Conmemoración do 75 aniversario do Centro de Investigación Forestal de Lourizán

Conmemoración do 75 aniversario do Centro de Investigación Forestal de Lourizán

Plantas de castiñeiro dirixidas á obtención de novos clons en Lourizán. / Arquivo.

O Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán, que depende da Consellería do Medio Rural, celebrará este ano o 75 aniversario da súa fundación. Con tal motivo, estanse a programar diferentes actos conmemorativos que se celebrarán no vindeiro mes de xuño e cos que se pretende facer unha homenaxe a todo o persoal que pasou polo centro, así coma ós directores que estiveron á fronte da instalación nalgún momento da súa historia.

O Centro naceu a través dunha orde do 25 de febreiro de 1943, publicada no Boletín Oficial del Estado, pola que se creaba en Pontevedra un “Centro Regional de Enseñanza de Investigaciones y Experiencias Forestales”. O obxectivo era completar a ensinanza levada a cabo pola Escola Especial de Enxeñeiros de Montes e estender a acción do Instituto Forestal de Investigaciones y Experiencias na zona noroeste de España, que xa daquela se consideraba como especialmente apropiada para o estudo e desenvolvemento das especies forestais.

Na devandita orde establecíase que o centro tería por obxecto “o fomento das ensinanzas forestais e a realización sobre as especies de crecemento rápido de toda sorte de experiencias e investigacións, comprendidas desde a creación de masas ata o seu aproveitamento e industrialización”.

Parcela de 52 hectáreas
O centro de Lourizán quedou integrado no Instituto Nacional de Investigación Agraria (INIA) no ano 1973 e no 1984 foi transferido á Xunta de Galicia. As súas instalacións sitúanse nunha parcela de 52 hectáreas propiedade da Deputación de Pontevedra e cedida no ano 1943. Localízase na vertente norte da Península do Morrazo, nunha bocarribeira aberta á Ría de Pontevedra, fronte á Illa de Tambo. Esta propiedade pertenceu inicialmente a Eugenio Montero Ríos, quen, entre finais do século XIX e principios do XX, construíu un pazo, un invernadoiro e xardíns cunha importante influencia modernista.

O terreo ten tamén elementos arquitectónicos de épocas anteriores, como un hórreo de 1798 e unha fonte de 1804. En anos posteriores fóronse construíndo novas edificacións para laboratorios, invernadoiros e fixéronse ademais plantacións de especies forestais. O CIF de Lourizán estrutúrase actualmente en tres departamentos (protección forestal, ecosistemas forestais e silvicultura e mellora) e nel traballan arredor de 45 persoas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información