A Consellería do Medio Rural defende a súa xestión do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) tralo comunicado feito público esta tarde no que un grupo de investigadores e tecnólogos do centro critican o que consideran “abandono, opacidade e falta de actitude para corrixir os problemas do centro” por parte da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), o organismo do que dependen dentro da estrutura orgánica da consellería.
En concreto, dende o departamento que dirixe María José Gómez comunican que “rexeitamos o diagnóstico que se fai da situación do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) e do seu funcionamento e consideramos que non se axusta en absoluto á realidade”.
Engaden dende a consellería que “a Xunta aposta claramente polo I+D+i e pola transferencia de coñecementos ao agro, como se pon de manifesto a través das súas múltiples accións ao respecto”.
Como mostra, lembran que “hoxe mesmo avanzouse que a Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, organizou o V Foro de Innovación Produtiva do Sector Agrario, no que se darán a coñecer un total de 35 proxectos que buscan resolver os problemas do presente ao mesmo tempo que tratan de sentar un antecedente das solucións aos retos do futuro”. “Nalgúns destes proxectos participan, precisamente, centros de investigación agraria que xestiona a Consellería”, salientan dende Medio Rural.