O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación decretou o confinamento, a partir de hoxe, de todas as aves de curral que se crían ao aire libre en España. Trátase dun reforzo das medidas preventivas fronte á influenza aviaria ante o aumento do risco de expansión desta enfermidade altamente infecciosa.
A orde ministerial, publicada hoxe no Boletín Oficial do Estado, estende a todas as granxas avícolas, incluídas as explotacións ecolóxicas e as de autoconsumo ou as que produzan carne ou ovos para a súa venda directa ao consumidor, a prohibición de que os animais permanezan ao aire libre que xa rexía desde o pasado luns, día 10, para as zonas consideradas de especial risco e especial vixilancia, 1.201 municipios.
A medida tómase tras a elevación do risco da entrada da enfermidade en España na última semana. Para avaliar este risco téñense en consideración factores como o número de focos notificados en Europa, os puntos nos que se localizan e os movementos de aves silvestres desde zonas de risco no continente. En España constatouse unha abundancia de aves migratorias en zonas de humidais, habitual nesta época do ano. Ademais, o descenso das temperaturas é un factor que facilita a supervivencia do virus. As medidas de confinamento tratan de evitar o contacto das aves de curral coas migratorias que poden ser portadoras do virus.
Desde o mes de xullo notificáronse 139 brotes de influenza aviario en granxas avícolas de Europa. En España producíronse 14 focos en explotacións, a metade deles en Castela e León, ademais de 53 en aves silvestres e 5 en cautivas.
A orde publicada hoxe inclúe ademais as seguintes medidas:
-Queda prohibida a cría de patos e gansos con outras especies de aves de curral
-Queda prohibido dar auga ás aves de curral procedente de depósitos dos que poidan acceder aves silvestres, salvo no caso de que sexa tratada a fin de garantir a inactivación de posibles virus de influenza aviar.
-Os depósitos de auga situados no exterior requiridos por motivos de benestar animal para determinadas aves de curral quedarán protexidos suficientemente contra as aves acuáticas silvestres.
-Queda prohibida a presenza de aves de curral ou outro tipo de aves de cría nos centros de concentración de animais, incluídos os certames os certames gandeiros, mostras, exhibicións e celebracións culturais, así como calquera concentración de aves de curral ou outro tipo de aves cautivas.
-Nos casos nos que non fose posible o confinamento das aves de curral, a autoridade competente das comunidades autónomas poderá autorizar o mantemento da mesmas ao aire libre mediante a colocación de teas paxareiras ou calquera outro dispositivo que impida a entrada de aves silvestres. Neste caso, as aves terán que alimentarse e abeberarse no interior das instalacións ou nun refuxio que impida a chegada de aves silvestres e evite o contacto destas cos alimentos e a auga destinados ás de curral.
Hai dispoñible máis información sobre a influenza aviaria (ficha da enfermidade ou as últimas notificacións) nesta ligazón.
Galego









Control OJD