, situada no concello coruñés de Ponteceso, para coñecer de primeira man as medidas que adoptaron para mellorar a xestión da auga nesta explotación.

A parte teórica da formación foi impartida por Juan Castro Insua, do CIAM, que detalla algúns aspectos clave do uso da auga nas ganderías de vacún de leite para facer unha boa xestión dos recursos hídricos.

Un bo mantemento das infraestruturas, tales como captacións e conducións de auga, bebedoiros, billas e outras instalacións hidráulicas, con revisións periódicas, sería a premisa básica para evitar perdas e fugas que nos fagan desperdiciar auga.

 Separar e aproveitar a auga de chuvia

Outra medida fundamental nun lugar con elevada pluviometría como é Galicia pasa por separar a auga da cuberta das naves, ben para recollela e reaproveitala, ben para canalizala, nun estado de limpeza axeitado, cara a un cauce de auga.  

É unha cantidade enorme de auga a que nos cae nos tellados. É un recurso que está aí para aproveitar nunha seguinte fase

“Hai que recoller a auga do tellado de forma separada, é auga limpa á que podemos dar un uso na granxa ou que pode ir directamente para o prado ou un regato. O problema é se a mesturamos con efluentes de silo ou da esterqueira ou acaba na explanada pola que están pasando os tractores”, indica Juan.

Mantemento dos canalóns e baixantes

Para evitar que a auga de chuvia se contamine, resulta fundamental un bo mantemento dos canalóns para que non reborden, así como a limpeza das baixantes e que estas non estean rotas ou danadas por golpes.

Os canalóns e baixantes hai que limpalos periodicamente porque se enchen de follas no outono ou rompen con frecuencia por algún golpe

A segunda fase, despois de recoller de forma separada a auga de chuvia, sería facer balsas no entorno da explotación para aproveitala. Unha cuberta de 2.500 metros cadrados como a da gandería Devesa Longueirón recollería uns 3.250 metros cúbicos de auga ao ano (resultado de multiplicar a superficie pola media de precipitacións anual, duns 1.300 litros). “Unha vaca bebe 3,6 metros cúbicos de auga ao ano, polo que poderiamos dar de beber a 900 vacas”, compara o investigador do CIAM.

 Almacenar auga para os periodos de seca

Juan é partidario de facer pequenas infraestruturas de almacenamento de auga nas explotacións porque, di, “cada vez máis hai maiores oscilacións nas precipitacións e menor regularidade na choiva, con máis periodos de seca e escaseza prolongada e outros de treboadas e fortes chuvias”.

Cada vez hai máis oscilacións e menor regularidade na choiva, con máis periodos de escaseza e outros de treboadas

Como exemplo, saca os datos de Meteogalicia deste ano, que indican que na zona de Santa Comba “nestes últimos 15 días van acumulados 500 litros por metro cadrado mentres no mes de xullo prácticamente non choveu nada”.

Por iso, recomenda ás explotacións adaptarse a esta consecuencia do cambio climático e regular as súas reservas hídricas con actuacións de recollida de augas. “Hai que facer balsas e depósitos para poder gardar auga dos momentos chuviosos para os periodos de seca. En Galicia temos que empezar a pensar nestas cousas”, asegura.

Hai que facer balsas e depósitos para poder gardar auga para os periodos de seca

Coa nova regulación normativa, recollida no Regulamento Hidráulico, sinálanse uns máximos de auga que se poden reutilizar de choiva de 7.000 metros cúbicos ao ano en cada predio.  “Temos que empezar a traballar nestes temas, como xa se está facendo noutras zonas de España, ben sexa para rega, para beber os animais ou para outros usos como a limpeza”, indica.

Non competir coa auga da traída

Gran parte da auga que se emprega nas explotacións galegas vén de fontes e pozos propios. Isto permite non competir no verán coa auga das traídas municipais ou comunitarias que se empregan para beber a poboación. Do mesmo xeito, ao non teren que pagar pola auga, o custo para as ganderías é menor que se a tivesen que mercar.

