A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, visitou hoxe as plantacións da empresa de produción e procesamento de castaña, Alibós, no concello lucense de Monterroso. Alí destacou o apoio da Consellería á Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia, as axudas para o fomento do castiñeiro e a Estratexia para o fomento da xestión activa das masas de frondosas impulsadas polo Goberno galego, así como as agrupacións forestais de xestión conxunta.
Gómez puxo en valor a certificación IXP Castaña de Galicia e o labor dos consellos reguladores, que garanten as características do produto. Nesta liña, dirixiuse ao xerente da compañía Alibós, Jesús Quintá, que ocupa tamén o cargo de presidente do consello regulador desta indicación. A conselleira do Medio Rural salientou a “aposta pola calidade diferenciada das producións primarias” a través de liñas específicas de axudas para favorecer aos consellos reguladores, fomentar a integración dos produtores en réximes de calidade e apoiar os programas de mellora e control desta.
Máis de 100 solicitudes de axudas, o 50% en Lugo
Ademais, María José Gómez fixo referencia ás axudas para o fomento do castiñeiro promovidas pola Consellería, que contaron na convocatoria actual cun 30% máis de orzamento, acadando o 1,3 millóns de euros. Así, máis da metade das solicitudes destas achegas, das que se recibiron en total 118, concentráronse na provincia de Lugo. Estas compleméntanse coas destinadas á mellora da xestión activa das masas consolidadas de frondosas autóctonas, que se convocaron este ano por primeira vez cun orzamento de preto de 2 millóns de euros. De feito, a conselleira manifestou a súa aposta por impulsar a Estratexia para o fomento da xestión activa das masas de frondosas, recentemente aprobada polo Consello da Xunta.
Así mesmo, a conselleira citou tamén as agrupacións forestais e de xestión conxunta, mediante as que se fomenta a recuperación, conservación e xestión das plantacións de castiñeiros tradicionais, sinalando especialmente a de Paradela e O Incio, situadas na provincia de Lugo. En relación coas axudas anteriores, unha das súas finalidades é a xestión activa e valorización das masas consolidadas de frondosas autóctonas.
Gómez cualificou á empresa Alibós como un “exemplo de impulso ao sector primario e repercusión positiva no consumidor, ademais de promover a través do seu traballo a garantía e fomento dun produto ecolóxico e saudable como a castaña”, de especial importancia no ámbito autonómico, xa que Galicia é a principal comunidade autónoma en produción e exportación de España, absorbendo máis da metade do total nacional.