Consellos para inseminar correctamente unha vaca

Intervención de Javier Valledor Puente, xefe dos Servizos Veterinarios de Feiraco na Xornada Técnica: Sanidade en Vacún de Leite, celebrada na EFA-Fonteboa, en Coristanco (A Coruña). Consellos para inseminar correctamente unha vaca.

Consellos para inseminar correctamente unha vaca

Esquema de inseminación.

Os 4 grandes piares que determinan o éxito reprodutivo son: o home, a vaca, o entorno e a alimentación.

Dentro dos factores humanos sinalaremos a toma de datos, PEV, detección de celos, o manexo e calidade do seme, a técnica de inseminación… etc.

E en canto ao animal, salientaremos a fertilidade, que depende das patoloxías do periparto, de outras patoloxías, da idade ou da xenética.

Centrándonos na técnica de inseminación imos dar algunhas recomendacións tanto sobre o equipo de inseminación como sobre a técnica.

Equipo para a inseminación

INSEMINACION_FEIRACO_01_vertical

Tanque para conservar o seme.

Debe constar dos seguintes elementos:

  • Tanque de preservación do seme (nitróxeno líquido).

  • Un termo de desconxelación xa que facelo a temperatura ambiente prexudicaría gravemente a fertilidade.

  • Cortador de palletas de semes (serven unhas tesoiras).

  • Luvas de plástico para palpación (desbotables).

  • Un termómetro.

  • Vainas para inseminación.

  • Catéter para inseminación (segundo tipo de palleta).

  • Papel.

Técnica de inseminación artificial

.   Detectar o tempo preciso do estro ou celo, pois o momento óptimo da inseminación é entre as 12 e 18 horas dos signos externos de celo. O correcto será inseminar pola mañá as vacas que presentaron celo na tarde, e as que presentaron o celo na mañá pola tarde. É unha regra empírica denominada AM-PM, universalmente aceptada.

.   Nos bovinos a técnica máis difundida e eficaz é o método rectocervical que consiste en introducir un brazo polo recto do animal, coa man manipular o cérvix e coa outra man manipular o aplicador ou pistola de inseminación que se introduce a través da vaxina e o colo uterino para depositar o seme no corpo do útero.

.   Coa man desprovista de aneis ou reloxo, coa uñas recortadas e cunha luva lubricada con xel, introdúcese polo ano do animal ata o recto, onde con movementos suaves se dá un pouco de masaxe sobre a vaxina para ver a presenza de moco fluído e observar a súa cor. Tamén se pode palpar o útero que estará turxente e decidir se a vaca é apta ou non para inseminarse.

INSEMINACION_FEIRACO_02_vertical

Técnica para introdir o seme.

.   Revisar se temos o noso equipo e instrumental de inseminación completo.

.   Desconxelar a dose de seme que se vai aplicar.

.    Destapar o termo de conservación de seme e elevar o canister ata a boca deste, expoñéndoo o menos posible, protexéndoo da luz solar e das correntes de aire.

.   Cóllese rápido pero con coidado a palleta coas pinzas especiais e deposítase inmediatamente no recipiente desconxelador.

.   A desconxelación do seme é un punto relevante que inflúe no éxito da inseminación artificial. A temperatura ideal é de 35-37ºC. Por un tempo de 30-40 segundos o seme debe deixarse en auga morna polo que é importante medir con termómetro a temperatura da auga. Tamén debe protexerse o seme dos raios solares, luz intensa e correntes de aire.

.   Unha vez desconxelada a palleta, tómase do extremo e sécase, córtase da parte superior e introdúcese dentro do aplicador pola parte do tapón. É importante que o acoplamento da palleta coa funda se produza axeitadamente, pola contra o seme queda entre o aplicador e a funda.

.   Móllase a man xa enluvada, introduce polo ano ata o recto para localizar o cérvix, (sin danar tecidos) e coa outra man introdúcese o aplicador nun ángulo de 45ºC pola vulva ata chegar a vaxina. O aplicador introdúcese polo canal cervical axudándose da man introducida polo recto, oprímese o émbolo do aplicador lentamente retrocedendo de 1 a 2 cm aproximadamente para que o seme quede colocado correctamente.

.   Retírase o aplicador e a man simultaneamente desbotando luva e a vaina nun lugar axeitado.

Un caso práctico de boa e mala inseminación

Para iso partimos dun caso real nunha explotación tipo de 70 vacas en muxido.

O veterinario fai unha visita mensual e a fertilidade ata 30-09-13 era do 18-19%. Dábase a circunstancia de que só insemina o gandeiro.

A sospeita inicial desta baixa fertilidade é que hai unha mala selección das vacas a inseminar ou que o gandeiro non insemina ben.

Plantéaselle entón ao gandeiro que probe con outro técnico ou que nos dea a oportunidade de establecer unha frecuencia de visitas maior.

O gandeiro accede a un maior número de visitas e a estratexia a seguir é establecer un presynch e seleccionar e inseminar os veterinarios as vacas en cada visita. O gandeiro encárgase de inseminar as vacas que ve en celo entre as visitas.

Unha vez feitos estes cambios a fertilidade desde 1-10-13 ata 4-09 sobe ao 26.8%. Pero se desglosamos este dato temos:

  • Gandeiro: 105 vacas inseminadas das que só preñaron 19. Polo tanto unha taxa de fertilidade do 18.1%.

  • Veterinario: 44 vacas inseminadas das que preñaron 21, cunha taxa de fertilidade do 47.73%

Conclusión:

Nalgúns casos e vistos os resultados será necesario replantear a técnica de inseminación desarrollada polo gandeiro ou substituílo por outro inseminador, veterinario ou non.

Javier Valledor Puente.

Javier Valledor Puente traballa nos Servizos Veterinarios de Feiraco.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información