A conselleira anuncia axudas específicas para as plantacións de oliveira e outros cultivos emerxentes na nova PAC 2028-2034

Publicidade

oliveiras autoctonas aceiteA conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reafirmou hoxe a aposta da Xunta polo fomento da calidade da produción agroalimentaria galega e polo apoio a cultivos emerxentes como o da oliveira. Foi durante a súa intervención na inauguración da xornada formativa sobre a elaboración de aceite de oliva virxe extra de calidade en Galicia organizada pola Consellería e que se celebra na casa da Cultura de Quiroga.

A conselleira, que estivo acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, fixo fincapé na recuperación do cultivo da oliveira durante os últimos anos na nosa comunidade, o que permite contar hoxe “con moitas empresas familiares que apostaron pola calidade e pola recuperación de variedades autóctonas, que teñen unhas cualidades únicas”.

Gómez engadiu que “esta é unha riqueza que temos que aproveitar” e que por parte da Consellería “seguiremos impulsando no próximo período da PAC 2028-2034, con axudas máis específicas para os cultivos emerxentes”, caso da oliveira. Ao tempo, subliñou o papel que este tipo de producións teñen para “recuperar territorio” no rural.

A maiores, a conselleira destacou a importancia de xornadas formativas como esta para os produtores e insistiu no apoio que dende a Consellería se fai cara todo o que ten que ver coa divulgación, a investigación e a transferencia de coñecementos ao sector agrogandeiro.

Oliveiras autóctonas

Por parte de Medio Rural estase traballando para favorecer o desenvolvemento das oliveiras autóctonas e que a Consellería, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, participa en dúas iniciativas encamiñadas a avanzar nesta mesma liña.

Neste 2026 vaise iniciar, precisamente, a produción de planta de oliveiras certificadas de variedades autóctonas no Centro de experimentación agraria do Baixo Miño, situado en Salceda de Caselas, co obxectivo de que os produtores poidan dispoñer delas e tamén para continuar estudándoas.

Programa da xornada

O obxectivo desta iniciativa formativa en Quiroga, na que participan expertos galegos e portugueses, é afondar na elaboración deste produto na comunidade, poñendo o foco nos aspectos técnicos do traballo en almazara, no control dos procesos e na profesionalización do sector como base para o seu desenvolvemento sostible no rural galego.

Así, nun contexto atlántico con características propias, a calidade do aceite de oliva virxe extra (AOVE) depende en gran medida dun manexo axeitado da almazara, do coñecemento técnico-científico e da capacidade para avaliar e mellorar o produto final. Ao longo da xornada abórdanse estes aspectos desde unha perspectiva práctica, científica e estratéxica, combinando experiencias profesionais contrastadas, coñecemento académico e análise sectorial.

Ademais, integrouse a cata de aceites como ferramenta técnica aplicada á elaboración, mentres que a proposta gastronómica final permite poñer en valor o AOVE galego como produto de calidade diferenciada e con potencial económico.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información