As condicións meteorolóxicas obrigan á vixilancia de patóxenos en viñas e froiteiras

Resumimos o aviso fitosanitario semanal da Estación Fitopatolóxica de Areeiro

Publicidade
Publicidade
As condicións meteorolóxicas obrigan á vixilancia de patóxenos en viñas e froiteiras

Imaxe de arquivo.

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro vén de emitir o seu boletín de avisos fitosanitarios.

A información contida nos boletíns fitosanitarios de Areeiro parte da observación directa nas parcelas de seguemento, así como noutros predios visitados durante percorridos específicos. Con todo, insisten na importancia de revisar cada situación de forma individual, debido a posibles diferenzas entre predios. Só mediante a análise do estado concreto de cada un deles poderá lograrse unha mellor xestión conxunta dos cultivos.

Viña

O estado fenolóxico da viña sitúase nas fases G-H (BBCH 55-57), preto xa da floración. Os patróns máis precoces, coñecidos como “bravos”, presentan xa a maioría das flores abertas. Nalgunhas zonas tamén se detectou o inicio da floración nas plantas de albariño.

Mildio

Continúa a inestabilidade meteorolóxica desta primavera. Alternan días secos con humidade elevada e outros con choivas e mesmo tronadas. Esta combinación, xunto a temperaturas suaves ou altas, favorece o desenvolvemento de patóxenos como o mildio.

A pesar dos tratamentos, recibiuse información sobre ataques considerables, mesmo con presenza do patóxeno en pampo ou acio, chegando ao 30% de acios afectados nun caso concreto. Nas revisións propias detectouse un ataque forte nunha viña de Cambados allea á rede de seguimento.

O pasado luns 5 foi detectada a primeira mancha da tempada na viña de Areeiro que, ata o momento, aínda non recibira tratamento. Así mesmo, apareceron manchas en follas de plantas abandonadas, síntoma de condicións meteorolóxicas moi favorables ao mildio.

As previsións apuntan á persistencia da inestabilidade. Espéranse novas precipitacións e posibles fenómenos eléctricos, con avisos por choiva intensa. A medio prazo, manterase o tempo variable.

Desde a Estación recomendan “vixiar con atención e periodicamente o estado das viñas, sobre todo dos acios, por si se produce un incremento de síntomas malia os tratamentos realizados e comprobar que non haxa frutificación e/ou zonas de avance nas manchas antigas, en especial nos predios que levan máis tempo sen recibir tratamentos”.

En caso de detectar evolución do mildio, deben escollerse funxicidas sistémicos, con acción curativa e antiesporulante. Esta recomendación é especialmente importante en predios sen tratamentos recentes ou con síntomas avanzados.

Oídio

Non se observaron síntomas de oídio nas parcelas revisadas, nin nas da rede de seguimento nin nos predios visitados, pese a que nalgúns xa se aplicaron tratamentos.

Botrite

A elevada humidade favoreceu a frutificación do fungo botrite en follas con síntomas anteriores. A detección limitouse a viñas concretas da zona do Condado. Dado que se mantén o tempo inestable, será necesario vixiar as viñas por se aparecen síntomas en follas lesionadas por vento ou sarabia, en gromos rotos ou en acios con flores abertas.

Black rot

Na comarca do Condado observouse o primeiro síntoma de black rot, como en campañas anteriores, en plantas abandonadas. Non se detectaron nas parcelas tratadas. Recoméndase que, en predios con antecedentes da enfermidade, se escollan funxicidas rexistrados para este patóxeno cando se apliquen tratamentos fronte ao mildio ou o oídio.

Flavescencia dourada e o seu vector ‘Scaphoideus titanus’

Nas observacións recentes non se atoparon ninfas do insecto vector ‘Scaphoideus titanus’. Porén, lémbrase a obriga de cumprir co Decreto 29/2025, que establece medidas obrigatorias para controlar a flavescencia dourada. A Consellería de Medio Rural poderá executar estas medidas e cargar os custos ás persoas que non as practiquen.

Outras incidencias na viña

Repítese a aparición dun síntoma xa detectado en campañas anteriores: manchas similares ao mildio na face da folla, pero cunha zona brillante castaña no envés. As análises non detectaron patóxenos, atribuíndose a unha fisiopatía. Tamén se observaron moitos gromos rotos a causa do vento.

Maceira e pereira

Avelaíña

Na parcela de Areeiro aumentaron as capturas de machos da avelaíña nas trampas de feromonas. Non se aplicarán tratamentos, xa que o obxectivo é observar a evolución. Estas trampas non controlan a praga, pero son unha ferramenta útil e económica para determinar o momento máis axeitado para intervir.

Froiteiras de óso

Lepra
Detectáronse síntomas de lepra en diversas variedades. Aínda que xa pasou a data prioritaria para tratar, aínda se poden aplicar funxicidas para reducir danos, especialmente nun ano tan húmido como o actual.

Kiwi

Bacterioses
As choivas intermitentes obrigan a non descoidar os tratamentos contra bacterioses, que poden prexudicar gravemente a floración. Os tratamentos deben renovarse segundo o período de protección do funxicida, especialmente agora que os botóns florais están desenvolvidos.

Plantas de horta

Mildio e outros patóxenos
Co novo episodio de precipitacións, recoméndase aplicar tratamentos contra mildio e outros patóxenos nas plantas de horta, para evitar que estas condicións favorezan o seu desenvolvemento.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información