Consello Agrario: acordo sobre a PAC, desacordo sobre Mercosur

A Consellería, os sindicatos e as cooperativas elaborarán un documento coas súas propostas para o vindeiro Marco Financeiro Plurianual 2028-2032 que será remitido ao Goberno central e á Comisión Europea

Consello AgrarioA Consellería do Medio Rural, xunto coas organizacións agrarias e as cooperativas, elaborarán e remitirán ao Goberno central e a Bruxelas un acordo conxunto en defensa dunha nova PAC forte, con fondos suficientes e diferenciados.

Así se acordou na reunión celebrada este venres do pleno do Consello Agrario, que estivo presidido pola conselleira María José Gómez e que deu luz verde á creación da comisión de traballo sobre a futura PAC dentro deste órgano de participación, asesoramento, diálogo e consulta da Xunta en materia agraria e de desenvolvemento rural.

A conselleira explicou que se trata de sumar esforzos para actuar coordinados a prol do sector primario galego diante das negociacións para concretar o Marco Financeiro Plurianual 2028-2032. Na xuntanza deste venres, os membros do Consello Agrario valoraron conxuntamente a defensa dunha PAC con recursos suficientes e que blinde non só as axudas directas, senón tamén os fondos para o desenvolvemento rural, co obxectivo de pechar este consenso na primeira reunión da devandita comisión de traballo, que terá lugar o vindeiro día 26 deste mesmo mes de xaneiro. Búscase defender ante o Ministerio de Agricultura e tamén en Bruxelas un cambio na proposta comunitaria, para evitar un recorte de fondos e a perda dos dous piares actuais.

María José Gómez mostrou a súa preocupación pola redución de fondos da PAC para Galicia de polo menos o 22%, unha porcentaxe que se traduciría en arredor de 80 millóns de euros anuais. Insistiu en que se trata de ter unha futura PAC “forte e ben dotada”, cuns fondos diferenciados que non veñan nunha bolsa común da que outros sectores poidan tamén detraer recursos. Gómez subliñou, neste sentido, que eses fondos “son imprescindibles para dar estabilidade ao sector primario galego”.

Cambio de modelo

O SLG eleva estas cifras: “manifestamos o noso rexeitamento á proposta da Comisión Europea, que supón un recorte do 20% do orzamento sen ter en conta a inflación (o que na práctica equivale a un 31% de recorte real), a eliminación dos dous piares da PAC e a ausencia de ferramentas para a regulación dos mercados que permitan garantir prezos xustos”, asegura Brais Álvarez, secretario de acción sindical do SLG.

“Defendemos unha PAC que garanta uns ingresos dignos ás persoas agricultoras, que apoie ás pequenas e medianas granxas, que promova o relevo xeracional e a transición agroecolóxica, e que inclúa mecanismos reais de regulación dos mercados para que os prezos agrícolas se manteñan por enriba dos custos de produción”, enumerou.

O SLG propón que se aproveite este momento de debate europeo para “replantexar o modelo de PAC”, pasando dunha PAC baseada en pagos por superficie “a unha PAC que contemple unha verdadeira axuda á renda para as persoas que producen alimentos”.

Mantemento dos fondos para desenvolvemento rural

Desde Unións Agrarias, o seu secretario xeral, Roberto García, asegura que en relación ás demandas para a vindeira PAC 2028-2034 “nas grandes liñas existe consenso xeral” no seo do Consello Agrario.

Defende a necesidade de manter o segundo piar, no que se encadran os fondos de desenvolvemento rural, e que son xestionados por parte das comunidades autónomas; loitar por conservar os dereitos históricos e traballar no eido orzamentario.

Neste aspecto, sen embargo, Roberto García mostra un maior conformismo, xa que, asegura, “coas dúas reformas que xa se fixeron no documento inicial proposto pola Comisión Europea xa practicamente se iguala o importe da PAC actual”, di.  

Axuda para as granxas avícolas en extensivo

Por último, no punto de rogos e preguntas, o SLG expuxo tamén a difícil situación que atravesa o sector avícola en extensivo pola gripe aviar, cun incremento importante nos custos de produción derivado do confinamento obrigatorio. Demandamos que se valore unha axuda específica para este modelo de granxas, que están a sufrir as consecuencias dunha crise sanitaria sen contar con apoio económico. A Consellería de Medio Rural manifestou que valorará esta petición na comisión prevista para esta semana.

Tratado co Mercosur: Unións Agrarias defende os beneficios do acordo para Galicia

Outro tema abordado no seo do Consello Agrario foi o tratado de libre comercio entre a Unión Europea e o Mercosur, onde, pola contra, quedaron en evidencia as diferenzas entre o Sindicato Labrego Galego, que o rexeita de plano, e Unións Agrarias, que o defende. Pola súa banda, ASAGA posicionouse xunto co SLG, pero con matices.

“Lamentamos que o Consello Agrario non estivese á altura das circunstancias e non se posicionase de xeito unánime contra un tratado que ameaza gravemente a viabilidade das granxas galegas”, denuncia Brais Álvarez, secretario de acción sindical do SLG.

