Condicionantes climáticos e oportunidades de negocio centraron as xornadas apícolas de Ourense

Condicionantes climáticos e oportunidades de negocio centraron as xornadas apícolas de Ourense

Virginia Gonzalez Porto, do Centro de Investigacion Apicola e Agroambiental (CIAPA) de Castela-A Mancha

O Grupo de Investigación en Sistemas Agroambientais (GISA), da Universidade de Vigo (UVI) co apoio da empresa ENCE organizou unha xornada formativa sobre biodiversidade e recursos apícolas en entornos forestais. O acto tivo lugar na Facultade de Ciencias de Ourense.

Virginia González Porto, do Centro de Investigación Apícola e Agroambiental (CIAPA) de Castela-A Mancha foi a encargada de abrir a xornada, cunha intervención sobre a diversidade de recursos apícolas en España e as bases para unha apicultura sustentable.

González explicou as características das diferentes plantas que atraen as abellas para a polinización. E subliñou que as de alto contido oleico, especialmente as forraxes ou os xirasois, non son aptas para a produción de mel e non resultan atractivas para as abellas. De aí os problemas de polinización en zonas de alta carga gandeira.

Foto do publico asistentes as xornadas de Fomentando a Biodiversidade

A investigadora do CIAPA indicou tamén que hai que diferenciar entre as plantas que producen pole (proteína), as que só producen néctar (azucre) e as que teñen unha dobre aptitude. En función da flora que se teña na contorna, deseñaremos o noso proxecto apícola.

González Porto falou tamén das diferentes variedades de plantas que inflúen no proceso de elaboración do mel nas colmeas e sinalou as mais axeitadas das que se dan en España. Ademais, destacou as enormes diferencias entre meles que parten da mesma como, por exemplo, o eucalipto. Dese xeito, un mel de eucalipto do norte da península será claramente diferenciado dun que parta de eucaliptos andaluces.

Marcos Barreiro, da Dirección Xeral de Gandería da Consellería do Medio Rural, falou sobre as axudas e subvencións que a administración autonómica proporciona os produtores apícolas en Galicia, poñendo énfase nas extraordinarias concedidas este ano para compensar os danos producidos polos incendios forestais.

Marcos Barreiro, da Direccion Xeral de Ganderia da Conselleria do Medio RuralBarreiro recoñeceu que as axudas que se conceden son de baixo volume porque en Galicia non hai apenas industrias ou grandes elaboradores. Dese xeito, o máis habitual é que sexa unha asociación ou un colectivo o que solicite as subvencións para despois distribuílas entre os produtores.

O funcionario dixo tamén que polo momento non hai liñas de axuda para a comercialización, se ben é algo que o sector ven demandando nos últimos anos. Un dato que aportou Barreiro sobre o sector galego é o de que a media de produción das colmeas galegas é de 12,4 quilos de mel ao ano, aínda que para as axudas se contabilizan dende 15 quilos.

Antonio Nanetti, do Centro di Ricerca Agricoltura e Ambiente de Roma (Italia), interveu sobre os efectos do cambio climático na biodiversidade e na produción apícola e no comportamento e evolución das plantas e os insectos polinizadores.

Antonio Nanetti falou sobre o impacto do cambio climático na apicultura

Antonio Nanetti falou sobre o impacto do cambio climático na apicultura

O especialista italiano subliñou que o cambio climático modifica a fenoloxía das plantas de xeito que os seus procesos naturais se adiantan cada vez máis. Pero as abellas non están adaptadas a eses cambios -xa que se guían polas horas de luz- e por eso o seu labor é cada vez menos eficaz.

Nanetti explicou que os invernos actuais son 19 días máis curtos que os do século pasado. E lembrou que dentro do mesmo enxame conviven abellas pecoreadoras de néctar e pecoreadoras de pole.

O investigador fixo un chamamento para que se avance na creación de colmeas que sexan capaces de manter unha temperatura constante e autoregulada. Nese sentido, lembrou que cada verán morren milleiros de insectos pola suba das temperaturas, que tamén afecta no interior dos colmeares. Para Nanetti, a abella debe ser o mellor aliado do home na loita contra o cambio climático.

Dende o Centro de Investigación de Montanha (CIMO) de Bragança (Portugal), Soraia Marcos explicou o valor nutricional do pole e do pan de abella, así como doutros alimentos de consumo humano que saen das colmeas. E detallou os proxectos de desenvolvemento nos que traballa o seu departamento.

Soraia Marcos deu conta dos experimentos agroalimentarios con pole e pan de abella

Soraia Marcos deu conta dos experimentos agroalimentarios con pole e pan de abella

Respecto do pan de abella, Marcos indicou que se trata dun produto similar ao pole pero de moito maior valor nutricional polos ácidos, especialmente o láctico, que presenta. Tamén é máis difícil de recoller pero o seu prezo e a alta demanda que ten fano moi interesante dende o punto de vista económico.

A investigadora explicou pos diferentes experimentos que realizaron para aplicar o pan de abella e o pole na elaboración de queixos e produtos de panadería. Nese sentido, destacaron que o pole pode ser o mellor material para a codia dos queixos portugueses.

Marcos explicou, ademais, que o pan de abella ten cada vez máis mercado entre os consumidores portugueses cando, ata hai poucos anos, era exclusivo dos países do leste de Europa. Por eso, sinalou como unha oportunidade de negocio a produción de pan de abella na península ibérica.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información