
A principal característica das vacas fleckvieh, o que as fai diferentes do resto de razas, é o seu dobre propósito. É decir, o seu rendemento lácteo e cárnico é de alto volume e calidade polo que os gandeiros poden ter unha dobre fonte de ingresos. E tamén alta rendibilidade se optan por unha soa das aptitudes da vaca.
Eso foi o que puideron comprobar os participantes no evento AgroTour 2026, organizado pola empresa geneticAustria e que contou coa colaboración en España de Ganados Barreira Bascuas. Gandeiros e técnicos de Europa e América visitaron e coñeceron os métodos e sistemas de catro explotacións da rexión da Baixa Austria que son referentes no traballo coa raza fleckvieh.
As visitas permitiron comprobar os diferentes modelos cos que se traballa coas fleckvieh: explotacións só de produción de carne, só de produción de leite e as de dobre propósito, que combinan animais en muxidura con cebadeiros. Todas elas de estrutura familiar, alta rendibilidade e tamaño medio-grande.
Milchhof Steiner
Os irmáns Martin e Johannes Steiner son as cabezas visibles desta explotación que combina a produción de leite coa ceba de xatos. A granxa atópase en Neusiedl, a 356 metros sobre o nivel do mar, na rexión da Baixa Austria. Tanto Martin como Johannes son persoas relevantes no sector gandeiro da Baixa Austria e ocupan cargos en diferentes organizacións sectoriais.
Martin é Obmann (presidente) da MGN Milchgenossenschaft Niederösterreich (Cooperativa de Leite de Baixa Austria), unha das organizacións de produtores de leite máis importantes do país que traballa estreitamente con procesadores como NÖM. E tamén ocupa o cargo de Landeskammerrat do NÖ Bauernbund (membro da cámara agraria rexional representando á unión de agricultores).

A implicación de todos os membros da familia nas tarefas da explotación é unha das claves do éxito dos Steiner
Pola súa parte, Johannes é Obmann do NÖ Genetik Rinderzuchtverband, unha asociación de criadores de gando. E tamén ocupa o cargo de Obmann do Rinderzuchtverein Pottenstein, a asociación local de criadores desa localidade do distrito de Baden.
O sistema de tres robots de acceso libre para 50 vacas cada un permiten obter toda a produción leiteira posible (Martin Steiner, Milchhof Steiner)
Por volume, a produción leiteira é a principal actividade. Para ela dispoñen de 155 cabezas de gando en muxidura e outras 200 destinadas a recría para a propia granxa e para a venda en poxa a outras explotacións. As poxas teñen lugar na localidade de Bergland.
Para muxir as vacas empregan tres robots da marca GEA (uns 50 animais por robot) nun sistema de acceso libre. A media diaria de produción sitúase en 36,8 litros por vaca, cuns índices 3,82 de graxa e o 3,46 de proteína, quedando o reconto celular somático en 108.
Estes altos niveis na produción leiteira -semellantes aos que obtén unha explotación intensiva holstein en Galicia de tamaño medio- acádanse tendo as vacas estabuladas en sistema de cama profunda e colchón de palla. Os animais de recría tamén contan con cama profunda de palla no espazo en que conviven.

As vacas dos Steiner están estabuladas nun sistema de acceso libre a tres robots de muxidura
A ración diaria das vacas en produción consta -en diferentes proporcións segundo a época do ano- de ensilado de herba, ensilado de millo, concentrados, palla ou herba seca e bagazo de cervexa. A esto hai que engadirlle o penso que os animais consumen cada vez que acuden aos robots de muxido, que equivale a uns 5 quilos diarios. Unha curiosidade desta granxa é que dispoñen de silos onde mesturan herba e millo.
Tanto nos cubículos das vacas de leite como nos do cebadeiro empregamos cama de palla polo benestar dos animais
Outros índices destacados da granxa son a idade ao primeiro parto, 26 meses; a produción na primeira lactación, 9.198 quilos; unha produción vitalicia media por vaca de 36.304 quilos ou un índice de inseminación de 1,8. O intervalo entre partos sitúase en 365 días.
Pero hai que aclarar que, como sucede en todas as granxas de dobre propósito de Austria, a lactación vitalicia podería ser moito máis ampla. O que sucede é que a partir do terceiro ou cuarto parto os gandeiros prefiren cebar as vacas ou mandalas para matadoiro para ir dando entrada aos exemplares de recría e aproveitar a alta cotización da carne. Porque sacan animais de máis de 700 quilos de peso vivo.

