A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director xeral de Agricultura, Gandaría e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, visitou hoxe a explotación Avícola Outoniño, situada no concello lucense de Monterroso, impulsada por dúas persoas mozas que se incorporaron ao agro a través das achegas convocadas por Medio Rural. Neste contexto, María José Gómez destacou a aposta da Xunta por reforzar a remuda xeracional no agro.
A maiores das axudas de incorporación, os mozos propietarios desta explotación recibiron unha achega para desenvolver o seu plan de mellora, o que lles ofreceu a oportunidade de construír unha nova nave avícola dotada de todas as instalacións necesarias, cunha superficie total de preto de 2.700 metros cadrados, o que lles permite ter unha capacidade máxima para máis de 36.000 prazas.
Gómez explicou que “este tipo de convocatorias propiciaron a incorporación á actividade agrogandeira de máis de 5.000 mozos e mozas dende o ano 2009”. “Estas chegas enmárcanse no Plan de Remuda impulsado pola Consellería que inclúe, ademais destas partidas orzamentarias, outras ferramentas con grandes beneficios para o rural”, engadiu.
Unha delas é o Banco de Explotacións, que favorece o contacto entre titulares de explotacións que cesan -ou van cesar- a súa actividade e interesados en asumir a súa xestión, ben sexa a través da compra ou de arrendamento. Esta iniciativa verase fomentada este ano cun investimento específico de 2,1 millóns de euros ata 2029.
Por outra banda, a titular de Medio Rural puxo en valor o programa de titorización e asesoramento, “que dende a súa posta en marcha no ano 2024 beneficiou xa a un total de 544 persoas beneficiadas previamente coa axuda para a incorporación”. Con el ofréceselle aos mozos incorporados atención e acompañamento durante o seu proceso de incorporación. Os encargados de prestar este servizo foron, ata o momento, 48 titores, profesionais das oficinas rurais dependentes da Xunta. O programa terá continuidade este ano e veu duplicado o seu orzamento, ao pasar de 400.000 euros en 2025 a 850.000 euros nesta anualidade.
Para rematar, destacou “a aposta pola formación da rama agraria da Consellería do Medio Rural, un compromiso que se plasma a través do impulso aos seis centros dependentes da Consellería, nos que neste curso 2025-2026 se matricularon 566 alumnos e alumnas, un 9 % máis que no curso anterior”.
Galego









Control OJD