Consellos para manexar as colmeas despois dun incendio

Consellos para manexar as colmeas despois dun incendio

A Agrupación Apícola de Galicia acaba de publicar unhas recomendacións para o manexo das colmeas despois dun incendio, unha situación que afecta a moitos apicultores e apicultoras das comarcas de Valdeorras, O Courel ou de Manzaneda que viron como estes días o lume afectaba a centos de colmeares.

Estes son os consellos da Agrupación Apícola de Galicia:

1) Co incendio activo:

Recomendan acceder aos colmeares soamente no caso de ser seguro para facer o posible traslado das colmeas a un lugar máis seguro.

2) Con incendio activo pero con posibilidade de acceder ao colmear:

-Facer fotografías ao colmear para reclamar ao seguro, antes de tocar nada.

-Comprobar o estado das colmeas:

Nas colmeas queimadas: Acumular nun extremo do colmear os restos destas colmeas e mover o mel que puidera haber sobre a superficie do terreo, tendo coidado coa pillaxe do mesmo por parte doutras abellas.

Nas colmeas parcialmente afectadas: Comprobar o estado dos marcos. Normalmente os cadros con mel tardan máis en fundirse pero tamén unha vez fundidos fan máis dano. Cambiar o bloque de abellas e os cadros salvables a colmeas novas ou a caixas en bo estado. Usar preferentemente cadros estirados mellor que estampados.

Nas colmeas non afectadas: Comprobar o estado das abellas. Hai que ter en conta que as abellas pecoreadoras foron as máis afectadas polo que haberá despoboamento da colmea.

3) Conservación das abellas:

-Se as podemos mover, desprazalas a unha localización con vexetación e auga. Alimentalas os primeiros 15 días con líquido 2:1 ou 3:1 de relación entre auga e azucre e cunha punta de culler de sal cada 2 litros de alimento (sal común e/ou de potasio).

-Se non as podemos mover teremos que pensar en buscar un emprazamento novo para os vindeiros anos e de momento irémolos alimentando coas seguintes pautas:

Os primeiros 20 días alimentalas cunha mestura de auga e azucre en proporción 2:1 e mesmo 3:1, iniciando con 0,5 litros e aos 3 ou 5 días volver encher o recipiente onde lles depositamos a comida. Ir aumentando progresivamente a cantidade de alimento ata acadar 1 ou 1,5 litros, podendo espazor os períodos de reposición da comida cada 7 días.

Nos seguintes meses alimentalas segundo a necesidade, incrementando a concentración de azucre e achegándolles algo de proteína (ou alimentos xa preparados) para evitar o decrecemento da colonia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información