A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, incidiu este mediodía na necesidade de que “todos os axentes da cadea de valor alimentaria, incluídas as administracións públicas, camiñen “da man” para que os produtores perciban uns prezos axeitados que dinamicen cada día máis o agro”. Foi durante a súa intervención no acto de entrega dos premios Pyme Carrefour en Galicia, celebrados este mediodía na Coruña. Precisamente Carrefour foi criticada este luns polo Sindicato Labrego Galego por utilizar leite galego, envasado por Leche Río, como produto reclamo con prezos a 0,69 euros o litro.
A este respecto, a conselleira instou ademais á distribución a “non utilizar o leite como produto reclamo nos seus lineais, para manter o equilibrio e a transparencia na cadea de valor e non prexudicar os gandeiros, que -advertiu- son o eslabón máis fráxil, pero tamén o máis importante, xa que sen eles non habería sector”.
Asemade, Gómez lembrou que “dende a Xunta e dende Medio Rural vense reclamando o cumprimento efectivo da Lei da cadea, no sentido de respectar o valor do produto ao longo de todo o proceso e garantir aos produtores un prezo que non só cubra os seus custos, senón que lles aporte unha marxe de beneficio, como a calquera outro empresario”.
Compromiso da Xunta coa sustentabilidade
A titular de Medio Rural, que estivo acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, reafirmou, neste sentido, “o compromiso do Goberno galego coa sustentabilidade das explotacións agrogandeiras, que pasa por garantir a súa rendibilidade e futuro”.
Neste mesmo sentido, Gómez cualificou como “fundamental” a aportación da distribución en xeral e de Carrefour en particular para “seguir valorizando o produto autóctono, local e rexional”, dende a súa orixe ata o consumidor. Un produto que, recalcou, “é sinónimo de calidade”. Ademais, a conselleira sinalou que, nesta defensa da calidade e na valorización do produto de proximidade, “Carrefour destacou sempre pola súa boa disposición a colaborar coa Xunta en iniciativas como Mercaproximidade, unha canle posta en marcha por Medio Rural para dar saída ás producións agroalimentarias galegas durante a pandemia”.
Premio á muller rural emprendedora
Sobre os premios entregados hoxe, María José Gómez destacou que poñen en valor o traballo das pequenas e medianas empresas agroalimentarias rexionais e locais, así como o das cooperativas agrarias e gandeiras. Fixo, ademais, especial fincapé no premio á muller rural emprendedora, polo feito de dar visibilidade a este colectivo, algo que agradeceu, advertindo que “as mulleres levan séculos sendo as garantes do traballo agrogandeiro e ata non hai moito sen apenas recoñecemento”.
A conselleira rematou a súa intervención felicitando os premiados nesta edición, pola súa loita e por “non rendervos na difícil tarefa de emprender e manterse no mercado, polo traballo ben feito e por dar valor a Galicia cos vosos produtos”, finalizou a titular de Medio Rural.