Coñecemos ben as variedades de castiñeiros dos soutos galegos?

O Centro de Investigación Forestal de Lourizán está a traballar na identificación das castes de castiñeiros das principais zonas produtoras de Galicia. Abordamos os avances en mellora xenética que están a levar a cabo grazas a estas accións, así como as novidades na loita contra a tinta ou a avespiña

Coñecemos ben as variedades de castiñeiros dos soutos galegos?

Un souto de castiñeiros na zona dos Ancares (Lugo).

Unha das liñas que están a desenvolver no Centro de Investigación Forestal de Lourizán (Pontevedra) en materia de mellora xenética do castiñeiro pasa pola identificación das distintas variedades existentes nos soutos galegos. Trátase dun traballo que, aínda que se iniciou hai xa varias décadas, está a retomarse nos últimos anos con novas investigacións sobre o terreo. “Para lograr materiais destinados á produción de castaña nós estamos seguindo unha estratexia centrada en identificar variedades ben definidas presentes nos soutos galegos”, explica Josefa Fernández, coordinadora do programa de mellora do castiñeiro no centro.

Un destes proxectos estase a levar a cabo no Courel (Lugo) e con el pretenden mellorar a descrición varietal dos soutos. “Boa parte destas variedades recolléronse hai xa 30 anos, pero agora estamos abordando o xenotipado dun bo número dos individuos presentes nestes soutos”, detalla Fernández.

Nos montes do Courel xenotiparon uns 200 castiñeiros para mellorar a descrición varietal dos soutos e conseguir exemplares que poidan empregarse na produción de castaña

Polo momento, nos soutos do Courel xenotiparon xa uns 200 castiñeiros elixidos con diferentes criterios. Nesta zona tiñan descritas só dúas variedades importantes, que se atopan incluídas entre as 23 variedades rexistradas e con presenza en Galicia. Por unha banda, atópase a variedade De Presa, a máis abundante nos soutos desta zona, que produce unha castaña grande e temperá. “No pasado, o interese por esta variedade foi para o aproveitamento da madeira, debido á súa calidade, e segue a selo”, detalla a experta. Esta é tamén unha das variedades máis antigas, presente principalmente nos montes do Courel e tamén localizada en zonas contiguas de León.

A outra variedade que tiñan identificada ata o momento nesta zona é a Rapada, cunha castaña dun calibre máis pequeno, doce, saborosa e ideal para o secado. Xunto con estas variedades, os traballos de xenotipado permitíronlles identificar 12 variedades máis, aínda que algunhas delas teñen unha presenza anecdótica. Trátase, en parte, de variedades que xa están dadas de alta con outros nomes noutras zonas, o que lles está a simplificar o traballo de identificación e catalogación. “Este traballo estanos permitindo coñecer sinonimias dunha mesma variedade en diferentes lugares”, detalla a especialista.

Entre estas variedades que identificaron na zona do Courel atópase a Vérdea, unha caste tardía que produce castañas de pequeno calibre e moi presente nestes soutos. “Con estes traballos puidemos concretar que é unha variedade que aínda está sen rexistrar, o que faremos proximamente”, explica Fernández.

“Agora hai unha demanda e un interese por coñecer as variedades de produción de castaña que temos en Galicia”

Xunto cos traballos que realizaron no Courel, o ano pasado estiveron a traballar en soutos dos Ancares e A Fonsagrada (Lugo). Tamén realizaron xa esta catalogación en soutos de Viana do Bolo (Ourense), onde localizaron variedades cunha presenza anecdótica, pero que son as que está a demandar agora o mercado, debido ó seu tamaño. “Agora hai unha demanda e un interese por coñecer as variedades de produción de castaña que temos en Galicia, dende que rexurdiu o aproveitamento da castaña”, apunta.

As actividades sobre recursos xenéticos do castiñeiro están contribuíndo tamén á creación de tres importantes coleccións de xermoplasma. Unha das coleccións inclúe unhas 45 variedades para castaña, tanto galegas como outras de interese (portuguesas e francesas). Outra colección é a de árbores superiores para madeira, cuns 150 individuos. A terceira é a colección de híbridos interespecíficos entre o castiñeiro europeo e o xaponés, así como híbridos con castes orientadas á produción de madeira, castaña e de dobre aptitude.

O programa de recursos xenéticos do Centro de Investigación Forestal de Lourizán parte da consideración de que as variedades produtoras de castaña a recomendar van ser as variedades tradicionais que interesen polas súas características. Por outra parte, os patróns e os clons para madeira procederán do programa de mellora que busca adaptación e tolerancia á tinta, cancro e avespa (Phytophthora cinnamomi, Chryphonectria parasitica e Dryocosmus kuriphilus), compatibilidade ó enxerto no caso dos patróns e calidade forestal nos clons para madeira.

Ensaios nos invernadoiros do CIF Lourizan sobre a avespiña do castiñeiro.

