Consellos para a compra de planta de vide

Atopar planta de vide con garantías e que se axuste ás necesidades do viticultor non é tarefa fácil en Galicia. Neste artigo, Francisco Rego, técnico da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA) fai unhas recomendacións á hora de conseguir planta de vide de calidade.

Publicidade
Consellos para a compra de planta de vide

Planta de viveiro enxertada. Autor: Asociación Nacional de Viveros de Vid.

Coñecido por parte do viticultor o número de bacelos que necesita para a próxima campaña, resultante da suma dos debidos a marras anuais e dos correspondentes a replantacións de parcelas arrancadas, é precisamente nestas datas cando debe entrar en comunicación cos viveiros para consultar sobre as existencias a efectos de realizar as encargas pertinentes Cuns meses por medio, calquera imprevisto que xurda será máis doado de resolver.

Hai viticultores que veñen establecendo acordos estables cos viveiristas, campaña tras campaña, mediante a entrega de sarmentos escolleitos nas súas viñas e/ou na zona. Aínda así, unha visita ás instalacións dos viveiros, por exemplo nestas datas, para comprobar in situ o aspecto das plantas encargadas e de paso intercambiar opinións, será de grande proveito para ambas as dúas partes.

A ralentización na actividade, propia deste período, faino ideal para reflexionar sobre a marcha da actividade tanto na campaña que está a rematar como nas anteriores, cara á viabilidade de emprender novas accións e/ou investimentos, coa fin de mellorar a xestión e os resultados futuros.

“Un viticultor nunca deberá resignarse a plantar unicamente en función das existencias dos viveiros”

Un viticultor profesional, segundo vai renovando as parcelas, debe ter claro que tipo de viticultura lle convén e que variedades vai elixir. Deberá coñecer as súas viñas palmo a palmo, así como as combinacións bravo/manso idóneas para cada recuncho.

Con todo isto ben discernido, e tal e como antes se dixo, nestas datas é o momento axeitado para que o viticultor contacte cos viveiristas, até encontrar os que dispoñan do material vexetal que el necesita.

Un viticultor nunca deberá resignarse a plantar unicamente en función das existencias dos viveiros. Só deberá aceptar cando exista coincidencia dun 100% entre o que el quere e o que o mercado oferta. Cando non é así, terá que buscar alternativas. Por exemplo, comprarlle aos viveiristas só aquela parte do material vexetal que coincida co que el necesita.

Para o que lle falte, unha solución podería estar en plantar os bravos mellor axeitados a cada parcela e enxertalos para cando sirvan (que ven sendo pasados un ou dous anos) coas pugas das castes que lle interesan e que non puido atopar no mercado.

Por desgraza cada vez son menos, pero aínda fican algúns bos enxertadores na Galiza. Os viticultores de zonas arraianas tamén os poden atopar no país veciño.

“Non é certo que plantar bravos e enxertar sexa un atraso de tempo”

Existe a crenza, sobre todo por parte dos viticultores máis novos, de que plantar bravos e enxertar despois supón un atraso no tempo. Non é certo. Iso si, sempre e cando se dean dúas condicións. Unha, que o terreo se acondicione  igual de ben que cando se planta bacelo enxertado. Outra, que a enxertía teña un número de fallos reducido, para o que terán que ver o ano e, en grande medida, a pericia dos enxertadores.

Aínda que se agardase dous anos para enxertar en campo, mentres tanto o patrón está desenvolvendo o seu sistema radicular no solo. Se a enxertía sae ben, a perda de tempo non existe. Isto non obsta para recoñecer que cando se trate de plantacións de grandes superficies e habida conta da citada escaseza de profesionais, a enxertía no campo resulte cada vez máis inviable.

Outra saída para o viticultor que non encontra o que busca sería enviar a madeira das castes que el precisa  a un viveiro para que lla enxerte. Claro que deste modo atrasa un ano. Cunha  esmerada preparación do terreo, seguida dunha atención continua ao solo durante o período de espera,  mellóranse as garantías de éxito da plantación. Compensando, sequera parcialmente, a demora.

“Un bo profesional non regatea a planta en calquera feira de fin de tempada”

Non sendo por circunstancias de forza maior, nunca se deberá agardar ao último momento para facer a compra de planta. Comprometer a viabilidade dunha viña indo a calquera feira de fin de tempada para pórse a regatear na procura dos refugallos que queden non é propio dun bon profisional.

Unha preparación a fondo do terreo. A elección da mellor combinación caste/portaenxerto e dos deseños máis adecuados para cada terroir van ser  peares para a boa marcha dun conxunto de plantas que, na súa condición de leñosas, van permanecer varias décadas no mesmo sitio.

Compre estudar moi ben os deseños xeométricos das novas plantacións, tentando cometer os menores erros posibles, porque no futuro vai ser moi complicado, cando non imposible, arranxalos.

