A conselleira do Medio Rural pídelle ás industrias lácteas que retiren uns contratos que considera “lesivos” para os gandeiros

A conselleira do Medio Rural participou esta mañá na inauguración da XII edición da Feira de Maquinaria Agrícola de Boimorto, á que definiu como un espazo no que “aprender e compartir experiencias”

Boimorto: Alcaldesa, conselleira do medio rural e alumnado do CPI de Boimorto inauguran MagrecoA conselleira do Medio Rural, María José Gómez, pídelle ás industrias lácteas que reflexionen de aquí ao martes, día 31, ante o que considera “baixada inxustificada de prezos nos novos contratos lácteos”.

“Pídolle de novo ás industrias lácteas que reflexionen porque manter o sector agrogandeiro galego é labor de todos e a industria debe ter corresponsabilidade nun momento complicado no que estamos a vivir polas circunstancias sociopolíticas globais. Son momentos de arrimar o ombreiro e non de presentar uns contratos que entendemos que son lesivos para o sector”, subliñou a titular de Medio Rural.

María José Gómez realizou estas declaracións esta mañá na inauguración da XII edición da Feira de Maquinaria Agrícola Magreco, que se está a celebrar esta fin de semana no concello coruñés de Boimorto. Alí, sinalou o importante papel que desenvolven a tecnoloxía e a mecanización no agro.

Destacou así que estas ferramentas contribúen a mellorar o traballo no campo e potencian a produtividade e competitividade das explotacións agrogandeiras, que son un referente a nivel europeo. Por outra banda, definiu este evento como un punto de encontro para o sector agropecuario galego, no que “aprender e compartir experiencias”.

Ademais, Magreco fomenta o desenvolvemento da contorna rural de Boimorto, tanto a nivel económico como social, ao favorecer a comercialización de maquinaria e produtos agrarios, ao tempo que facilita o contacto entre traballadores do sector, que poden utilizar esta feira como lugar no que intercambiar coñecemento. A conselleira enxalzou tamén a importancia da poxa de gando que se celebra nesta feira, e que contribúe de xeito positivo á mellora xenética da cabana gandeira galega, ao comercializar exemplares de gran calidade.

María José Gómez fixo unha mención especial aos alumnos do CPI Armando Cotarelo Valledor de Boimorto, que participan no acto de inauguración, asegurando que se trata dun centro “comprometido” que educa “ás futuras xeracións do rural”. Invitou así aos alumnos e alumnas do CPI a apostar polo rural como o seu modo de vida.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información