Para facer unha correcta fertilización do millo forraxeiro nas explotacións gandeiras leiteiras, temos que coñecer:
- As necesidades de nutrientes do millo forraxeiro.
- A riqueza en nutrientes do solo.
- O valor fertilizante do xurro.
- As técnicas, momentos e condicións de aplicación do xurro para a mellora da eficiencia na utilización do nitróxeno.
Necesidades de nutrientes do millo forraxeiro
Para unha produción estimada de 15 t/ha de materia seca de millo, deben aplicarse sobre 180 kg/ha de N, 75 kg/ha de P2O5 e 200 kg/ha de K2O.
O nitróxeno no millo convén distribuílo en dúas metades, unha en fondo e outra en coberteira, para adaptarse aos requirimentos do cultivo ao longo de seu desenvolvemento, aínda que co xurro pode aplicarse todo en fondo, pois é un abono orgánico cunha liberación progresiva do nitróxeno ao longo do tempo. Tamén o uso de fertilizantes con inhibidores da nitrificación como o DMPP ou fertilizantes de liberación lenta permite obter producións semellantes nunha soa aplicación.
A riqueza en nutrientes do solo
Análise de terras:
Farase sempre antes de abonar e tomaranse dúas mostras duns 500 g de cada parcela homoxénea, que serán mesturas de volumes de terra pequenas, unha nos primeiros 20 cm en quince ou vintecinco lugares diferentes uniformemente repartidos (en zig-zag) e outra nunha profundidade de 20 a 40 cm que debe ser unha mestura dun mínimo de cinco sitios diferentes uniformemente repartidos.
As análises de terra convén facelas cada catro-cinco anos, para coñecer tanto as necesidades de encalado como o contido e evolución dos nutrientes do solo.
Encalado:
O encalado debería ser unha práctica habitual na maior parte dos solos de Galicia, pois análises de terras de explotacións de vacún de leite feitas no CIAM mostran aínda unha elevada acidez en moitas parcelas.
Beneficios agronómicos do encalado:
- Corrixe a acidez do solo mellorando a dispoñibilidade dos nutrientes e neutralizando a toxicidade do aluminio que ten un efecto negativo sobre o desenvolvemento das raíces.
- Mellora a estrutura do solo, permitindo unha mellor aireación e infiltración da auga.
- Mellora a actividade microbiolóxica que é a que descompón a materia orgánica aportada co xurro ou co esterco, liberando lentamente os nutrientes.
A porcentaxe de alumino presente no complexo de cambio é un bó indicador da acidez e para obter unha boa produción a porcentaxe de aluminio debe situarse por debaixo do 10%. As doses de encalante (en forma de caliza ou óxido de calcio cun 100% de riqueza) recomendadas para corrixir a acidez do solo para os cultivos forraxeiros en Galicia móstranse na seguinte táboa.
Para coñecer as doses para outros materiais encalantes e/ou porcentaxes de riqueza pode empregarse a aplicación de Recomendación de Encalado (Aplicación REN) da páxina web do CIAM (www.ciam.es). Se nas camas do gando temos carbonato cálcico, o xurro será mais rico en calcio e terá poder encalante.
Fósforo e potasio
Para facer un correcto abonado debemos considerar a riqueza do solo. O nivel do solo en fósforo e potasio determinará se debemos aplicar o que se denomina abonado de corrección, ademais do abonado de mantemento que aporta as extraccións que realiza a colleita anualmente ou se non é necesario abonar:
- En solos pobres, con niveis por debaixo de 16 ppm de fósforo e 121 de potasio, ademais do abonado de mantemento é necesario facer abonado de corrección para ir incrementando os niveis ata os dun solo medio.
- En solos de riqueza media con valores de entre 16 e 25 ppm de P e entre 121 e 240 ppm de K só será necesario un abonado de mantemento. En solos con contidos en fósforo superiores a 26 ppm de P e 241 ppm de K poderíamos reducir os fertilizantes, e cando os contidos en fósforo son superiores ás 45 ppm e os contidos en potasio ás 400 ppm non necesitaríamos aplicar nin fertilizantes fosfóricos nin potásicos, xa que haberá reservas no solo suficientes que poderá asimilar o millo.