“A alimentación é un dereito de todos os pobos do mundo e polo tanto non pode ser integrada dentro dos tratados de libre comercio”, argumentou. Ademais, afirmou que as claúsulas de salvagarda anunciadas pola Comisión Europea “non son garantía real de protección para o sector”. “Consideramos que apostar polas claúsulas de salvagarda é unha posición ilusa e perigosa, xa que non impedirán o impacto devastador que este acordo terá sobre a agricultura galega”, insistiu.

A alimentación é un ben común, non unha mercadoría especulativa; debe quedar fóra dos tratados comerciais (SLG)

“Este acordo pode acabar coa viabilidade da agricultura de pequena e mediana escala e pon a produción alimentaria nas mans do agronegocio e as multinacionais. Miles de granxas europeas pecharán ante a imposibilidade de competir. A medio prazo, o control sobre que comemos, de onde vén e a que custo estará en mans dun puñado de corporacións”, afirmou.

O SLG denuncia ademais que o acordo con Mercosur traerá “un aumento das emisións e da deforestación que choca frontalmente co compromiso europeo de reducir as emisións nun 55% de aquí a 2030, xa que o tratado multiplicará as emisións derivadas do transporte e impulsará a deforestación amazónica”, asegura Brais Álvarez.

Asegurar soia e millo á cabana gandeira galega

En relación á sinatura deste tratado comercial, desde Unións Agrarias o seu secretario xeral, Roberto García, defende as súas bondades. “Mercosur é imprescindible porque del depende o abastecemento das materias primas para a alimentación animal”, di.

“Importamos cada ano 3,5 millóns de toneladas de alimentación animal e non podemos prescindir delas. Galicia é dependente de proteína vexetal procedente de Mercosur; o 100% do que comen os porcos e pitos en granxas integradas e o 40% do que comen as vacas de leite depende desas importacións. Poder ter garantida soia e millo sen aranceis a bos prezos para o gando é unha garantía para o sector gandeiro galego, máis aínda cos riscos derivados da guerra comercial entre EEUU e China. Sen Mercosur quedariamos desabastecidos de alimentación animal”, asegura.

Galicia é dependente de proteína vexetal procedente de Mercosur; importamos 3,5 millóns de toneladas anuais para alimentación animal e non podemos prescindir delas (UUAA)

Por iso, Roberto García tacha de “terrorismo informativo” as mensaxes lanzadas polas organizacións que se están a manifestar estes días en Galicia, ás que acusa de “xerar alarma”. “Isto é o mesmo que cando se dicía aquilo de Mercado Común Europeo, ruína do agro galego. Que sería hoxe de nós sen a UE?”, pregúntase.

Outra dos aspectos positivos da sinatura deste tratado a xuízo de UUAA é a posibilidade de exportar produtos agroalimentarios galegos a países como Brasil. “Ábrese unha vía para colocar alí produtos lácteos que cos aranceis do 42% de China se ven bloqueados. Tamén os excedentes de viño, máis aínda tendo en conta o recorte no consumo que medidas como a rebaixa da taxa da alcoholemia pode traer aparellado”, razoa.

Ábrese a vía para colocar en países como Brasil excedentes de viño e produtos lácteos afectados polos aranceis chineses (UUAA)

En canto aos riscos, o secretario xeral de UUAA recoñece que “o problema podémolo ter na carne”, pero minimiza as consecuencias. “Neste momento xa están vindo 200.000 toneladas anuais de carne de vacún dos países do Mercosur cara a UE, o acordo suporía 99.000 toneladas a maiores, pero en total só representa o 1,5% da carne de vacún que se consome na UE”, detalla.

“A posible distorsión do mercado só se daría se metemos todas esas toneladas de carne o mesmo día e no mesmo sitio”, afirma. Tamén tranquiliza ao consumidor porque “toda a carne que está vindo xa vén con controis e garantías”, di.

“As nosas desconfianzas están máis nos mecanismos de control que no propio acordo en si. Eles poden producir como queiran, pero se vén para aquí, é cousa da UE; as clausulas de salvagarda non dependen de que eles as acepten ou non. O traballo que está sen facer é que medios vai poñer a UE para que se cumpra iso; que inspeccións vai poñer a UE para que ningún produto poida vir sen cumprir coas normas comunitarias en materia de fitosanitarios ou benestar animal”, di.

Máis controis en Galicia

 En relación ao Mercosur, a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, insistiu en que se deben cumprir estritamente as cláusulas espello e de salvagarda introducidas no tratado, cuestión irrenunciable para a súa posta en marcha, co fin de evitar que incidan nunha “alteración dos prezos” dos produtos agroalimentarios galegos.

Tamén defendeu que calquera importación de terceiros países ten que respectar as esixencias sanitarias que deben cumprir os agricultores e gandeiros galegos, que contan ademais cunha “condicionalidade social que tamén é innegociable”.

Así mesmo, e de ser necesario, chegado o caso a Xunta de Galicia xa manifestou o seu compromiso de incrementar os controis na comunidade ante este acordo, unha medida que ten que ir acompasada coa de intensificar as inspeccións na fronteira, cuestión que é competencia do Goberno central, lembrou.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información