Conflicto interno en Asoporcel, cun grupo de socios que pide unha asemblea extraordinaria

O servizo xurídico da Asociación está a valorar a solicitude, co fin de determinar se as cuestións que plantexan están axustadas a dereito e son pertinentes para unha asemblea xeral

Conflicto interno en Asoporcel, cun grupo de socios que pide unha asemblea extraordinaria

A Asociación de Criadores de Porco Celta (Asoporcel) enfróntase a unha crise interna, logo de que un grupo de socios veña de pedir unha asemblea extraordinaria polo seu descontento coa actual xestión. A solicitude rexistrouse onte na Asociación co respaldo de 37 asinantes, o que supera o 25% dos socios de Asoporcel.

Os gandeiros que subscribiron o documento demandan a dimisión da actual directiva e a convocatoria de eleccións, pois manifestan ter perdido a confianza no equipo rector, ó que acusan de “falta de transparencia”.

O grupo de socios críticos propón unha asemblea extraordinaria na que se aclaren numerosas cuestións sobre o funcionamento da asociación, tales como as altas pendentes de novos socios, as actas de inspección ás industrias nos últimos anos ou os motivos dos despidos disciplinarios a unha serie de traballadoras de Asoporcel.

Como punto final da asemblea extraordinaria, os gandeiros propoñen a dimisión da actual directiva, que resultou elixida o pasado ano, e a convocatoria de eleccións.

Análise da petición
Desde o servizo xurídico de Asoporcel, o avogado Luis Lamas sinala que xa recibiu a petición de asemblea extraordinaria e que elaborará o correspondente informe para a directiva da entidade.

“Temos que valorar, en primeiro lugar, a lexitimidade dos asinantes, e en segundo lugar, se a serie de puntos que piden están axustados a dereito e se é pertinente que se aborden nunha asemblea xeral extraordinaria”, explica Lamas.

Unha das cuestións candentes que os críticos piden tratar na asemblea é o despido disciplinario dunha traballadora, un asunto que o avogado entende que non lle corresponde á asemblea da asociación, ao estar en proceso xudicial.

“Hai unha vista prevista no xulgado do social para o 7 de xullo, pero desde Asoporcel pediuse a suspensión desa vista, pois cursouse unha denuncia contra a traballadora no xulgado de intrución, ao entender que hai feitos penalmente relevantes. Por tanto, será o xulgado o que teña que determinar sobre este caso en concreto”, valora.

Outras peticións que fan os críticos, como a solicitude de nóminas de traballadores de Asoporcel, vulneran a lexislación de proteción de datos de carácter persoal, polo que tampouco se poderán facilitar en asemblea, segundo advirte Lamas, quen sinala que esta circunstancia xa se lle explicou a socios que pediron estes datos con anterioridade.

Por último, o avogado lembra que na asemblea xeral ordinaria, celebrada esta primavera, estiveron presentes tanto el como o asesor fiscal da asociación para dar resposta a tódalas dúbidas que puidesen ter os socios en aspectos xurídicos e de contas, no que considera un exercicio de “transparencia total” por parte de Asoporcel.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información