O cebo de xatos de alta calidade é unha fonte de ingresos fundamental na granxa
Nunha explotación próxima á dos Steiner, houbo unha vaca que obtivo unha produción vitalicia de máis de 200.000 litros. É decir, amortizou a base de muxidos todo o que consumiu durante a súa vida e os coidados que recibiu. E deixou unha importante ganancia ao mandala ao matadoiro.
Así, tanto en cantidade de quilos producidos como en niveis de sólidos en leite, en Milchhof Steiner obteñen unhas cifras equiparables ás de granxas que empregan razas máis tradicionalmente asociadas á produción leiteira como pode ser a holstein.
O índice de partos supera os 3 por vaca. Poderiamos ir a máis pero preferimos ir dando entrada á recría e vendendo para cebadeiro as máis adultas
Por canto a produción cárnica, dende 2020 contan cun establo adaptado para 50 xatos con cama de materia orgánica e sistemas de alimentación automáticos. Na actualidade son 20 os becerros que teñen para engorde e que pensan comercializar na zona de Bergland.
Os xatos críanse nunha corte ben iluminada e ventilada, con acceso libre as aleitadoras automáticas, o que favorece un crecemento saudable. Os animais aliméntanse con palla ata alcanzar arredor de 250 quilos de peso vivo.
Para alimentar o gando, os Steiner dispoñen de 141 hectáreas de terreo, das cales 55 están destinadas a pradería de sega e as outras 86 a outros cultivos, preferentemente millo. Cómpre decir que, semellante ao que pasa en Galicia, as parcelas da familia non son de gran tamaño e abundan as que teñen de superficie media unha hectárea. Ademais, a explotación conta con 180 hectáreas de bosque arborado.
Pero o rasgo máis característico desta explotación é o traballo xenético de inseminación artificial para que a cabana estea libre de cornos. E é que os Steiner consideran que o descornado dos xatos é un procedemento caro, innecesario e perxudicial.

Unha das claves da explotación é a de que non haxa moito máis de 50 vacas por robot
Xa hai 15 anos que mercaron as primeiras doses de touros sen cornos e, pasado este tempo, os avances foron grandes. Tanto é así que na granxa xa naceron touros que poden transmitir o xen sen cornos e poden empregarse para posterior transferencia de embrións.
O descornado das vacas é caro, require de tempo e pode danar os animais. Levamos 15 anos traballando con xenética sen cornos
O esmerado traballo xenético na explotación levou a que ata 10 dos seus touros estean nos catálogos de Fleckvieh Austria como sementais de alta calidade e as súas doses sexan de alta demanda. Tanto pola boa conformación e o descorno como pola capacidade de enxendrar animais de excelente dobre aptitude.
Como nota curiosa, hai que destacar que Sandra Aras e Ernesto Zuluaga, da gandería Ametsleku de Karrantza (Biscaia), tomaron a decisión de criar xatos fleckvieh para cebo na súa explotación logo de comprobar os excelentes resultados que se obteñen en Milchhof Steiner.
Igual que sucede na maioría das granxas desta rexión, a compoñente familiar é esencial. Así, ademais de Martin e Johannes, na granxa tamén traballan as súas donas Karin e Bernadette e os seus pais Adolf e Anna. Os tres fillos de Martin e os tres de Johannes garanten o relevo xeracional posto que xa participan do traballo diario.
Granxa da familia Wippl
Tamén familiar é a explotación dos Wippl, en Wieselburg-Land, onde traballan dúas xeracións e xa se albisca unha terceira. Josef e Sabine comparten tarefas co seu fillo Lukas e a súa esposa Rike e coa filla adolescente destes. Os cativos tamén apuntan maneiras de gandeiros.
No caso desta explotación, o volume de negocio de produción cárnica e láctea van case parellos. Na granxa teñen 90 vacas producindo leite e outras 120 femias destinadas a recría. Na parte cárnica, ceban 60 xatos. Ademais, o intenso traballo de selección xenética lévaos a ter unha liña de negocio de animais para vida. De feito, véndense embrións procedentes da granxa en Francia, Perú ou Países Baixos.

