A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, puxo hoxe en valor os case catro millóns de euros destinados este ano pola Xunta para o control do rendemento leiteiro. Estes fondos servirán para seguir apoiando o funcionamento do Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite, o Ligal, e, ademais, para financiar as africores da Coruña, Lugo e Pontevedra, asociacións oficialmente recoñecidas para a realización destes labores na comunidade autónoma.
Así, Gómez destacou que por un lado se incrementa nun 44% a achega da Xunta ao Ligal, ata os case 2,9 millóns de euros, para seguir financiando o “importantísimo labor” que realiza esta entidade e que, por outra banda, se destina 1 millón de euros (un 33% máis que na convocatoria anterior) ás axudas para os africores.
Datos e beneficios do control leiteiro
Dende a Consellería destacan que dentro do control leiteiro o Ligal realiza anualmente preto de dous millóns de mostras de leite, correspondentes a máis de 200.000 animais de preto de 2.300 explotacións de toda a comunidade autónoma. Neste contexto, a titular de Medio Rural incidiu en que “o control do rendemento leiteiro ten unha influencia directa na sustentabilidade do sector, xa que é clave na mellora xenética nos esquemas de selección e contribúe asemade, decisivamente, a mellorar a rendibilidade das explotacións”.
Ademais, sinalou que “desempeña un papel moi importante na profesionalización do sector e que favorece unha clara mellora da calidade do leite e da cabana gandeira en xeral”.
Visita ao Ligal
Precisamente, a conselleira visitou esta mañá as instalacións do Ligal e salientou a súa “decisiva contribución á consolidación de Galicia como líder nacional indiscutible e como rexión de referencia, a nivel europeo, no sector leiteiro”. Así, subliñou “o seu papel fundamental na avaliación e garantía da calidade do leite, un aspecto (o da calidade) no que Galicia sobresae, máis alá da súa importante capacidade produtiva”, aseverou.
Nesta liña, Gómez puxo de relevo “a condición do Ligal de asociación sen ánimo de lucro, declarada de utilidade pública, na que están representadas de forma paritaria as industrias lácteas (por medio da Fenil) e os produtores, a través das organizacións profesionais agrarias e as asociacións de cooperativas”. Este carácter, dixo, “posiciona este centro nun lugar preferente para cumprir co máximo rigor o seu labor” como laboratorio de análise do leite na comunidade.