Moitas parcelas das explotacións galegas teñen niveis altos ou moi altos de fósforo e altos de potasio, o que permite reducir as aplicacións dos fertilizantes fosfóricos e potásicos e aforrar en custos de abonado.
Nitróxeno:
Farase un abonado nitroxenado de mantemento que aportará as extraccións de nitróxeno pola planta, e o que se perde no solo por lixiviado e por volatilización do amoníaco (NH3) cara á atmosfera que poden ser importantes no caso do xurro e da urea.
Para facer unha correcta fertilización nitroxenada sería conveniente coñecer ou estimar o nitróxeno mineral presente no solo ao inicio do cultivo e o que se xera por mineralización da materia orgánica do solo. Este aporte de nitróxeno mineral pode ser importante cando se cultiva previamente unha leguminosa ou cando se incorpora ao terreo un cultivo, que é o que se denomina abono verde. Cando se labra unha pradeira de longa duración se pode asimilar a un abono verde. Así, no caso de enterrado dun cultivo de leguminosas ou cultivo previo de pradeiras plurianuais que deixan no solo unha gran cantidade de raíces pódense reducir as doses de N recomendadas en torno aos 100-125 kg/ha. Se o cultivo previo é de leguminosas colleitadas as doses de N pódense reducir en torno aos 40-50 kg/ha.
O valor fertilizante do xurro
O xurro presenta variabilidade entre sistemas de alimentación e dunhas explotacións a outras. Por iso é conveniente caracterizalo no momento da súa aplicación, mediante unha análise ou mediante unha estimación á partir de medidas indirectas (densidade e/ou condutividade).
No caso de non poder facer esta caracterización podemos utilizar uns valores medios como pode ser a media de máis de 200 mostras de xurro de vacún analizadas nos últimos anos no CIAM. O valor fertilizante deste xurro medio é de 3.32 Kg de N/ m3 de xurro, 1.41 kg de P2O5/ m3 de xurro e de 3.83 kg de K2O/ m3 de xurro.
A mostra de xurro para análise no laboratorio debe tomarse da fosa remexendo previamente o xurro, ou directamente da cisterna. A cantidade de mostra estará en torno a medio litro, o envase será de plástico e non se encherá na súa totalidade. Se deberá almacenar en lugar fresco e durante non máis de tres días antes de enviala ao laboratorio
Estimación da composición mediante densímetro ou condutímetro:
A toma de mostras será igual que para a análise de laboratorio, depositando o xurro recollido nunha probeta ou nun cubo coa suficiente profundidade, remexerase o xurro, e depositárase un densímetro, facendo a lectura aos cinco minutos.
A densidade do xurro está en relación coa materia seca, e esta está relacionada fundamentalmente co contido de P e de N orgánico.
A estimación da composición química do xurro de vacún faise tamén a partir da medida da condutividade e a densidade, o que mellora a predición dos contidos de nutrientes. A condutividade está relacionada fundamentalmente cos elementos disoltos no xurro que son o K e o N amoniacal. Esta estimación faina a aplicación RAX de Recomendación de Abonado con Xurro no millo forraxeiro (www.ciam.es) mediante a introdución dos valores da condutividade e da densidade. A condutividade (mS/cm) determínase remexendo previamente o xurro e tomando unha mostra de 100 ml da cisterna ou da fosa que se introduce nunha probeta de 1000 ml de capacidade que despois se enche con auga ata os 1000 ml e introdúcese o eléctrodo dun condutímetro previamente calibrado. Estas estimacións a partir de medidas indirectas fainas a aplicación RAX de Recomendación de Abonado con Xurro no millo forraxeiro (www.ciam.es) mediante a introdución dos valores da condutividade e da densidade.