Os Wippl apostaron claramente polos robots de acceso libre para muxir as vacas
O crecemento na produción láctea foi exponencial. En 2009 só contaban con 20 vacas e en 2011 pensaron en instalar un robot para muxir ata 70 animais. Xa en 2025 instalaron un segundo robot, da marca Lely como o primeiro, de cara a que cada equipo se encargue de 45 vacas. O sistema robótico é de libre acceso.
Para nós o traballo en xenética, sobre todo coa recría, é unha parte esencial do funcionamento da granxa e que nos aporta rendibilidade (Josef Wippl)
A introdución do segundo robot permitiu ampliar a produción. En menos dun ano pasaron de 10.599 quilos por lactación a 11.812, é decir, un incremento superior a 1.000 litros por animal. A maior frecuencia de muxido foi decisiva nese aspecto. E é que houbo momentos en que pasaban ata 77 animais polo único robot e aquelo non era nin san nin efectivo, segundo explicou Josef.
Actualmente están obtendo uns niveis de 3,92 en graxa e de 3,51 en proteína. Na estabulación dispoñen de 80 cubículos cun sistema de cama de palla. Para as xovencas habilitaron un espazo de cama profunda con sistema de arrobadera.
A ración das vacas leiteiras componse de silo de herba e silo de millo ao 50% cada un. E complétase cun quilo de palla, 5 quilos de mestura de cereais que elaboran eles mesmos (cebada, trigo e millo), 5 quilos de bagazo de cervexa e 6 quilos de concentrado que consumen ao longo do día nos robots.

A explotación conta cun importante parque de maquinaria coa que pensan incrementar a produción
As xovencas comen diariamente un 80% de ensilado de herba en forma de rolos procedentes de pradeiras e un 20% de ensilado de millo cun aditivo de mineral. E para as xatas destinan un 50% de alfalfa seca, e un 50% de mestura de millo, fariña de liñaza, cebada e iniciador.
Os touros de engorde dispoñen dunha nave propia cunha reixa horizontal integral que foi construída en 2015. A ración coa que os alimentan componse de 50% de ensilado de herba, 50% de ensilado de millo, 3 quilos de mestura de cebada, trigo e millo e 3 quilos de bagazo de cervexa.
A selección de xatos e touros para ceba busca que obteñamos canais de arredor de 430 quilos
Os animais de engorde saen para os matadoiros cunha idade de entre 16 e 18 meses. E cunha media de peso en vivo de arredor de 650 quilos. Polo tanto, as canais poden chegar facilmente a conseguir 430 quilos de carne.
Os Wippl autodefínense como apaixonados da recría. Por eso todos os animais que nacen na explotación van a ese apartado ou son vendidos para vida. Porque a explotación forma parte do programa de calidade xenética de Fleckvieh Austria. De feito, un dos touros nacidos na explotación é un dos máis capacitados do centro de inseminación de Bergland.