Gran parte da auga que se emprega nas explotacións galegas vén de fontes e pozos propios

“Cada vez máis vai haber recursos hídricos limitados e hai que procurar que o gando non compita coa auga de beber a xente, sobre todo en periodos críticos como o verán”, defende Juan Castro.

“Nos bebedoiros ten que ser auga limpa, pero non ten por que estar clorada ou potabilizada e para limpar o patio de espera sería absurdo usar auga clorada. A auga dunha baixante, con filtros ou decantadores adecuados, serviría perfectamente”, engade.

Protexer o perímetro dos mananciais

Nunha captación de auga, non só importa a cantidade, senón a calidade desa auga. Por iso, o investigador do CIAM é partidario de protexer os perímetros de protección desas fontes de auga, evitando, por exemplo, aplicar purín para evitar a súa contaminación por nitratos.

“Neste momento hai un baleiro legal, porque non se pode aplicar purín nas faixas de protección dos cauces fluviais (5 metros), pero non é así ao redor das captacións de auga”, explica Juan.

Neste momento hai un baleiro legal arredor das captacións de auga

É unha situación que podería mudar en breve a nivel autonómico. “No novo plan hidrolóxico Galicia-Costa vaise facer fincapé na protección a mananciais de captación e abastecemento humano de carácter público, por exemplo os municipais”, detalla.

Dependendo do volumen da captación, o perímetro de protección sería de 200 metros para unha vila ou cidade e de 35 metros para unha casa particular, pero hai moi poucos perímetros de protección establecidos. “Os dos balnearios son os únicos que están establecidos”, aclara.

Xestionar ben a auga de limpeza  

En Devesa Longueirón SL reciclan a auga de lavar a sala de muxido para baldear a sala de espera do gando

En Devesa La dengueirón SL reciclan a auga de lavar a sala de muxido para baldear a sala de espera do gando

A nivel de granxa poden adoptarse tamén outra serie de medidas de aproveitamento da auga que son sinxelas de implementar. Por exemplo, xestionar ben a auga de limpeza. Para baldear os patios, corredores ou a sala de espera pode reutilizarse da propia choiva, da recollida dos tellados, ou da sala de muxido.

É importante separar a auga procedente do lavado da sala de muxido e non mandala para o pozo do purín

“A limpeza da leitería  e a sala de muxido, por normativa hixiénica, ten que facerse con auga potable, pero a da sala de espera non”, explica Juan. Para non desperdiciar auga é importante ter un solo que sexa doado de limpar e que permita facelo no menor tempo posible e co menor consumo de auga posible. “Hai que procurar que o formigón non teña fendas ou non estea desconchado para que non acumule suciedade, ou que os azulexos ou o chan da sala de muxido estean en bo estado, para gastar a menor auga posible na súa limpeza”, exemplifica.

Cubrir a fosa de purín  

Fosa de xurro cuberta da granxa, con capacidade para 5 millóns de litros

Fosa de xurro cuberta da granxa, con capacidade para 5 millóns de litros

Entre feces e ouriños unha vaca excreta uns 60 litros de auga ao día. A iso habería que engadir entre 13 e 15 litros de auga de limpeza, polo que o volumen de auga que vai á fosa do purín diariamente é de entre 73 e 75 litros por UGM. “É importante telo en conta para dimensionar axeitadamente a fosa, en función do número de animais e o tempo que vai estar ese purín almacenado, pero independentemente da capaciade non se debe mandar para a fosa auga innecesaria”, recomenda Juan.

Nun lugar coma Galicia tapar as fosas do xurro preséntase coma unha medida axeitada. “Se a fosa está descuberta perdemos capacidade de almacenamento que ocupa a auga da chuvia e rebaixamos o poder fertilizante do purín, porque o único que imos facer é transportar auga e perder o tempo e o gasóleo, que é un dos insumos que máis subiu, e estaremos emitindo máis CO2 nas viaxes que damos co tractor”, argumenta.