Mellora da eficiencia de utilización do nitróxeno (N) dos xurros
Perdas por volatilización:
Se debe enterrar o xurro para evitar as perdas do nitróxeno amoniacal. Se non se enterra se poderá volatilizar ata a totalidade do nitróxeno amoniacal, que representa aproximadamente un 48% do nitróxeno total presente nos xurros de vacún de leite. O 50% das perdas de amoníaco ocorren dentro das 4-12 horas despois da aplicación, a incorporación con grades pode diminuír as perdas arredor do 80% e a inxección en profundidade na súa totalidade.
As perdas por volatilización serán maiores canto maior sexa a materia seca do xurro (xurros espesos) e menores en xurros diluídos debido a maior facilidade de infiltración no terreo destes últimos.
Se o terreo está labrado antes de botar o xurro a infiltración será mellor e polo tanto as perdas serán menores.
A temperatura, a humidade e o vento no momento da aplicación tamén inflúen nesta volatilización:
Para mellorar a utilización do nitróxeno tamén convén diminuír ao mínimo as perdas por lixiviación, así se é posible dende un punto de vista práctico deben evitarse aplicacións no inverno (período de precipitacións elevadas) posto que a choiva pode lavar os nitratos antes de ser asimilados polo cultivo. O atraso das aplicacións do xurro para o millo forraxeiro a finais de inverno-comezo da primavera, aproximándose á sementeira, incrementará a utilización do nitróxeno.
Plans anuais de abonado con xurro en función da intensificación da explotación
As explotacións de vacún de leite galegas poden aforrar moitos cartos na compra de fertilizantes minerais e en moitos casos poden prescindir totalmente deles. A compra de fertilizante mineral debe calcularse como complemento do xurro.
Unha forma bastante aproximada de coñecer a cantidade de abono anual que dispoñemos no xurro é sabendo o leite producido por hectárea de SAU.
A excreción media de fósforo está na proporción de 30% no leite e 70% no xurro, mentres que a excreción de nitróxeno se distribúe, normalmente, desta forma: 30% no leite, 40% no xurro e 30% de perdas no establo e na fosa.
Na seguinte figura represéntase a cantidade de nitróxeno e fósforo dispoñible por hectárea de SAU para abonar anualmente con xurro en función da produción de leite por hectárea. Para contabilizar o N realmente dispoñible haberá que ter en conta as posibles perdas por volatilización e lixiviación.
Dispoñibilidade anual de abono no xurro por ha de SAU en función da produción de leite por ha de SAU
Para unha fosa cun dimensionamento de 6 meses, a partir dunha produción de 22.000 litros de leite por hectárea de SAU non sería necesario mercar ningún tipo de abono fosfórico para abonar o millo (15t/ha de materia seca). Tampouco fará falta mercar abono mineral potásico, xa que o xurro de vacún é rico en potasio, que ao igual co fósforo, se acumula no solo e non se perde como o nitróxeno, aínda que se apliquen meses antes da sementeira do millo. A partir dunha produción de 35.000 litros de leite por hectárea de SAU non sería necesario mercar fertilizante nitroxenado para abonar o millo (15 t/ha de materia seca).
Tampouco fará falta mercar abono mineral potásico, xa que o xurro de vacún é rico en potasio, que ao igual co fósforo, se acumula no solo e non se perde como o nitróxeno.
O programa RAX: unha ferramenta para unha correcta fertilización do millo forraxeiro
O CIAM en colaboración coa Cooperativa Agraria Provincial de A Coruña desenvolveu un programa de recomendación de abonado con xurros (Aplicación RAX) co financiamento da acción de cooperación AC2021C-07 “”Mellora das aplicacións on-line do CIAM de recomendacións de abonado con xurros (RAX)” e dos proxectos FEADER 2012/31 e FEADER 2007/08.
Dito programa está colgado na páxina web do CIAM, e ten a grande vantaxe de integrar e valorizar os nutrientes producidos nas explotacións, xa que os programas existentes se limitan a dar unha dose de fertilizante mineral sintético en función das extraccións dos cultivos e das análises de terra, sen ter en conta que a principal fonte de nutrientes nas explotacións de gando vacún leiteiro está na reciclaxe do xurro como abono orgánico.