
Dani, na súa granxa, na que traballa como empregado e á que non se puido incorporar
SAT Carboeiro é unha explotación leiteira ubicada en Teilán (Guntín) formada por cinco socios: os irmáns Carlos, Roberto e María Lamazares, o seu pai Manuel e o home de María, Marcos López Marzán. A maiores, Belén Piñeiro, a muller de Carlos, é titular dunha granxa de pavos coa que decidiron diversificar os ingresos no ano 2021.
A continuidade da explotación está tamén garantida, xa que Dani, o fillo maior de Carlos e de Belén, que ten 21 anos, está xa traballando na gandería. Faino como asalariado, xa que as condicións establecidas pola Xunta para as novas incorporacións, esixindo que a persoa moza que se incorpora posúa o 51% da propiedade, dificulta o proceso en explotacións grandes coma esta. “A miña incorporación como socio maioritario era totalmente inviable, non cumpriría nin aínda que o meu pai e o meu avó me cedesen a súa parte”, aclara.
Non sería factible que Dani se fixese co 51% da explotación aínda que o seu pai e o seu avó lle cederan a súa parte
Dani estudou un ciclo medio de Electromecánica e despois fixo o ciclo superior de Mecánica de Competición pero decidiu sumarse á explotación familiar. “Coma na casa non se traballa en ningún lado e tendo algo grande así montado, que menos que seguir. Para min vai ser doado, porque chego e metade do traballo xa está feito”, recoñece. “Agora hai que mantelo, pero eu véxolle futuro”, asegura.
“Non quedan explotacións porque á xente que estamos nas granxas quéimannos por todos os lados e ao final acabas abandonando. Son todo trabas e pegas, se non é unha cousa é outra”, lamenta a súa tía María. “Para animar á xente nova a incorporarse teñen que poñer outras facilidades”, di.
Eu chego cando o traballo xa está feito, pero agora hai que mantelo
“Eu incorporeime con 21 anos e Carlos con 24. Tiras para diante porque xa estás metido nisto e tes un investimento grande xa feito, pero que tiveramos que empezar hoxe de cero sería inviable”, asegura.
Para o batch milking non pediron plan de mellora nin axuda de ningún tipo. “Sae todo do noso bolsillo e de reinvestir os beneficios que xera a explotación no día a día”, din. “Hai cousas das axudas que non teñen lóxica, como o feito de que che dean unha axuda e ao mesmo tempo che cobren por ela impostos”, exemplifican.
De 160 vacas a máis de 500
A historia de SAT Carboeiro remóntase ao ano 2007. A raíz do casamento de María e de Marcos, as familias Lamazares e López Marzán decidiron xuntar as vacas que tiñan nas dúas casas, unhas 160, e constituír a SAT para unificar tamén as fincas e o traballo. Fixeron unha nave nova e empezaron un proceso vertixinoso de crecemento que non deixou de medrar nestes case 20 anos de traxectoria en común.
SAT Carboeiro nace da unión no ano 2007 de dúas familias das parroquias de Lamela e Montouto
Na actualidade moxen arredor de 500 vacas e están rematando as obras para modernizar o sistema de muxido da granxa, que vai pasar dunha sala de 40 puntos, na que lles leva 3 horas muxir, a un batch milking con 12 robots de muxido de inicio, con previsión de colocar 2 máis o ano que vén.

