Consellos para evitar roubos de colmeas

En Galicia lévanse rexistrados máis de 1.200 roubos de colmeas. Dende o Grupo ROCA da Garda Civil ofrecen uns consellos para evitalos. Existen máis de 3.400 apicultores na comunidade autónoma cun total de 117.000 colmeas.

Consellos para evitar roubos de colmeas

Apicultor traballando

O roubo de colmeas, sobre todo no sur de Galicia, é un problema que cada vez preocupa máis aos apicultores. Só na Agrupación Apícola de Galicia, unha das principais organización do sector xunto coa Asociación Galega de Apicultura, teñen rexistrados 1.200 roubos de colmeas, aínda que salientan que realmente producíronse moitos máis xa que calculan que soamente se denuncian o 30% dos roubos.

Para evitalos, dende o Grupo de Roubos no Campo (ROCA) da Garda Civil na provincia da Coruña dan os seguintes consellos aos abelleiros:

As cámaras de vídeo serven como medio de proba no xulgado e como sistema de disuasión porque son visibles para os delincuentes. Os sistemas de aviso antipenetración non serven de proba nun xuízo, pero permiten a posibilidade de coller aos ladróns no acto e de frustrar o roubo. Por exemplo, unha alarma sonora que avisaría se o ladrón pasa o valado do apiario ou abre a porta. Hai cámaras que mandan unha mensaxe ao móbil do dono no caso de detectar algunha penetración no perímetro.

A instalación de GPS nas colmeas pode ser eficaz, sempre e cando sexa difícil extraelo e envíe un aviso á central de alarmas.

Recoméndase instalar un valado perimetral arredor do apiario, con porta e candado. Deste xeito evítanse os roubos oportunistas e elévase a pena, o que ten un efecto disuasorio. En concreto, coa entrada en vigor do novo Código Penal xa non se pode falar de falta ou delito, xa que todos son delitos, considerados como leves, menos graves ou graves. No caso dun roubo con forza nas cousas ou escalo, como o roubo de colmeas pechadas por un valado, agrávase a conduta e pasaría a ser delito menos grave.

Gravar un número de serie nas colmeas de xeito que sexa incorruptible, por exemplo, gravalo a lume..etc. E anotar o número de serie, xa que facilitará moito o traballo da Garda Civil para localizalas. En xeral, dende o grupo ROCA da Garda Civil recomendan aos apicultores a implementación de calquera tipo de marca exclusiva do autor, sexa esta visible ou non detectable a simple vista, tanto na colmea coma nos cadros: unha marca de pintura, unha riscadura, un tipo de material específico, unha cor atípica, etc

Seguir os consellos xerais do Decálogo para Evitar Roubos na Agricultura e na Gandería, difundido pola Garda Civil.

Por último, dende o grupo ROCA da Coruña lembran que o novo Código Penal inclúe unha figura agravada de furto cando a vítima é unha explotación agrícola ou gandeira e o delito lle causa un dano grave. Nese caso a condena é máis grave e aumenta a unha pena de cadea de 1 a 3 anos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información