Ensaios nos invernadoiros do CIF Lourizan sobre a avespiña do castiñeiro.

A resistencia a enfermidades

Lograr castiñeiros resistentes ás principais afeccións, como son a tinta (Phytopohthora cinnamomi) o cancro (Cryphonectria parasitica) e máis recentemente á avespiña do castiñeiro (Dryocosmus kuriphilus) é outra das liñas fundamentais en materia de mellora xenética no CIF Lourizán. “Os nosos esforzos dende hai 10 anos tamén están encamiñados a crear novos xenotipos controlados, de calidade, adaptados ás condicións climáticas e, sobre todo, que sexan resistentes á tinta, que é o maior problema dos castiñeiros galegos”, concreta a investigadora.

No caso do cancro e da avespiña a loita biolóxica está a ser unha opción para mellorar a afección, segundo indica a especialista, polo que están a manter especial interese en mellorar por resistencia á tinta. “Hai anos, zonas da montaña de Lugo e Ourense mantíñanse libres de tinta, pero na actualidade estase detectando a incidencia tamén nestes soutos”, detalla.

“Hai anos, zonas da montaña de Lugo e Ourense mantíñanse libres de tinta, pero na actualidade estase detectando a incidencia tamén nestes soutos”

Dende Lourizán están optando por buscar a resistencia á tinta tanto nas poboacións autóctonas cunha mellor resposta, como na hibridación con exemplares xaponeses, que amosaron ter resistencia. Nesta última opción levan anos traballando, procurando ter clons adaptados ás condicións climáticas galegas, posto que as variedades asiáticas amosan problemas para resistir á seca e ás xeadas. Así, tentan conseguir xenotipos cun compoñente europeo máis importante e ó mesmo tempo consigan ser resistentes.

Neste eido xa lograron clons das variedades orientadas á produción de madeira con cruces de Garrida ou De Presa. “Os híbridos que estamos obtendo agora teñen un 25% da variedade asiática, son os coñecidos como retrocruzamentos a Castanea sativa, e teríamos que ir a unha xeración máis, de modo que esta porcentaxe se vira máis reducida, para conseguir plantas máis resistentes fronte a xeadas e secas”, concreta Fernández.

Nos últimos 2 anos plantaron un ensaio en catro localizacións, con entre 300 e 500 exemplares en cada un, para seleccionar híbridos máis adaptados á climatoloxía galega e resistentes á tinta

Nos últimos 2 anos levaron a cabo un ensaio en catro sitios con 300 a 500 exemplares por sitio, repartidos en parcelas situadas en Lourizán, Vilariño de Conso (Ourense), O Corgo (Lugo) e Allariz (Ourense) para comparar os novos retrocruzamentos con híbridos F1 ( 50 % de C.sativa e 50 % de xaponés), os creados a mediados do século XX que se propagan e venden nos viveiros. “Nestes ensaios estamos tendo moi bos resultados, aínda que polo momento só teñen 2 anos e neste tipo de estudos é preciso agardar polo menos a evolución de 4 ou 5 anos, aínda que pode que consigamos ir sacando ó mercado xa mesmo antes algúns híbridos que amosen bos resultados”, explica.

A loita contra a avespiña

Algúns dos híbridos asiáticos empregados para obter resistencia contra a tinta, como son o 90044, o 125 ou a variedade francesa Bouche de Bétizac, xa demostraron ser totalmente resistentes tamén contra a avespiña do castiñeiro. “O problema é que en zonas de montaña, están a presentar problemas coa seca estival, o que fai que sexa preciso a rega, sobre todo nos primeiros anos; así como coas xeadas, xa que agroman moi cedo”, apunta. En concreto, a metade dos 30 híbridos F1 avaliados resultaron totalmente resistentes á avespa, entre eles están 3 dos 8 patróns que están en pleno proceso de aprobación para incluír no Rexistro de Variedades Comerciais. Trátase dos híbridos Q-125, Q-392 e Q-90044.

Dende hai 4 anos están realizando un estudo con exemplares da plantación situada en Boqueixón (Sergude, A Coruña) para coñecer as variedades máis sensibles ó ataque da avespiña. “Os resultados estanse a repetir ano tras ano e amosan que variedades como Ventura, De Presa, Famosa ou De Parede teñen unha menor tolerancia”, detalla. Pola contra, a Rapada do Sil, Rapada, Negral, Branca ou Longal presentan unha maior resistencia fronte á avespiña.

GraficoAvespaVariedades-1

Das 28 variedades tradicionais avaliadas, 5 delas amosan unha maior resistencia fronte ó ataque da avespiña.

“Aínda que nestes momentos non se opte por plantar as variedades máis sensibles, cómpre non tomar decisións a longo prazo baseadas só nestes datos, posto que a resposta que se está tendo coa loita biolóxica, como xa aconteceu en países coma Francia, está a ser moi boa e nuns anos podemos lograr unha incidencia moito menor da avespiña nos soutos galegos”, conclúe a investigadora.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información