Esta fin de semana hai unha dobre cita do asociacionismo forestal galego. En Vilagarcía celébrase este sábado a asemblea xeral da Asociación Forestal de Galicia, na que participarán comunidades de montes e propietarios forestais particulares de toda a comunidade. Tras a asemblea, desenvolverase un coloquio aberto ó público sobre as normas de prevención de lumes. Entre tanto, en Rianxo, tamén este sábado, haberá o congreso da Organización Galega de Comunidades de Montes.
O acto da Asociación Forestal en Vilagarcía contará cunha parte aberta ó público, un coloquio destinado a clarificar e analizar o impacto das novas normas de prevención de incendios forestais, que esixen dos propietarios forestais o mantemento de faixas libres de biomasa. Desenvolverase en Vilagarcía, no Hotel Pazo O Rial, a partir das 12.30 horas.
O coloquio contará con relatorios dos técnicos da Asociación Forestal de Galicia, seguidos dun debate co público asistente. Tamén se abordará o Plan Forestal de Galicia e as novas normas medioambientais (Plan Director da Rede Natura, regulacións da paisaxe, etc.) que afectarán ó monte galego.
Congreso da Organización Galega de Comunidades de Montes
En Rianxo, a Organización Galega de Comunidades de Montes celebra o sábado e o domingo o seu VI Congreso, que se desenvolverá no auditorio municipal. O lema do evento será ‘Monte veciñal en man común, titularidade da veciñanza comuneira’. O Congreso incidirá na defensa do monte veciñal como de propiedade comunal, pois desde a Organización Galega perciben intentos “privatizadores” nas últimas lexislacións sobre o monte promulgadas pola Xunta.
Outro foco do Congreso situarase na posta en valor das terras comunitarias dun xeito multifuncional e sustentable.