Consellos ante a nova praga dos cítricos

A Xunta declara a existencia da praga do psílido africano que afecta a laranxeiras e limoeiros e establece medidas fitosanitarias de obrigado cumprimento.

Publicidade
Consellos ante a nova praga dos cítricos

Follas enrugadas e demormadas, síntomas da presenza do psílido africano

A Consellería do Medio Rural e do Mar ven de declarar a existencia da praga denominada Trioza erytreae del Guercio, ou psílido africano dos cítricos, na Comunidade Autónoma de Galicia. Este insecto, orixinario de África e amplamente distribuído nese continente foi detectado en Europa inicialmente nos territorios insulares dos Azores, Madeira e Canarias.

En prospeccións oficiais realizadas durante o ano 2014 detectouse a presenza deste organismo nocivo en varios concellos das comarcas da Barbanza e do Salnés, co que Galicia se converteu no punto de entrada desta enfermidade na Península Ibérica.

A temida praga que transmite o insecto aínda non se detectou en Galicia

A Trioza erytreae Del Guercio é unha praga incluída na lista A2 da EPPO (European Plant Protection Organization), e a enfermidade que transmite, chamada Huanglongbing (HLB), causada pola bacteria Candidatus Liberibacter africanus, está encadrada na lista A1 (EPPO, 2014), polo que ambos son parasitos de corentena e polo tanto sometidos a regulación. En consecuencia, é necesario tomar medidas para a súa erradicación e control.

O maior perigo é que a enfermidade que transmite o psílido africano, a HLB, acabe por manifestarse tamén en Galicia. En países como Sudáfrica ou Brasil o HLB está a causar perdas millonarias no sector produtor de cítricos, coa corta de miles de árbores.

A boa nova é que por agora en Galicia non se atopou este patóxeno aínda que os expertos advirten de que “nada impide que poda aparecer en calquera momento, aínda que tamén é posible que non chegue nunca.

Os síntomas de ataque do insecto  Trioza erytreae Del Guercio nas follas dos cítricos son moi característicos xa que provoca distorsións e atrofias, formación de galadas e de verrugas que causan a perda da cor verde e a aparición de cloroses amarelas. Tamén ataca os froitos, aínda que de momento non se observaron danos en Galicia.

Medidas fitosanitarias de obrigado cumprimento

Ante esta situación, a Xunta de Galicia establece as seguintes medidas fitosanitarias de obrigado cumprimento:

a) Os propietarios que detecten a presenza da praga ou dos seus síntomas en árbores da súa propiedade teñen a obriga de comunicalo aos servizos de sanidade vexetal da súa provincia.

b) No momento en que se detecte a presenza na súa explotación ou horto privado do organismo nocivo Trioza erytreae Del Guercio (psílido africano dos cítricos), os afectados deberán realizar os tratamentos fitosanitarios determinados polos servizos técnicos oficiais. Como mínimo realizaranse dous tratamentos consecutivos cun intervalo de dúas a tres semanas alternando, se é posible, as materias activas autorizadas.

c) Na aplicación dos tratamentos terase en conta a etapa do cultivo, adecuaranse a ela os produtos elixidos para a loita contra o organismo nocivo e respectaranse en todo momento os condicionamentos e restricións establecidos pola lexislación vixente.

d) Todos os comerciantes de vexetais da familia das Rutáceas (Citrus spp., etc.), tanto ornamental como froiteira, deben asegurarse de que esa planta circula co correspondente pasaporte fitosanitario e, en caso de detectar a praga ou os seus síntomas, deberán notificalo aos servizos oficiais de sanidade vexetal da súa provincia.

e) Os afectados polo organismo nocivo Trioza erytreae Del Guercio deberán prestar toda a colaboración que sexa necesaria para levar a cabo as actuacións que determine a Consellería do Medio Rural e do Mar para a erradicación e control da praga.

Velaquí un vídeo explicativo de como están a tratar a praga nas Canarias, onde se detectou esta enfermidade xa hai anos:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información