Concursos morfolóxicos e de manexo de razas autóctonas na Semana Verde, a partir do 8 de xuño

Winsconsin (EEUU) estará presente por primeira vez na feira para explorar posibilidades de colaboración co sector agrogandeiro galego.

Concursos morfolóxicos e de manexo de razas autóctonas na Semana Verde, a partir do 8 de xuño

A 45ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, a cal se celebra entre o 8 e o 11 de xuño, contará na súa área gandeira con multitude de propostas para coñecer as razas autóctonas galegas. En canto ás autóctonas de Galicia en perigo de extinción, estarán presentes de man da Federación de Razas Autóctonas de Galicia (BOAGA) e as súas asociacións integradas e tamén da Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel), a Asociación de Criadores de Cabalo de Pura Raza Galega (Puraga) e a Asociación Pura Raza Cabalo Galego.

Destacarán as súas exposicións permanentes e concursos morfolóxicos. Así, en canto a estes últimos, terán lugar o 3º Concurso da Ovella e Cabra Galegas, con máis de 20 exemplares participantes, o 5º do Porco Celta na Semana Verde, con 34 ganderías das catro provincias galegas, o 8º Campionato da Galiña de Mos, que inclúe o 14º Concurso Monográfico e a 10ª Exposición e Concurso por lotes e que reunirá máis de 150 exemplares adultos, e tamén unha nova edición do Concurso Morfolóxico Oficial Cabalo Pura Raza Galega de Puraga. Das bovinas celebraranse cinco competicións nas que participarán 96 exemplares de 16 criadores, as cales serán o 10º Concurso Morfolóxico da Raza Cachena, o 9º da Vianesa, 8º da Caldelá, 7º da Limiá e o 5º da Frieiresa. Ademais, de Galiña de Mos haberá un mercado de aves vivas.

Estas razas en perigo de extinción tamén protagonizarán outras actividades, como o IV Concurso Nacional de Manexo da Raza Porco Celta, consistente en dirixir un exemplar por un determinado percorrido no menor tempo posible, podendo tocalo pero sen golpealo, e pasando por distintos espazos, como unha zona que simula unha manga ou entre dous valos facendo zig zag. Os participantes serán os exemplares Breogán, de Mondoñedo; Chenoa, de Vila de Cruces; Froilana e Asia, de Castro de Rei; Sotas, de Oza-Cesuras, e Pantalóns, de Friol.

Ademais, centradas no Cabalo de Pura Raza Galega realizarase a presentación “O cabalo de Pura Raza Galega, doma e morfoloxía. A nosa raza”, da Asociación Pura Raza Cabalo Galego en colaboración co programa FEADER “Europa Inviste non Rural”, Xunta de Galicia e Ministerio de Agricultura. Sumarase o Concurso Morfolóxico Oficial Cabalo Pura Raza Galega, organizado pola Asociación de Criadores de Cabalo de Pura Raza Galega (Puraga).

As razas autóctonas galegas en perigo de extinción tamén estarán presentes no 26º Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat Abanca, presentando carne, ovos e produtos derivados. Participarán 18 produtores baixo as marcas comerciais “Ganadería Balín”, “Cachenas de San Breixo”, “Gandaría e Carnicería Lage”, “Gandería Tras do Río”, “Granxa Castro de Madrosende”, “Aves do Concello”, “Churras da Caneira Lourdes Mulet”, “Montes de Boado-Manuel Teijeiro Castillo”, “Granxa Aeiroá”, “Gandería e Carnicería Mario Nogueira”, “A Casa da Rúa”, “CMF Celtaporc”, “Ramón Vázquez Fernández”, “Cooperativa Tres Fuciños”, “Embutidos Hermelino”, “Celtagal” “O Agro-Roberto Louzán” e “CienporCel-Martín Touceda”. Estes dous últimos produtores presentan no espazo de innovación da feira, Alinova, un salchichón elaborado con Frieiresa, de O Agro, e con Porco Celta, de CienporCel, baixo o nome “Outra vaca non millo”.

Así mesmo, volverá o restaurante “Tapirazas”, onde cada día se poderá degustar un menú diferente a base da maioría destas razas. “Pan Bao de agulla estufada de raza Frieiresa con salsa de castañas”, “Croquetas de chicharrón de raza Porco Celta”, “Carbonara das razas Cachena, Caldelá e Vianesa á cervexa” ou “Galo de raza Galiña de Mos confeitado ao alliño”, serán só algunhas das súas propostas, elaboradas polo cociñeiro Antonio Díaz Calvo, do Restaurante AUTGA-Autóctonas. Galiña Piñeira, Can de Palleiro e Rubia Galega

Por outra banda, a feira contará con outras razas autóctonas, como a Galiña Piñeira, que por primeira vez realizará na feira un dos seus concursos monográficos, con 30 exemplares, e tamén o Can de Palleiro, o cal, entre outras propostas, celebrará o seu XXII Monográfico. Sumarase a Rubia Galega, cunha ampla exposición organizada pola Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega (Acruga), composta por unhas 50 vacas, xovencas e sementais.

Aínda que as razas autóctonas serán as protagonistas, haberá outras razas. Así, a Federación Española de Criadores de Limusín estará presente por primeira vez no certame, motivada polo crecemento que está a experimentar esta raza en Galicia, cunha exposición de 15 animais tanto xóvenes como adultos. Así mesmo, poderán verse de novo impresionantes parellas de bois das razas Maronesa, Cachena e Barroça, ademais dun boi da raza Alistano-Sanabresa.

Wisconsin, por primeira vez na feira

O Department of Agriculture, Trade and Consumer Protection do Estado de Wisconsin (Estados Unidos) participa por primeira vez na feira dentro dunha misión comercial de carácter prospectivo, co interese de coñecer de primeira man a estrutura do sector agrogandeiro galego, contactar coas principais institucións e colectivos vinculados e explorar posibilidades de colaboración e oportunidades de negocio conxuntas entre Galicia e Wisconsin.

Wisconsin, coñecida como a "Terra dos Lácteos" en Estados Unidos e cun importante peso da cadea de valor dos sectores agrícola e gandeiro na súa economía, ten visto que Galicia, por moitos aspectos, podería ser un socio ideal na súa aposta polo mercado europeo. No stand liderada polo Wisconsin DATCP na feira tamén estarán representados seis entidades e organismos, como son Alta Genetics, Brown Swiss Association, Genex, U.S Small Business Administration, Ves-Artex e World Dairy Expo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información