A Confraría dos Viños de Monterrei sumará cinco novos membros

Publicidade
Domingo Rodríguez.

Domingo Rodríguez.

O vindeiro venres 9 de agosto terá lugar o acto da imposición de medallas da Confraría dos Viños de Monterrei, no que serán nomeados cinco novos integrantes da mesma: Domingo Rodríguez Villar, Floriano Barreira Santos, José Luis Suárez Conde, Alfonso Villarino Rodríguez e Álvaro Bueno Eléxpuru.

Domingo Rodríguez Villar, vinculado ao mundo da agricultura e presidente da asociación de catadores de viños ‘Tintores’. Fundada no ano 2013, co obxecto de impartir cursos vitivinícolas aos membros da mesma, adquirindo os máximos coñecementos sobre o viño.

Floriano Barreira.

Floriano Barreira.

Floriano Barreira Santos formou parte da extinta adega Cooperativa Monterrei. Tras o peche da mesma, apostou pola viticultura, reestruturando o viñedo e plantando as catro parcelas das que dispoñía. No ano 2002, xunto con outros viticultores crearon a adega cooperativa Terras do Cigarrón, sendo socio aínda na actualidade.

José Luis Suárez Conde, ligado á viticultura desde o berce, participou como socio fundador de adega Cooperativa Monterrei. Iniciou o seu labor profesional como carpinteiro, e por motivos familiares deixou este traballo para facerse cargo do comercio familiar, sendo tamén responsable dos coidados do seu pai enfermo e os irmáns máis novos.

José Luis Suárez.

José Luis Suárez.

Tras emigrar a Francia e Holanda, regresa a Vilaza (Monterrei) onde emprende un negocio de distribución de bebidas co seu irmán Mariano, no que traballou ata o ano 1999. Desde o ano 1979 compaxina a súa actividade profesional coa política. Comeza como concelleiro de UCD no Concello de Monterrei, e en 1981 tras a dimisión de Manuel Carballal ocupa a alcaldía, ata o ano 2015. Desde o seu cargo como alcalde promoveu a creación da denominación, incentivando a participación dos viticultores e chegando mesmo a contribuír economicamente xunto co Concello de Oímbra ao mantemento do Consello Regulador, nos seus inicios.

Alfonso Villarino.

Alfonso Villarino.

Alfonso Villarino Rodríguez comezou a súa vida profesional traballando na sastrería, tenda e bar familiar, así como nas terras que cultivaban para uso doméstico. Co seu pai foi aprendendo o oficio de xastre, que perfeccionou nun centro especializado de Barcelona, e ao que dedicou unha parte da súa vida profesional. A finais da década dos setenta combina a profesión de xastre coa de director de Caixa Ourense (despois Caixanova) en Oímbra, que inaugurou e dirixiu ata a súa xubilación.

Villarino foi durante 36 anos (entre 1979 e 2015) o alcalde de Oímbra. Durante ese mandato impulsou non só a organización da Feira do Pemento de Oímbra senón tamén a creación da Denominación de Orixe Monterrei, e como non, do seu Consello Regulador.

Álvaro Bueno.

Álvaro Bueno.

Álvaro Bueno Eléxpuru estudou Enoloxía na Escola de Viticultura e Enoloxía de Requena e cursou tamén un Master en Viticultura, Enoloxía e Marketing do Viño no “International Social Science Council”. Nomeado como Mellor Enólogo de Galicia pola Asociación de Catadores Gallaecia no ano 2007, iniciou a súa andaina no mundo do viño galego baixo a tutela de grandes enólogos da época, como José Vicente Guillen Ruiz ou Federico Ponce.

Formou parte dos comités de cata de catro das cinco Denominacións de Orixe que existen en Galicia (Ribeiro, Ribeira Sacra, Monterrei e Valdeorras) e posúe así mesmo o seu propio laboratorio e asesoría vitivinícola, Catavinos, da que é socio fundador desde o ano 1995. Na actualidade, asesora a adegas de catro denominacións galegas, entre as que se atopan varias da D.O. Monterrei.

Este acto, que se realiza conxuntamente coa celebración da Feira do Viño de Monterrei, levarase a cabo na Igrexa Parroquial de Verín, a partir das 18.30 horas (entrada libre ata completar aforo). A Confraría dos Viños de Monterrei foi creada no ano 2013, e conta na actualidade contará 54 membros (algúns deles nomeados a título póstumo).

Doutra banda, nesta edición a figura do pregoeiro recaerá en José Paz Paz, vicepresidente do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos e Graduados Agrícolas de Ourense, enxeñeiro técnico agrícola e vinculado ao sector vitivinícola da comarca de Monterrei.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información