O viveirista debe cumprir coa obriga de presentar un material san e ben criado, que xa non é pouco. Aínda que bon e necesario, con isto non chega.

Vides enxertadas

Vides enxertadas

Nos últimos tempos, amparados na normativa europea, moitos viveiros acurtaron as lonxitudes da estaca de bravo. Este feito, unido á conveniencia de que o nivel da ferida da enxerta quede un chisco por riba do do chan, deriva en que as raíces dos bacelos van ficar superficiais de máis, a mercé dos rigores do verán. Para terreos frescos, como son os das viticulturas europeas máis norteñas ou algunhas das nosas terras de fondal poida que chegue ben unha estaca curta, pero para moitas encostas galegas torradas polo sol ben seguro que non, e de feito ten habido moitos fracasos.

Voltamos ao razoamento de antes. Debe ser o viticultor, porque é el quen mellor coñece cada unha das súas viñas, o que indique ao viveirista as medidas de estaca que considera axeitadas para cada unha das súas parcelas e non ao contrario. Contra a súa experiencia, non serven leccións xerais de quen en moitos casos nen sequera pisou nunca as súas parcelas.

 “Debe ser o viticultor o que lle indique ao viveirista as medidas de estaca que precisa”

Algo parecido ten pasado cos bacelos en pot, que xeralmente se veñen plantando nos inicios do verán. Os que teño visto eran de estaca bastante curta. Este non é o único problema. Coñecín éxitos e fracasos, concretamente no Ribeiro. Basicamente en función de que os viticultores dispuxesen ou non de auga bastante como para regalos con xenerosidade ao longo do verán. Cando non se puideron regar ou se regaron pouco, a maioría dos bacelos en pot remataron secando.

É verdade que os mesoclimas vitícolas galegos varían, mesmo as condicións de lentura entre parcelas moi cercanas. Tamén é certo que ten habido acusadas diferenzas entre os veráns, pero plantar en pot sen garantía de poder regar é xogar cos cartos. Existe a opción de plantar os pots no outono . É moito menos arriscada, pero a planta encarécese e a conveniencia ou non estará na comparación de custos cos bacelos a raíz núa.

Unha caste que non se adapte a un determinado terroir, ou as combinacións caste/bravo inapropiadas, van resultar un fracaso, a pagar ano tras ano.

A EVEGA está ao servizo do sector para asesoralo na plantación

O viticultor debe valerse da súa propia experiencia profesional e tamén, sobre todo cando é novo no oficio, da dos seus veciños viticultores, especialmente os máis veteranos. Coñecen os terroirs mellor que ninguén. Tal vez non lle poidan dar toda a información que necesita cando o que pretende é plantar castes minoritarias, recén recuperadas. Pero aínda con esta limitación, facendo composición de lugar ben seguro que o seu saber lle será de grande utilidade.

A EVEGA e demais servizos da Xunta relacionados coa viticultura están ao servizo do sector asesorando e aportando toda a información dispoñible ao respecto.

A importancia das castes autóctonas

O declive das castes autóctonas foi tal que na súa inmensa maioría estiveran na beira do abismo, ao bordo da extinción durante moitas décadas, período que por riba coincidiu coa marcha masiva de xente do campo á emigración e para as cidades.

Esta fatal coincidencia deu lugar a roturas nos elos de transmisión interxeracional duns valiosísimos coñecementos milenarios. Como consecuencia, as castes autóctonas fóronse convertendo en descoñecidas nas mesmas zonas onde desde sempre estiveran.

Algunhas perderíanse para sempre, outras recuperáronse. Esta recuperación, relativamente recente e que continúa a día de hoxe, é un feito feliz, que supón a necesidade de adicarlles tempo, de realizar moitas pesquisas, para voltar a dispor do saber que sobre elas se perdeu.

Para máis complicación, a necesidade de enxertar a videira europea por culpa da philloxera remóntase a pouco máis dun cento de anos. A procura dos mellores encadres castes/portaenxertos/terroirs continúa a ser obxecto de investigación en todas as zonas vitícolas europeas e por suposto nas galegas, onde a acidez dos máis dos seus terreos particulariza o problema.

O grande número de castes recuperadas xunto coas que se seguen a atopar na Galiza é unha sorte, unha lotería, unha herdanza da selección feita ao longo de séculos polos devanceiros.

Téñense recuperado coñecementos sobre as cualidades dunhas poucas, e séguese a traballar coas restantes. Os seus viños, sexan monovarietais ou resultantes de combinacións varias, son e serán valores de diversidade e de diferenciación, capitais tendo en conta as peculiaridades das nosas viticulturas.
Reflexións necesarias, propias da estación outonal.

Francisco Rego Martínez

Técnico de viticultura na Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA), en Leiro-Ourense, dende o ano 1994.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información