Os Wippl defínense a si mesmos como apaixoados da recría e do traballo xenético
Para as inseminacións, empregan un 46% de doses de seme procedentes de touros xóvenes xenómicos e un 54% de doses que proceden de touros probados por descendencia. O touro GS Deluxe foi decisivo no crecemento xenético da explotación.
Dada cantidade de gando da que dispoñen e as ampliacións que teñen previstas, na granxa contan cunha fosa de almaceamento de xurro de 1.000 m³, é decir, un millón de litros de capacidade. A explotación conta cun amplo parque de maquinaria xa que eles mesmos realizan todas as tarefas de laboreo. E dispoñen do seu propio carro para elaborar as racións.
O traballo xenético permite que toda a reposición da granxa se faga con exemplares propios e mesmo vendamos animais para vida
A familia Wippl manexa unha superficie de 85 hectáreas, das que 63 son en réxime de alugueiro e as outras 22 son de terra propia. Para pradeira permanente utilizan 20 hectáreas e outras 25 son para cultivo de millo. A cebada destinan 10 hectáreas, a trigo 5 e nas outras 25 alternan diferentes cultivos forraxeiros. Ademais dispoñen de 4 hectáreas de bosque arborado.
Tanto a visita a granxa Wippl como a de Milchhof Steiner serviron para que gandeiros e técnicos puideran comprobar a dobre aptitude das vacas fleckvieh. Sen un número excesivo de animais e cunha superficie mediana obtéñense altos rendementos tanto na produción de leite como na de carne. E con modelos de manexo sinxelos e familiares.
Explotación Hagler
Na localidade de Euratsfeld atópase esta explotación que resultou sorprendente para os participantes no AgroTour 2026. E é que o matrimonio composto por Josef e Renate Hagler e as súas fillas Viktoria e Katharina son produtores de leite a tempo parcial. Todos eles teñen outros traballos en sectores diferentes da produción leiteira.
Na actualidade manexan un rabaño composto por 30 vacas en produción de leite e 28 xovencas e xatas destinadas a recría. Os animais chegan a 11.752 litros por lactación e cuns altos niveis de graxa (4,29) e de proteína (3,57) polos que reciben importantes primas da industria. O muxido realízase nunha sala 2×8 do tipo Side-by-side da gama Swingover da marca Dairymaster.
Cunha boa organización do tempo e a incorporación de tecnoloxía podemos compaxinar a granxa con outros traballos (Josef Hagler)
Como nas outras granxas visitadas, as vacas dispoñen de cubículos -30 neste caso- nos que se emprega cama de palla. Para as xovencas, ubicadas nunha nave máis antiga, empregan dispositivos de subxección.
Dado que a presenza na granxa non é continua, os Hagler recurren á maquinaria e á tecnoloxía. É o caso do peine descompactador de silo que empregan para servir as racións. Unha ración que, para as vacas en produción se compón de 50% de silo de herba, 50% de silo de millo e unha mestura que inclúe cebada, millo, soia, fariña de colza, carbonato cálcico e sal.

As vacas dos Hagler poden pasar soas boa parte do día grazas ao uso de tecnoloxía
Na mesma liña innovadora, a construción do novo establo levou aparellada a instalación de placas fotovoltaicas de 25 kWp cun sistema de almacenamento de 40 kWh. Por outra banda, a explotación mantén un sistema cooperativo con outras dúas granxas da zona para a utilización común de maquinaria. Froito desa colaboración, empregan unha cisterna de xurro, segadoras, hileradora e esparexedor de xurro.
Os Hagler conseguen unha alta rendibilidade manexando só unha superficie de 29 hectáreas, sendo propietarios de 26,5 delas. 15 están destinadas a pradería e as outras 14 divídense en 5 para pradeiras de rotación, 4 para cereais e outras 5 para millo de ensilado. E teñen á súa disposición 3 hectáreas de masa arborada e monte baixo.
A xestión axeitada do terreo e a colaboración en maquinaria con outras granxas permiten optimizar ao máximo as 29 hectáreas que traballamos
Igual que a inmensa maioría de explotacións de fleckvieh da rexión, os Hagler dan unha enorme importancia ao traballo xenético. A raíz da selección e da mellora conseguiron que tres touros nacidos na explotación estean situados entre os mellores sementais probados da raza. Concretamente son GS Vogt, GS Diadora e GS Wonder.

