Coñecer a xestión comunal do pasado para inspirar o rural futuro

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza analizou o manexo do territorio en tres espazos da comarca, as Brañas de Laíño (Dodro), o monte veciñal de Baroña (Porto do Son) e o de Froxán (Lousame). Abre unha convocatoria para apoiar proxectos que aproveiten a potencialidade da comarca

Coñecer a xestión comunal do pasado para inspirar o rural futuro

Gando extensivo na serra do Barbanza, coa ría de Arousa de fondo. / Arquivo.

“O Laboratorio Ecosocial do Barbanza é un proxecto inusual”, recoñecen os seus promotores. A iniciativa bota man do coñecemento herdado e asentado nas comunidades para trazar proxectos que posibiliten un rural cun futuro sostible. “É un estudo antropolóxico que permite ver como vivimos na natureza, como a xestionamos e como xeramos alimento nela”, explica David Chipperfield arquitecto e presidente da Fundación Rede de Innovación Arousa (RIA), unha das entidades colaboradoras da iniciativa.

“A investigación debe axudarnos a repensar como nos relacionamos coa natureza e o papel das comunidades”, comenta Lourenzo Fernández, profesor do Departamento de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago (USC) e director do Grupo de Investigación Histagra, outro dos integrantes do proxecto, xunto coa Fundación Banco Santander e a Cátedra Juana de Vega.

“Galicia está na vangarda á hora de repensar como vivimos coa natureza” (David Chipperfield, presidente da Fundación RIA)

Pese ó pouco habitual que é atopar proxectos desta índole e da complexidade da propia temática, o estudo permitiu confirmar que Galicia xa ten avanzado neste eido. “Reconsiderar como vivimos coa natureza é unha tarefa complicada, pero na que Galicia, inesperadamente, se atopa na vangarda”, reafirma Chipperfield.

Fixéronse tres estudos de caso nas Brañas de Laíño, no monte veciñal de Baroña e no de Froxán

A primeira fase do proxecto, que acaba de rematar, incluíu un achegamento á realidade e historia rural da zona do Barbanza dende varios eixos. A participación do Histagra no proxecto permitiu botar man do coñecemento de 30 anos de investigacións sobre o rural galego, ó que se sumou a revisión documental de máis de 120 anos de prensa local.

Entrevista Laborat Ecos

Unha das fases do proxecto incluíu a realización de entrevistas cos veciños e integrantes destas comunidades.

Á marxe deste traballo documental, o proxecto incluíu o estudo de 3 comunidades de montes veciñais en man común que permitiron unha aproximación da realidade sobre o terreo. En concreto coñeceron as comunidades de As Brañas de Laíño, Baroña e Froxán. “Buscábase traballar coas comunidades, saber que é o que fan e como o fan. Tratamos de que sexan eles os que nos conten”, explica Fernández. Deste xeito procuran extraer pautas do coñecemento herdado e que aínda está presente nas comunidades sobre as que se asenten proxectos de futuro. “Este achegamento ás comunidades de montes permitiunos comprobar que son moito máis que monte. Nelas hai unha relación forte entre as familias e a comunidade en termos materiais, económicos pero tamén simbólicos, sociais e culturais” apunta David Soto, un dos historiadores que xunto con Fernández liderou os traballos de campo.

A pandemia obrigou a paralizar os encontros cos veciños antes do previsto, con todo entrevistáronse con 50 persoas da comarca

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza tamén se viu afectado polo impacto da pandemia, xa que en plena fase de entrevistas e encontros cos membros destas comunidades decretouse o estado de alarma e tiveron que paralizalos antes do que tiñan previsto. Con todo, puideron entrevistarse con máis de medio cento de persoas e teñen máis de 50 horas de gravacións.

