A conselleira do Medio Rural pídelle á industria que manteña os prezos do leite

conselleirta madrid balseiros fixo hoxe unha chamada ás industrias lácteas para que manteñan os prezos do leite que pagan aos gandeiros de cara aos próximos meses, co fin de garantir a sustentabilidade do sector e o equilibrio na súa cadea de valor. Gómez, acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, asistiu en Madrid ao encontro “El sector lácteo español del futuro”, organizado pola Federación Nacional de Industrias Lácteas (Fenil), a patronal das industrias lácteas, con motivo do 65 Día Internacional do Lácteo.

Aproveitando esta circunstancia, a titular de Medio Rural apelou aos responsables da industria para que teñan en conta a situación dos gandeiros e os incrementos dos seus custos de produción á hora de revisar os prezos dos contratos do leite, que como adiantou Campo Galego tenden á baixa para os próximos meses.. “Trátase de que eses indicadores lles permitan aos produtores manter a súa actividade percibindo uns ingresos que cubran os custos, cunha marxe de beneficio, como calquera empresa, co fin de garantir a rendibilidade das explotacións”, subliñou a conselleira.

Ao tempo, o director xeral de Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, insistiu esta mesma semana, nunha reunión convocada polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (Mapa) en Valladolid, na necesidade de que se respecte e se cumpra a lei da cadea alimentaria para garantir ese equilibrio na cadea de valor do leite.

“En definitiva, a Xunta solicita á industria láctea que cumpra cos produtores galegos e rexeita, de novo, calquera práctica que poña en cuestión a transparencia e equilibrio no sector lácteo. Ademais, o Goberno galego intensificará o seu esforzo e as súas xestións para que se reduza o diferencial de prezo entre o leite producido en Galicia e noutras comunidades españolas.”, subliñan dende a Consellería do Medio Rural.

A maiores, a Xunta vén de reclamar por carta axilidade ao Ministerio de Facenda para a devolución do imposto do valor engadido (IVE) pendente a persoal gandeiro, derivado especificamente da compra de pensos ou enerxía, aspectos que teñen unha importante incidencia na conta de resultados das explotacións.

O Sindicato Labrego acudirá á Axencia de Información e Control Alimentario para denunciar os contratos que destrúen prezos

Por outra parte, para o Sindicato Labrego Galego a baixada de prezos anunciada polas industrias lácteas “supón unha clarísima vulneración da Lei da Cadea Alimentaria, nomeadamente no que compete á destrución de valor na cadea como a non cobertura de custos de produción”.

Neste sentido, dende o SLG defenden que “sería estupendo contar con datos actualizados, pero a tan cacarexada como inútil Conta Láctea que ía ser a ferramenta definitiva do anterior Conselleiro, José González, mais o Director Xeral, José Silvestre Balseiros, para demostrar os custos de produción e solucionar o problema da indefensión das granxas de leite galegas, a día de hoxe non fixo máis informes, e nin a Consellaría do Medio Rural nin o Ministerio de Agricultura teñen avanzado o máis mínimo neste aspecto, deixando ás labregas indefensas ante a extorsión das industrias”.
Dende o Sindicato Labrego galego ven “fundamento abondo para acudir ante a Axencia de Información e Control Alimentario (AICA) e presentar denuncia por destrución da cadea por ofrecer prezos por baixo dos custos de produción”.

Por último, dende o Sindicato Labrego lembran que “hai semanas tamén que temos solicitado entrevista á nova Conselleira do medio Rural para trasladarlle estes problemas e os doutros sectores, sen que ata o momento se dignara tan sequera a contestar”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información