A colocación de placas fotovoltaicas permite aforrar custes enerxéticos e aumentar a rendibilidade
Para os visitantes, especialmente para os procedentes de España e Galicia, foi de moito proveito a visita xa que puideron comprobar como é posible ser produtores de leite a tempo parcial, algo impensable para moitos. Só se trata de organizarse e de aproveitar a capacidade produtiva e o alto valor xenético dos animais.
Conclusións
As visitas a estas catro explotacións tiñan por obxecto que os gandeiros e persoal que traballa coas fleckvieh puidera visualizar os diferentes modelos de explotación cos que se pode traballar coa raza austríaca por excelencia. E, segundo os participantes, conseguiuse sobradamente.
A gran vantaxe destes sistemas de granxas radica en que son aplicables a case calquera rexión gandeira do mundo. A rusticidade das fleckvieh e a súa capacidade de adaptación fan que sexa posible obter altos rendementos cárnicos e lácteos independentemente das condicións de cada zona. Dende as montañas do Perú ata a meseta castelá ou as granxas intensivas de Escandinavia, en todos os espazos se están a lograr resultados óptimos.
Outro aspecto chamativo ten que ver co prezo do leite en orixe. Aínda que está a baixar en todo o mundo, para os gandeiros de fleckvieh non supón un problema especialmente grave nin repercute negativamente na rendibilidade das explotacións.

O coidado das instalacións dos animais de ceba é unha constante en todas as explotacións
Tanto os Wippl como os Steiner e mesmo poderíano facer os Hagler compensan o que deixan de ingresar coa venda de leite coas altas cotizacións da súa produción cárnica. Noutros momentos ten sucedido ao revés e ingresaban máis polo leite que pola carne. E é que o dobre propósito consegue manter a rendibilidade ao diversificar a produción.
Como en calquera proxecto gandeiro, o traballo xenético é un piar fundamental que complementa todo o relativo a manexo e alimentación. A selección xenética facilita que os animais expresen toda a súa aptitude e teñan unha maior lonxevidade e índices produtivos. De aí que os responsables de geneticAustria quixesen incluír estas explotacións nas visitas.
Non hai que esquecer tampouco o perfil das granxas e dos gandeiros. Todas elas son de carácter familiar. Un modelo que segue sendo o máis habitual en todo o mundo e que garante o respecto polo territorio, o coidado especial dos animais e o mantemento de actividade en zonas xeralmente pouco poboadas.
O AgroTour serviu tamén para que os gandeiros participantes estableceran relacións cos responsables das granxas visitadas. Froito desa interacción, acadáronse acordos comerciais e aprendéronse técnicas que se van aplicar en ganderías dos países visitantes. E é que, como rezaba o lema do AgroTour, “contáronmo e esquecino; vino e entendino; fíxeno e aprendín”.
Casa Rücklinger. Innovación e sinxeleza
Esta explotación da localidade de Winklarn mereceu unha atención especial polo seu sistema de produción de animais de cebo. A combinación de tecnoloxía, xenética e benestar animal convértena nun referente para a produción de propósito cárnico sen grandes extensións de terreo nin unha cabana sobredimensionada. Un exemplo de eficacia que redunda en rendibilidade.
Georg e Maria Rücklinger, coa axuda dos pais de Georg -Franz e Walpurga-, converteron hai 15 anos unha granxa leiteira de 25 vacas e un pequeno cebadeiro nun modelo a seguir de produción de machos fleckvieh para carne.