7 principios para iniciativas sostibles

principios barbanza

Estes encontros coa xente, a documentación consultada e o coñecemento sobre a historia agraria de Galicia permitiron extraer xa uns principios básicos que axuden á hora de valorar novos proxectos que levar a cabo no rural e que se convertan en alternativas viables e sostibles. “Algúns destes principios estaban xa presentes en modelos de hai 30 anos que foron considerados como pouco eficientes, pero que amosaron estar máis adaptados ó territorio do que podía parecer naquel momento”, explican os responsables destas entrevistas.

Establecer cadeas agroalimentarias curtas é un destes 7 motores sostibles que poden abrir nichos de oportunidades no rural, como tamén o pode ser o coidado do territorio, o emprego de enerxías limpas e de orixe local ou aquelas propostas baseadas en deixar unha baixa pegada ecolóxica. Moitas das actividades están baseadas en principios da Economía Circular e a reciclaxe.

O aproveitamento da biomasa é un dos exemplos nesta dirección que ademais contribúe a reducir o risco de incendios forestais. En actividades como a gandería, unha das vías para lograr unha baixa pegada ecolóxica pasa por limitar a dependencia de forraxes ou outros insumos externos, en definitiva, a recomendación pasa por recorridos curtos das materias primas ou dos produtos. A reutilización dos residuos converténdose mesmo en recursos é outra das vías que apuntan os investigadores.

Actividades sociais Laboratorio Ecosocial Barbanza

O valor do traballo comunitario e a cooperación entre a comunidade é un dos principios destacados da investigación.

Crear espazos de relación social ou abrirse a diversificar a produción son outros dos principios para lograr a propostas sostibles. O proxecto permitíu comprobar como a pluralidade de actividades é unha vía para atopar un reequilibrio e a reconexión das relacións dos habitantes ó tempo que aporta unha maior capacidade de resiliencia e autonomía.

A experiencia das comunidades de montes tamén pon de manifesto que a xestión comunitaria realizada polos propios veciños é outro dos camiños para que as iniciativas funcionen. O estudo destas comunidades de montes amosa como as aldeas foron transformadoras e organizadoras do territorio, como foron evolucionando os usos do monte e a importancia que esta xestión comunitaria ten á hora de construír un futuro sostible.

Os proxectos semente

A segunda fase do Laboratorio Ecosocial do Barbanza está centrada en levar á práctica estes principios. O primeiro paso foi comezar a divulgalos cunha presentación dos resultados que se fixo recentemente nun acto celebrado na Universidade de Santiago. Está pendente, debido ás restricións sanitarias, que se leven a cabo actividades de promoción do traballo tamén nas vilas involucradas no proxecto.

Libro Laboratorio Ecosocial Barbanza

Recompilaron nun libro, editado en galego, castelán e inglés, os artigos xurdidos durante a investigación.

Parello a estes actos, os artigos elaborados en base á documentación recollida foron recompilados a modo de libro. “Cando éramos sostenibles. Aprendendo no Barbanza as claves do futuro”, que así se titula a publicación, está dispoñible en galego, castelán e inglés de xeito gratuíto na páxina web do proxecto

Seleccionarán 3 novos proxectos vinculados co rural e sostibles que recibirán asesoramento para súa posta en marcha e unha axuda de 5.000 euros

Para contribuír á divulgación da información, no marco do proxecto tamén elaboraron mapas interactivos que poñen de manifesto a importancia que teñen os montes veciñais en territorios coma o Barbanza e en toda Galicia.

Xunto á divulgación do traballo, esta segunda etapa do proxecto tamén inclúe o impulso a novos proxectos sostibles. Así, está xa aberto un proceso inicial de presentación de ideas que estean vinculadas ó territorio do Barbanza e que se asenten na sostibilidade. De entre as propostas recibidas, e tras un proceso de selección realizado polo consello asesor, escolleranse 3 proxectos que contarán con cadansúa axuda de 5.000 euros para o desenvolvemento da iniciativa. Ademais, as ideas seleccionadas tamén contarán con asesoramento para levalo a cabo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información