Se fas números cubrir a fosa é un investimento rendible que enseguida se amortiza

“Investir na cuberta e dimensionamento da fosa axuda a ter tranquilidade ao gandeiro e a poder xestionar mellor a aplicación do xurro, para botalo nas terras no momento en que o cultivo o require e non cando a capacidade do pozo o determina. Se fas números é un investimento rendible que enseguida se amortiza”, asegura Juan.

Xurro con máis materia seca

Ter a fosa cuberta permite contar cun purín máis concentrado e uniforme. “Se quitamos a auga da chuvia imos ter un purín máis estable na súa composición, que é máis doado de dosificar porque non varía. Sempre é convinte tapar a fosa e logo engadir ou non auga en función da necesidade. É absurdo arriscarse a ter a fosa rebordando e vai en contra das boas prácticas agrarias”, asegura Juan.  

A gandería Devesa Langueirón ten unha fosa cuberta de 5 millóns de litros cunha rampa para baixar coa cisterna a cargar. Iso permite ter un purín con menos humidade ca noutras explotacións con outro tipo de pozo, porque “o límite vaino poñer a capacidade de aspiración da bomba da cisterna e tamén o cultivo que fagamos”, indica o investigador do CIAM.

En Devesa Langueirón, o pozo, de 5 millóns de litros de capacidade, está cuberto e ten unha rampa para cargar coa cisterna

Normalmente a humidade media do xurro está nun 7%, pero en función do cultivo que se vaia abonar, pode incrementarse considerablemente a densidade do purín. “Cando botamos o millo podemos facer unha gran utilización de xurro o máis gordo posible, ata un 15% ou 16% de materia seca, que é o máximo que podemos manexar coa cisterna. Pero se temos pradeiras de longa duración ese purín gordo non nos serve, porque crea unha costra e non infiltra”, aclara.

O purín gordo no millo pódese enterrar, pero na pradeira queima a herba, crea unha costra e non infiltraría

Na gandería Devesa Langueirón manexan unha superficie agraria de 200 hectáreas. Na maior parte delas botan millo, que rotan con raigrás. A aplicación de purín, contando o millo e a herba, é de 60 metros cúbicos por hectárea. “A boa xestión da auga vai repercutir no valor nutricional do purín como recurso propio. Calculado nesta explotación, o valor do purín na fosa sería de 235.000 euros, aos prezos de hoxe en día dos abonos”, asegura Juan.

Fonte: Balance de Nitrógeno de la Agricultura Española; MAPAMA 2019

Fonte: Balance de Nitrógeno de la Agricultura Española; MAPAMA 2019

Unha vaca de alta produción, de entre 11.000 e 12.000 litros de leite, xera un valor de 500 euros sumando o nitróxeno, fósforo e potasio que produce ao ano: 125 kg de nitróxeno (N), 42kg de fósforo (P2O5) e 100kg potasio (K2O).

O purín é un recurso e non debe pensarse como un residuo

“As explotacións de vacún que temos en Galicia, a diferencia das explotacións intensivas sen terra, poden facer economía circular. Para elas o purín nunca é un residuo. Non podemos dicir que temos un exceso de puríns en Galicia cando estamos gastando 36.000 toneladas de nitróxeno mineral ao ano, segundo os datos publicados polo Ministerio nos balances de nitróxeno e fósforo. Polo tanto, non hai un problema de exceso de xurro, senón de mala xestión”, insiste.  

En Galicia cómpranse cada ano 36.000 toneladas de nitróxeno mineral, que ao prezo que ten hoxe supón 100 millóns de euros

“Galicia podería ser autosuficiente en abono facendo unha xestión eficiente dos abonos orgánicos. O valor económico que se podería aforrar anualmente sería de 100 millóns de euros, ao prezo dos abonos químicos actuais. Ademais, tendo en conta que para facer 1 kg de N mineral se necesitan 16,15 KWh de enerxía, utilizando ben o abono orgánico en Galicia, poderíamos aforrar anualmente 577 GWh de enerxía, que traducido a gas natural serían aproximadamente 49 Hm3, ou tamén a enerxía producida anualmente en Galicia por aproximadamente 270 muiños de vento de 0,81 MW”, detalla Juan Castro.

