Os pasados 22 e 29 de xaneiro e 5 de febreiro celebrouse o III Foro Empresarial Lácteo, organizado polo Centro de Promoción Rural Efa Fonteboa, foi enfocado cara aos tres ámbitos previstos: a organización interna da granxa, a consideración dos factores externos e a interrelación cos actores da cadea láctea (Produtores, Industria, Distribución e Administración).
Durante os tres días houbo tempos adicados ao análise de casos, ao traballo en grupo, á exposición de conclusións por parte dos integrantes, a exposicións e a charlas – coloquio, todo elo sen esquecer a relación e o intercambio de experiencias e vivencias entre os participantes.
Velaquí as conclusións elaboradas pola organización do III Foro Empresarial Lácteo. “Son recomendacións precisas, aportadas, non só polos expertos que interviron, senón tamén polos profesionais participantes nos grupos de traballo (formación e experiencia profesional)”, destacan dende o Centro de Promoción Rural Efa Fonteboa.
Organización:
• Pola evolución das granxas, cada vez máis dimensionadas, é preciso aplicar protocolos de funcionamento de carácter empresarial e neste tema hai carencias e parte da formación debería enfocarse na adquisición destas competencias.
• Ante os investimentos: é necesario un maior tempo para o plantexamento dos mesmos, valorando tanto a urxencia como a conveniencia. Ao mesmo tempo, aconséllase ser prudentes, idear escenarios posibles, valorar os recursos dispoñibles, os retornos do investimento e o plan de amortización.
“É preciso aplicar protocolos con criterios empresariais e valorar ben os investimentos”
• Sobre a xestión do persoal: É evidente a falta de persoal para ocupar as distintas áreas de traballo nunha granxa, e o primeiro paso é establecer medidas correctoras para recoñecer e prestixiar o traballo nas granxas: horarios para que se poida conciliar a vida profesional e familiar, ter a claras as tarefas a realizar, a valoración dos traballadores por parte dos titulares (empatía e asertividade), integración dos traballadores no rural (vivenda e familia), protocolos e horarios para formar e integrar equipos de traballo; e por último, establecer unha “carreira profesional” para cada traballador da granxa.
• A maior parte das granxas creceron carentes dun plan integral o que levou a acometer investimentos non sempre acertados. É importante establecer un escenario de futuro valorando tódolos aspectos que configuran unha empresa gandeira láctea, unha estratexia sobre a que se aplicará unha táctica para resolver os eventuais problemas ou circunstancias.
• As prioridades das granxas actuais deber centrarse no benestar animal, a xestión de puríns e a bioseguridade.
Posicionamento
• Na organización do tempo hai que dedicar unhas horas semanais á formación e información (análise e evolución dos mercados, asistencia a reunións de traballo, participación en eventos…). O Ministerio de Agricultura publica periodicamente informes sobre os prezos do leite e os custes de alimentación moi clarificadores sobre a situación do sector.
• O coñecemento da situación dos mercados, a evolución e as tendencias revélase imprescindible para poder establecer unha organización e planificación da produción, pois os países exportadores son os que determinan o prezo do leite, así como a cotización dos produtos industriais (leite en po, manteiga…).
É importante dispoñer dun modelo de xestión centrado en custes de produción básico
• É importante dispoñer dun modelo de xestión centrado en custes de produción básico. E o paso seguinte sería determinar en que segmento da produción nos queremos situar (cantidade, calidade, sistemas de produción alternativos aos convencionais…). Un asesoramento externo pode ser necesario non só no económico, senón tamén no agronómico e no laboral.
• España, desde sempre foi deficitaria na produción de leite (entrada na CEE, establecemento das cotas, supresión das cotas en 2015…). Nos últimos anos a produción mantivo un crecemento sostido, pero aínda dependemos das importacións. Onde máis medra a produción é en Galicia (42% do total nacional)
• A diminución do número de granxas non se debe á escasa marxe que deixa o litro de leite, senón que hai outros factores como a falta de relevo, a falta de formación do relevo para asumir a complexidade da xestión dunha granxa. É certo que cada ano desaparecen unhas 300 granxas, pero non podemos obviar que hai casos de fusión ou de asociación. E as que abandonan son as de pequeno tamaño e que xa non tiñan proxecto de viabilidade.
• En canto ao mercado do leite o crecemento da marca branca ou marca de distribución é progresivo e a MDD cada vez se concentra máis (Mercadona xa supón o 30%) e isto limita a capacidade de negociación da Industria.
• Para un acertado posicionamento da granxa como empresa orientada ao mercado é fundamental facer unha análise do contexto. A metodoloxía DAFO (Debilidades, Fortalezas, Amenazas e Oportunidades) pode ser adecuada, e a partir de aí construír a estratexia (como queremos ser en 3 anos) con capacidade de adaptación ás circunstancias variables do entorno.
Xestión estratéxica
Baseándonos na presentación do Informe do sector lácteo e participación da Industria e da Distribución (5 de febreiro), podemos extractar as seguintes conclusións:
• O sector lácteo en Galicia é importante por moitos motivos: aporta o 1,23% do PIB, Galicia é a 9ª rexión produtora de leite de Europa, desde 2013 hai un forte crecemento da produción, sostida no tempo.
• O mantemento das granxas de leite no rural galego non só contribúen a xerar tecido económico, senón tamén a xestionar de xeito sostible o territorio, prevendo o abandono e os efectos perniciosos que del se derivan.
• En canto ao consumo, se ben hai unha acusada caída do leite líquido, hai incremento do consumo de lácteos fermentados e de queixo.
• En canto a prezos, ao marxe de comparativas con outras rexións (circunstancias estruturais e conxunturais que condicionan os prezos), o ano 2023 foi moi positivo para as explotacións e o 2024 está sendo moi positivo para as industrias, sen detrimento para as explotacións que mantiveron as marxes, aínda que atenuadas respecto ao ano anterior.
A nivel produtivo o 32% das granxas de Galicia producen o 76% do leite
• Estamos asistindo a unha transformación silenciosa do sector lácteo, auspiciada pola “Estratexia de dinamización do sector lácteo”, presentada en 2020. A nivel produtivo o 32% das granxas producen o 76% do leite. Galicia transforma o 64% do leite que produce; hai un 36% de leite que sae de Galicia sen transformar (tarefa pendente).
• Estamos nun bo momento para seguir consolidando o sector lácteo como estructurante da economía rural con referentes de granxas sostibles desde o punto de vista económico, social e ambiental, con iniciativas de diversificación e con plantexamentos de diversidade estratéxica como hai noutras rexión punteiras de Europa
• En canto aos retos destacamos os seguintes: relevo xeracional retendo talento (masculino e feminino), avanzar na transformación, articular a cadea de valor entre tódolos chanzos da mesma; en definitiva, saber que queremos a nivel sector, establecer ou actualizar a estratexia e traballar coordinados Produtores, Industria e Distribución nun marco de transparencia e interdependencia nun escenario global.