A explotación dos Rücklinger é outro exemplo de granxa familiar, como demostra Georg co seu fillo máis cativo
Hoxe ceban 176 touros e becerros nunhas instalacións pensadas e deseñadas para obter os máximos niveis en benestar animal, prestando espacial atención aos aloxamentos. Os Rücklinger organizaron dúas cortes diferentes: a principal, que dispón de camas inclinadas para 144 animais e outra secundaria para corentenas na que collen 32 xatos e becerros.
Tecnoloxías sinxelas e asequibles como a cama inclinada ou o esparcidor de palla incrementan exponencialmente o benestar animal (Georg Rücklinger)
As camas inclinadas foron incorporadas na ampliación de estabulacións que se fixo en 2021 e son un sinal de identidade da explotación. Con elas conséguese mellorar a hixiene e o confort do animal mediante a drenaxe natural. A pendente vai de adiante cara atrás nunha inclinación de arredor dun 5% e fai que as execcións drenen cara ao corredor de limpeza, mantendo as zonas de contacto coa cama máis secas e limpas.
E é que a cama inclinada é un dos emblemas das prácticas de benestar animal que se aplican na granxa. Con ela conseguen previr enfermidades porque mantén a superficie seca, e reduce o risco de mastite ambiental e de enfermidades podais como a dermatite dixital. Sen esquecer que estimula os touros a permanecer deitados máis tempo o que reduce o estrés e favorece o engorde.
O robot de encamado para vacas é outra das innovacións incorporadas na granxa que redundan no benestar animal e na eficiencia e rendibilidade. Trátase dunha solución automatizada deseñada para distribuír de forma uniforme o material de cama (neste caso palla) nos cubículos e zonas de descanso do gando. O que se consegue é manter a zona de deitado seca e confortable sen intervención manual constante.
Subcontratando os laboreos e compartindo maquinaria podemos centrarnos en mellorar o coidado das vacas e a súa produción
Nesta granxa de Winklarn recurriron a un Sistema de distribución aérea: un robot que se move por raís suspendidos no teito do establo que carga material dende un silo e o distribúe con precisión en cada cubículo. A cama sempre renovada e seca reduce as lesións de patas e o risco de mastite.
Aparte de que aforra man de obra ao eliminar unha tarefa laboriosa e repetitiva. E distribúe só a cantidade necesaria, optimiza o uso da palla e reduce o desperdiciomantendo un nivel de limpeza uniforme ao programar varias pasadas ao día (algo imposible en sistemas manuais).
Outras prácticas de innovación e mellora foron a incorporación dun silo de trincheira do tipo Traunstein, a ampliación do almacén de esterco, a construción dunha fosa de xurro e dun almacén de palla e a instalación dun sistema de placas fotovoltaicas para abastecer de enerxía a explotación.

O sistema de cama inclinada é un exemplo de como aumentar o benestar animal cun investimento reducido
A gandería goza dunha situación e un clima favorables, cunha altitude sobre o nivel do mar de 300 metros e unhas precipitacións anuais de 660 litros/m². Se ben as condicións xeográficas e climáticas son algo que apenas inflúe na vaca fleckvieh, que garante altos rendementos en calquera lugar do mundo.
Os Rücklinger traballan unha superficie de 45 hectáreas, sendo 5 delas arrendadas e as outras 40 en propiedade. 20 desas hectáreas destínanse á produción de millo para ensilar. Outras 10 van para diferentes cereais (ultimamente cebada e trigo brando de inverno). As 15 restantes empréganse para cultivar trevo e gramíneas en réxime de pradería permanente. Tamén teñen á súa disposición 13 hectáreas de bosque arborado.
Para o laboreo e manexo deses terreos, a familia participa en cooperativas de uso de maquinaria en común e nos momentos de máis carga de traballo, como poden ser as campañas de sega e ensilado, subcontratan as tarefas con empresas de servizos agrícolas da zona.
Cos seus cultivos, os Rücklinger elaboran no carro mesturador unha ración composta nun 60% de ensilado de millo, un 30% de ensilado de herba e unha mestura moída de cereais-proteína. Ademais, engaden palla en función das necesidades.
Estamos conseguindo unha ganancia media diaria de 686 gramos por animal simplemente con pequenos cambios
Segundo os informes de rendemento, os valores medios da granxa reflicten que os touros saen para os matadoiros cunha idade de 18,9 meses. E que as canais en quente acadan un peso de 414 quilos. Dese xeito, a ganancia media diaria de peso sitúase en 686 gramos. Un índices dificilmente superables.
A explotación da familia Rücklinger foi valorada moi positivamente polos asistentes ao AgroTour 2026. Criadores de Fleckvieh e técnicos comprobaron in situ que o emprego de tecnoloxías sinxelas pero avanzadas, o benestar animal en todo o proceso de cría e cebo e o uso racional da terra e da maquinaria fan altamente rendible e sustentable unha granxa que, a simple vista, podería parecer de pequena dimensión.

O esparcidor de palla é un dos aparellos asequibles e sinxelos que melloran enormemente a hixiene na estabulación
Tamén é fundamental o traballo en xenética asesorados por geneticAustria, de xeito que os altos índices xenómicos dos exemplares de fleckvieh permiten un desenvolvemento óptimo en cada unha das fases dos xatos, dende que ingresan na granxa ata que están listos para saír ao mercado.
Galego









Control OJD