
A Audiencia Provincial de Lugo vén de desestimar o recurso da sociedade de cazadores Caxigueiras, que fora condenada a pagar polos estragos que os xabarís causaron en leiras de millo cultivadas por unha SAT de Taboada. Agora, a decisión do tribunal podería sentar un precedente xurídico ante situacións similares que se viven todos os anos nas explotacións leiteiras.
En maio de 2022, SAT Seixas -unha explotación leiteira de Taboada- gañou o pleito presentado contra a sociedade de cazadores Caxigueiras polos danos que os xabarís causaran en diferentes parcelas que a explotación destinaba ao cultivo de millo. Unha vez apelada a sentencia, a Audiencia Provincial de Lugo ratifícase na mesma e obriga á sociedade de cazadores a pagar a indemnización estipulada en primeira instancia e os intereses legais e procesais. A falta de que se concrete a cantidade definitiva, a indemnización será como mínimo de 13.000 euros.
A sentencia da Audiencia Provincial sinala que os informes periciais recoñecían ao 100% que os danos que presentaban as plantacións só podían ser causados pola acción do xabaril. A presenza de pelos, excrementos e a forma en que estaban roídas as espigas indicaban sen ningún tipo de dúbida a acción desa especie cinexética.
Ademais, o informe pericial alternativo presentado polo Tecor elaborouse un ano despois de que se produciran os danos, polo que a Audiencia réstalle validez. E o texto recolle que “cando en 2020 se deu aviso ao Tecor de que se estaban producindo novos danos, tiveron a oportunidade de acudir cun perito para analizar a situación pero non o fixeron.”
No recurso presentado polo Tecor, afirmábase que non estaba acreditado que parcelas e que superficies foran afectadas e non se demostrara que o uso das leiras estaba a ser exercido por SAT Seixas.
Tamén neste caso a Audiencia desbota ese argumento. A sentencia recolle que os contratos de arrendamento das parcelas foron claramente acreditados así como a superficie de cada parcela e a porcentaxe de terreo na que o cultivo está danado.

A sociedade de cazadores tamén apelou ao feito de que a explotación non solicitou ningunha batida nin, aseguraba, informou da situación dentro do prazo estipulado. A Audiencia, baseándose na Lei de Caza, afirma que a solicitude de batidas non era obrigatoria porque non houbera danos previos nesas leiras e que a notificación ao Tecor quedou acreditada mediante burofax.
Finalmente, a Audiencia Provincial de Lugo desestimou o argumento de que as leiras non estaban suficientemente pechadas. Citando unha sentencia da Audiencia de Pontevedra, lembra que quen causa a situación de risco -a presenza do xabaril- é quen ten que adoptar as medidas de protección, neste caso o Tecor.
Agora a sentencia da Audiencia Provincial de Lugo impón á sociedade de cazadores as costas da apelación e sinala que contra a decisión dos tres maxistrados que xulgaron o asunto só cabe recurso de casación, é decir, acudir ao Tribunal Supremo.
SAT Seixas leva 15 anos padecendo continuos ataques do xabaril contra as súas leiras de millo. Agora confían en que esta sentencia cree un precedente e que os Tecores comecen a actuar, de xeito que os danos nos cultivos provocados por especies cinexéticas se vaian reducindo e se indemnicen debidamente.
Galego









Control OJD