Concurso de fotografía para reivindicar o papel da muller rural

O Concello da Pastoriza pon en marcha un certame para visibilizar a importancia feminina no asentamento de poboación e o traballo agrogandeiro. O prazo para participar remata este sábado

A concelleira de Muller, Rocío López, e a tenente alcalde, Elva Carreira, co cartaz do concurso

A concelleira de Muller, Rocío López, e a tenente alcalde, Elva Carrera, co cartaz do concurso

O Concello da Pastoriza pon en marcha por segundo ano o II Concurso de Fotografía da Muller Rural da Pastoriza, que ten por obxectivo reivindicar o papel fundamental que as mulleres teñen como soporte demográfico, social, económico e laboral das parroquias e aldeas rurais. 

Para participar neste concurso só é preciso enviar unha fotografía disparada cunha cámara ou un teléfono móbil na que saia unha muller que viva no concello da Pastoriza ou sexa orixinario del, indicando un título para a imaxe e a parroquia de orixe onde foi feita. 

A fotografada ten que ser orixinaria da Pastoriza aínda que pode vivir en calquera outro lugar

As imaxes poderán enviarse até este sábado 10 de outubro ao enderezo electrónico concursofotografiapastoriza@gmail.com ou á páxina de facebook do concurso. Ao día seguinte, o domingo 11, publicaranse as fotografías participantes, que poderán votarse até o día 15. A gañadora será a instantánea que máis gústame teña. 

O Concello da Pastoriza organiza este certame para reivindicar o papel feminino no medio rural coincidindo co Día Internacional da Muller Rural, que se celebra o 17 de outubro. Por iso, malia as actuais circunstancias provocadas pola pandemia sanitaria da covid-19, dende a área municipal de Muller e Igualdade decidiron manter a celebración e convocar a segunda edición do concurso, que rematará cunha actividade o propio día 17 para conmemorar a efeméride do Día da Muller Rural na que se proxectarán as imaxes que participaron no certame e se entregará un premio á máis votada.

A tenente alcalde da Pastoriza, Elva Carrera, anima a participar enviando fotografías ao concurso porque “o importante é visibilizar a multitude de funcións das mulleres do noso rural, xa que existe un xeito diverso de ser muller rural: labregas, gandeiras, emprendedoras, coidadoras, economistas, veterinarias, mestras, etc”, di.  

cartel II Concurso Fotografia Muller Rural da Pastoriza

Rehabilitación de vivendas para asentar poboación

A estrutura foi construida con ferro galvanizado e é totalmente aberta

Numerosas explotacións leiteiras da Pastoriza, como SAT Lodos e Pérez (na imaxe), están a ampliar as súas instalacións creando novos postos de traballo no municipio

A Pastoriza é un dos concellos que máis leite produce de todo o Estado e que conta con numerosas explotacións que están a medrar e a desenvolver novas instalacións nos últimos anos, sobre todo a raíz da desaparición das cotas lácteas no ano 2015. 

SAT Lodos e Pérez, Gandería Irimia, Rey de Miñotelo, SAT Cabana ou SAT Os Foros son algúns exemplos de ganderías pastoricenses que construíron novas instalacións e multiplicaron a súa produción nos últimos anos.   

Parroquias como Gueimonde ou Álvare son as que maior número de vacas e explotacións concentran

Pero as explotacións deste municipio, ao igual que as de outros concellos cunha importancia semellante na produción de leite, atópanse con dous problemas fundamentais: a falta de superficie agraria e de man de obra. 

Na maioría dos casos este problema estase a paliar con man de obra inmigrante, que se asenta en concellos como A Pastoriza para traballar nas explotacións, o verdadeiro motor económico municipal e polo de creación de emprego na actualidade. 

Isto xera un efecto demográfico positivo pero tamén crea necesidades que é preciso atender. “Nos últimos meses asentáronse no noso concello polo menos 7 familias de orixe marroquí, procedentes en moitos casos de localidades do sur de España e que cambian o traballo nos invernadoiros por vir traballar ás explotacións gandeiras. Iso supuxo que o colexio teña 15 nenos máis dun día para outro, pero tamén desencadea un problema de vivenda, porque nin no centro urbán da Pastoriza nin no de Bretoña, os dous núcleos de poboación máis importantes do municipio, hai xa vivendas dispoñibles”, explica a tenente alcalde, Elva Carrera. 

Están xa en marcha as obras de rehabilitación da antiga escola unitaria de Bretoña, que despois foi centro médico, para acondicionar dúas vivendas en réxime de aluguer. O mesmo se fará coas de Crecente e Álvare

Para paliar esta eiva, desde o Concello puxeron en marcha unha iniciativa para rehabilitar as antigas escolas unitarias, agora en desuso, como vivendas en aluguer. O mes pasado iniciaron o proceso de licitación para o arranxo de cinco antigas escolas de mestres nas parroquias de Bretoña, Crecente e Álvare para ofrecelas despois a aquelas familias interesadas en asentarse no municipio. 

Ademais de poñer en valor estes edificios baleiros dándolles un novo uso, esta iniciativa busca poñer no mercado de aluguer vivendas en boas condicións de habitabilidade para acoller a estas novas familias. Para favorecer ademais a súa integración, desde o Concello realizan traballo social coas familias inmigrantes, axudándolles cos trámites e ensinando o idioma polas mañáns ás nais e pola tarde aos cativos a través de voluntariado. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información