As vacas secas están en cama fría de compost
A nova nave do batch milking foi deseñada tamén para permitir dobrar o número de robots nun futuro, “se os nosos fillos se animan”, bromea María, que asegura que polo momento eles buscan calidade de vida máis que crecemento.
Ademais dos 5 socios, teñen 8 empregados traballando
A falta de man de obra contratada foi unha das razóns que os levou a apostar pola robotización. Outro motivo foi a súa intención de implantar o terceiro muxido, algo que nunha sala multiplica as necesidades de persoal e complica a organización dos turnos de libranza.
A implantación do terceiro muxido na sala multiplicaría as necesidades de persoal e dificultaría a organización dos turnos de traballo
Teñen establecidas dúas quendas de traballo, tanto para eles como para os 8 empregados que teñen contratados. “Os traballadores fan 8 horas, nós algunha máis, pero todos estamos con xornada continua, uns vimos pola mañá e os outros pola tarde e na fin de semana uns libramos o venres pola tarde e o sábado todo o día e o outro turno libra o domingo enteiro e o luns pola mañá”, detalla María.
150 hectáreas de superficie
SAT Carboeiro traballa unhas 150 hectáreas de terreo, das que case 100 son en propiedade e outras 50 alugadas. Botan toda a superficie a millo e rotan todas as fincas no inverno con herba “agás as máis pequenas nas que non che compensa”, aclara María.
Unha parte do traballo agrario fano eles e outra parte contrátano. Por exemplo, para o millo sementan eles pero pagan por picalo e ensilalo. O aumento da superficie foi necesario para cubrir as necesidades forraxeiras da explotación a medida que foi medrando, pero tamén para cumprir coas normativas medioambientais na aplicación de xurro e esterco. O da granxa de pavos tamén o xestiona SAT Carboeiro, pero iso obrígaos tamén a ter máis superficie.
Nesta zona as explotacións que quedamos medramos todas, pero o problema é que non damos conseguido a concentración parcelaria
“Aquí nesta zona hai máis granxas e son grandes, tanto en Gomelle como en Pradedo, polo que as fincas están reñidas. Aquí non queda a terra abandonada porque as explotacións que quedamos medramos todas. O problema é que non temos concentración parcelaria, non o damos conseguido”, explica María.
Elaboran o penso e teñen carro propio
A aposta pola tecnoloxía e por controlar directamente todos os procesos da granxa esténdese tamén á alimentación do gando. Teñen carro mesturador propio para elaborar as distintas racións, un traballo do que se encarga Roberto.
Ademais das forraxes propias, mercan as materias primas directamente en porto e mestúranas eles para elaborar o penso ao seu gusto. “Deste xeito sabemos o que estamos dando ao gando”, xustifican.
A cabana gandeira total sitúase neste momento nos 1.050 animais
Ademais do aforro económico, a elaboración do concentrado permítelles tamén maior flexibilidade á hora de adaptar a ración ás necesidades do gando e á calidade das forraxes, logrando deste xeito maior estabilidade produtiva.
Rondan neste momento os 40 litros de leite de media por vaca e día, cun 3,95% de graxa e un 3,41% de proteína. Entregan a produción a Inleit, cun contrato que renovan dúas veces ao ano. “Nós preferimos renovar en decembro e no verán e non na primavera como fai todo o mundo”, aclara Carlos.
Recría na propia explotación

Nave de recría da explotación, con 4 postos de amamantadoras e distintos lotes de becerras destetadas e xovencas
Fan tamén eles a recría na propia granxa, para o que dispoñen dunha nave específica para ela, con dúas amamantadoras e distintos lotes de tenreiras destetadas e xovencas. “As becerras témolas 15 días en boxes individuais e despois entran nas amamantadoras de 20 en 20 e despois xa as imos movendo xuntas”, conta María.
Para o control sanitario da granxa forman parte da ADSG de Guntín
Para a detección de celos contan con colares nas vacas en produción e con pendentes para a recría. “Poñémolos normalmente ás becerras máis pequenas para detectar enfermidades de xeito precoz, porque nas primeiras semanas é cando hai máis risco de que collan enfermidades dixestivas e respiratorias”, explica.
“Poñer robots normais na estabulación roubábanos moito sitio, por iso nos decantamos polo batch milking”

Sala de muxido de 40 puntos, que van substituir por un sistema de batch milking con 12 robots
SAT Carboeiro conta ter en funcionamento o seu novo sistema de muxido antes de que empece a campaña de ensilado da herba e sementeira do millo na primavera. Están mentalizados que será un momento duro habituar as vacas pero agardan que, superada esa fase inicial, a robotización lles supoña unha mellora na calidade de vida.
Decantáronse pola instalación dun batch milking para centralizar o muxido nun único punto da explotación. “Dubidabamos entre poñer robots normais pola estabulación ou instalar un sistema de muxido robotizado en lotes e decidímonos finalmente por facer o batch milking nunha nave aparte porque os robots comíanos moito sitio e obrigábanos a eliminar moitas camas e non estamos sobrados de cubículos”, explican.
A modernización do sistema de muxido vailles aportar tamén un maior control do gando
Ademais, din, este sistema modifica menos as rutinas actuais da explotación. “As vacas van todas muxirse en lotes aos robots, igual que van agora á sala, e asegúraste de que todas entran, non tes que andar despois pendente das alertas do robot e buscando as que non entraron polo medio das outras”, argumentan.
Ente as empresas que ofertan estes sistemas de batch milking, decantáronse por GEA. “Gustábanos que toda a maquinaria fose nunha especie de bunker nun sótano debaixo dos robots, desa forma está máis protexida e teoricamente tería que averiar menos e durar máis, xa que a zona de arriba está máis exposta porque é unha zona sucia que tes que lavar”, explica María.
Galego









Control OJD