A Consellería do Medio Rural contará no 2025 cuns orzamentos de 701 millóns, o que supón un incremento de máis do 3,5% respecto aos deste ano. Así o destacou a titular do departamento, María José Gómez, na súa comparecencia desta tarde no Parlamento de Galicia para explicar as contas do vindeiro exercicio. Segundo Gómez, os cinco piares sobre os que se sustentan os orzamentos de Medio Rural son a formación e o asesoramento para fomentar a incorporación ao agro; o compromiso co territorio; o apoio aos produtores; a mellora das infraestruturas e a promoción da calidade agroalimentaria galega.
Así, con respecto á formación e o asesoramento, a conselleira salientou a aposta da Xunta polos centros de formación agroforestal e por un novidoso programa de titorización vinculado ao Plan de Remuda. Este plan vai dirixido á mocidade e ás persoas de nova incorporación ao rural, de forma que poidan contar coa figura dun titor que os guíe na súa actividade.
A este programa súmase, tal e como explicou Gómez, unha nova liña de axudas para promover a sucesión nas granxas a través do Banco de Explotacións, un instrumento público de intermediación que facilitará a posta en contacto entre titulares de explotacións que abandonan a actividade e persoas interesadas en incorporarse a ela. A conselleira enmarcou estas medidas no esforzo investidor da Xunta a prol da remuda xeracional, que terá continuidade nos orzamentos de 2025 cunha achega de 26,6 millóns de euros para fomentar a incorporación de mozos e agricultores novos ao agro.
Canto ao compromiso co territorio, María José Gómez referiuse ao impulso ás parcelarias e ás diferentes ferramentas da Lei de recuperación da terra agraria. Así, salientou que se destinarán preto de 20 millóns de euros a seguir implementando estas medidas, así como outras complementarias, caso dos pasteiros, para os que están orzamentados outros 3,7 millóns de euros.
Apoio aos produtores
Sobre o apoio aos produtores, a conselleira sinalou que se plasmará, entre outras accións, cunha achega de case 30 millóns de euros para reforzar a seguridade e a sanidade animal e vexetal, o que supón un incremento do 43% respecto ao ano pasado, especialmente no que atinxe a intensificar a loita contra doenzas como a enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE) -con 5,4 millóns para axudas directas aos afectados- ou a lingua azul.
Nesta mesma liña, tamén se contemplan nas contas de Medio Rural para o vindeiro ano 1,4 millóns de euros para financiar a subministración das marcas de identificación de gando bovino, ovino e cabrún, que pasarán de ser visuais a electrónicas. Ademáis, os orzamentos contemplan unha aportación de 46,2 millóns de euros para os plans de mellora e de 10,3 millóns de euros para axudar os pequenos produtores na compra de maquinaria e equipamentos en común. Do mesmo xeito, salientou o incremento nas axudas para fomentar os seguros agrarios, que pasarán de 8,5 millóns de euros este ano a 9,5 millóns no vindeiro.
Infraestruturas rurais e de loita contra o lume
No que atinxe ás infraestruturas, Gómez destacou o Plan Camiña Rural, cun orzamento de preto de 20 millóns de euros, para actuar na mellora e mantemento dunhas vías consideradas “vitais” para conseguir “un rural vertebrado, facilitar o traballo agrícola, diminuír os custos de produción e conectar os veciños”. Neste mesmo apartado, a conselleira situou os investimentos previstos para as oficinas rurais, con 4 millóns de euros, destacando as novas sedes de Lalín e Meira, así como os apoios ao regadío da Limia e do Val de Lemos, con 1,6 millóns de euros.
Tamén no eido das infraestruturas, pero centradas na loita contra os incendios forestais, Gómez puxo en valor os 50,5 millóns de euros contemplados para prevención e os 39,1 millóns para extinción, e salientou o notable incremento rexistrado nestas partidas nos últimos nove anos, pasando duns 56 millóns de euros aos actuais 90 millóns nos orzamentos para 2025.
Ao tempo, a conselleira reiterou o compromiso cos profesionais que loitan contra o lume -cuxo labor volveu recoñecer explicitamente- e que se plasma cun orzamento de 8,8 millóns de euros para mellorar as súas condicións salariais e laborais.
Así mesmo, dentro da área forestal, a titular de Medio Rural subliñou os 15 millóns que se disporán para as axudas ao fomento da silvicultura tanto produtiva -orientada cara as coníferas- como adaptativa -de frondosas-, así como o esforzo para seguir fomentando o asociacionismo mediante as agrupacións forestais de xestión conxunta. Tamén fixo fincapé no inicio da tramitación do novo marco normativo que suporá a Lei de montes veciñais en man común e ao Plan estratéxico das masas de coníferas que se está ultimando, sempre coa perspectiva de incentivar a produción sustentable e a conservación da biodiversidade.
Promoción da calidade agroalimentaria
En relación coa promoción da calidade agroalimentaria, María José Gómez puxo en valor o Plan Saborea Calidade Diferenciada de Galicia, con máis de 8 M€ para financiar as accións directas da Consellería e as achegas aos consellos reguladores para promoción e control da calidade. Este último plan, salientou, inclúe ademais unha liña de apoio para a celebración de feiras e eventos gastronómicos promovidos polos concellos.