“A auga é un recurso máis, que se debe aproveitar ben”

Sistema de auga quente da gandería Devesa Longueirón SL, ubicada en Ponteceso

Sistema de auga quente da gandería Devesa Longueirón SL, ubicada en Ponteceso

O ciclo da auga na gandería Devesa Langueirón SL comeza nun manancial propio, situado a un km e medio da explotación. “Temos un manancial e temos un pozo para usar en caso de emerxencia, pero co manancial amañamos. Este verán non tivemos problema a pesar da seca”, explica Xusto Sánchez, un dos socios da gandería.  

A auga desta captación propia é conducida até a granxa, onde se somete a un tratamento con peróxido de hidróxeno (auga osixenada), que serve para eliminar a posible contaminación bacteriolóxica. “Antes empregabamos cloro para garantir a estabilidade, pero xa hai tempo que o cambiamos por peróxido”, explica Xusto.  

En Devesa Langueirón un manancial propio abastece á granxa

Unha vez estabilizada, tratan de facer unha xestión o máis eficiente posible da auga, porque a consideran “un recurso máis”. “Facemos cousas que son lóxicas e que fomos implantando para tratar de aproveitar mellor a auga, reducindo o seu consumo”, indica. Para iso, resulta imprescindible ter control dos distintos consumos, con medición de cada un dos procesos que se levan a cabo na granxa nos que a auga é necesaria.

Consumo: 200 litros por vaca e día

A explotación precisa duns 100 metros cúbicos de auga ao día, a metade para os bebedoiros. Cada vaca bebe uns 100 litros ao día e contan neste momento con 480 vacas adultas (a recría está externalizada), polo que só para o consumo do gando equivale a uns 50.000 litros diarios.

Outros 50 metros cúbicos destinaríanse ao enfriamento do leite e á auga de limpeza tanto da sala de muxido como da sala de espera e corredores. A refrixeración do leite faise con auga. Empregan para iso entre 2 e 3 litros de auga por litro de leite. Por medio de intercambiadores, traspasan o calor do leite á auga, que sae a 22 grados. “É un recurso que temos aí e que poderiamos meter nos bebedoiros”, explica Xusto.

Reutilización da auga de limpeza da sala de muxido

A agua de lavar o circuito da sala de muxido, que leva os produtos de limpeza, vai para o pozo do purín. A de lavar os tanques de frío tamén, pero a de lavar a propia sala recupérana e reutilízana para lavar a sala de espera.

“Temos un pozo con dous compartimentos e cunha bomba dámoslle presión para lavar a sala de espera. É un depósito que leva uns 30.000 litros que funciona como un tanque de decantación cun filtro básico que deixa os sólidos separados”, detalla.

A auga de limpar a sala de muxido recupérase para empregala despois na limpeza da sala de espera do gando

Precisan diariamente uns 6.000 litros de auga (6 metros cúbicos)  para a limpeza da sala de espera, que se baldea tres veces ao día, unha vez remata cada unha das tres muxiduras que realizan.

Unha vez baldeada, a auga da limpeza da sala de espera do gando, que leva bosta e ouriños, acaba no pozo de xurro. “A sala de espera está na cabeza dos pasillos da nave e despois de lavala a auga vai para a fosa a través da arrobadeira”, indica Xusto. Esa auga da limpeza que vai para o pozo do purín representa menos de 15 litros por UGM ao día.

Filtro verde antes de verter ao río

A auga dos tellados está toda canalizada directamente e vai ao río. Tamén a auga empregada para arrefriar o leite que entra ao tanque de frío vai por esta mesma condución.

Antes de chegar ao cauce fluvial teñen un pequeno filtro verde, con pedras e vexetación natural, como por exemplo espadanas, que axudan a acabar de depurar a auga antes de vertela ao río. “Non temos impacto ningún no río, non observamos alteración de ningún tipo pola auga que nós aportamos”, asegura Xusto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información