No marco dun compromiso continuado coa sostibilidade e a protección do consumidor, a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) organizou este martes unha xornada sobre a sostibilidade do envase alimentario, que se celebrou no Edificio CINC da Cidade da Cultura en Santiago de Compostela. A xornada contou coa participación de expertos recoñecidos no campo da regulación, reutilización, reciclaxe, marketing ecolóxico e innovación no deseño de envases.
A sesión inaugurouse coas palabras de Miguel López Crespo, Secretario Xeral de UCGAL, seguido da inauguración oficial a cargo da Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez. Durante a súa intervención, a Conselleira destacou a importancia de avanzar no ámbito da reciclaxe en colaboración co tecido empresarial, as administracións e os consumidores. Afirmou que falar de sostenibilidade é algo absoluto e non relativo, salientando que na nosa comunidade autónoma “o 30% dos residuos xerados nos fogares son envases”. Nesta liña, subliñou o papel crucial dos consumidores nos plans para reducir, reutilizar e reciclar. A nivel normativo , lembrou que Galicia foi pioneira ao aprobar en 2019 a Estratexia galega de Economía Circular 2020-2023, coa visión de “pensar de maneira global, non de maneira particular”.
A primeira intervención da xornada correu a cargo de María Leal Meca, Consejera Técnica da S.G. de Residuos do MITECO, que presentou datos rechamantes: “Só en España hai máis de 8,5 millóns de toneladas de residuos xerados.” A súa análise centrouse nos desafíos de adaptación á normativa europea e nas estratexias para mellorar a reciclaxe e reutilización dos materiais. Leal debullou o novo Regulamento Europeo de Envases e Residuos de Envases (PPWR), “un regulamente que afecta a moitos sectores, con requisitos que abarcan todo o ciclo de vida dos envases” Destacou os principais elementos e retos das novas medidas que buscan facer fronte ao constante aumento dos residuos, harmonizar as normas do mercado e impulsar a economía circular. Concluía a súa presentación mencionando “os grandes retos de aplicación e implementación nos próximos anos, condicionados polo desenvolvemento da lexislación secundaria por parte da Comisión”.
Este relatorio serviu de base para a posterior mesa redonda moderada por Rocío Arnoso, presidenta da UCGAL, que explorou as estratexias de reutilización e reciclaxe. O profesor da Universidade da Coruña, Juan José Pernas, centrouse no aspecto legal da reutilización e o reciclaxe, subliñando que “reciclar será o único camiño para unha xestión eficiente dos residuos” e que o Regulamento Europeo busca que todos os envases sexan reciclables ou reutilizables para 2030. Pola súa banda, a Secretaria Xeral da FEGAMP, Patricia Vilán, resaltou o impacto que ten e terá a nova normativa a nivel local. Vilán insistiu na importancia de impulsar campañas de concienciación destinadas á cidadanía e concluíu afirmando que para superar os retos futuros “é imprescindible a colaboración entre competencias municipais e autonómicas”.
“Cremos no sistema de recompensa ao cidadán, unha vía que permitirá cambiar os hábitos de consumo e focalizar as campañas”
Ao longo da súa intervención, o subdirector xeral de residuos e economía circular, Francisco Javier Copa Rodríguez, da Xunta de Galicia, explicou o funcionamento das plantas de tratamento de residuos en Galicia. “A cidadanía é un actor clave, sen a súa participación, non se activa a roda da reciclaxe e precisámola”, dixo Paula Cinto, xerente de asuntos públicos de Ecovidrio, quen na súa exposición proporcionou datos sobre a reciclaxe de vidro. O delegado de ECOEMBES en Galicia, Bruno de Llano, abordou os desafíos e os éxitos na reciclaxe. Asegurou que están traballando para alcanzar os obxectivos de recollida separada en Galicia. “Cremos no sistema de recompensa ao cidadán, unha vía que permitirá cambiar os hábitos de consumo e focalizar as campañas”, concluíu.
Esta mesa redonda destacou a interacción necesaria entre a regulación, a educación cidadá e as tecnoloxías de reciclaxe para avanzar cara a unha economía máis circular e sustentable. A xornada continuou coa intervención de Pedro Tasende, CEO de Aporta Comunicación, quen ofreceu unha interesante perspectiva sobre o greenwashing e como as empresas poden adoptar prácticas de etiquetado verdadeiramente ecolóxicas que engaden valor á marca. Nun mundo con novas sensibilidades, destacou os riscos do ecopostureo: “Para as empresas supón unha grave ameaza reputacional, poden converterse en obxectivo do activismo, enfrontarse a sancións e multas, e sufrir unha perda de confianza por parte do consumidor”, comentou. Ademais, advertiu que “a impostura verde limita o dereito do consumidor a unha información veraz, sendo crucial o que se fai e como se fai”.
Na mesa redonda sobre innovación, deseño e seguridade nos envases, moderada pola directora de Packnet Belén García, destacáronse importantes avances e desafíos no sector. A directora técnica da división de envases de ANAIP, Ángela Osma, abriu o debate subliñando a necesidade de que “os envases, ademais de sostibles, teñen que manter a funcionalidade”, algo que se logra mediante constante investigación e innovación. Tratou temas como a reciclaxe química e encimática, así como a crecente presión para usar material reciclado, tanto en envases como noutros produtos, onde se están establecendo cuotas de contido reciclado.
Ao tomar a palabra, Jezabel Santomé Zuazua, de AIMPLAS, enfocouse na importancia de considerar as materias primas, o consumo enerxético e o ciclo de vida completo do envase para mellorar a súa sostibilidade. Destacou que a análise do ciclo de vida é esencial para entender e mellorar o impacto ambiental dos envases. A directora de innovación do Basque Food Cluster, Virginia Matesanz, falou sobre os retos de proporcionar envases seguros, sostibles e competitivos. Compartiu co público asistente a experiencia de Ontzi, unha comunidade de innovación aberta que conecta á industria alimentaria vasca con solucións de envases a nivel internacional, respondendo á necesidade das empresas de adaptarse de maneira competitiva ás regulacións medioambientais e á demanda social crecente. A intervención de Pedro Lago García, CEO de Plásticos Arias s.l., resaltou as dificultades enfrontadas nos últimos anos para adaptarse á nova regulación, compartindo experiencias da súa empresa fronte a estes desafíos normativos.
Este panel non só puxo de relevo a interacción necesaria entre innovación e regulación, senón tamén a importancia da colaboración intersectorial para avanzar cara a un futuro máis sostible e responsable.
A xornada pechouse coa mesa redonda sobre os obxectivos de sostibilidade en envases dende a perspectiva dos consumidores, moderada polo catedrático do departamento de organización de empresas e marketing da Universidade de Vigo, Jesús García. Esta mesa resaltou a importancia da educación do consumidor e da colaboración entre os diferentes actores do mercado para alcanzar un sistema de envases verdadeiramente sostible e respectuoso co medio ambiente.
“O 80% dos consumidores europeos cando van a comprar priorizan o prezo e van coa mentalidade de aforrar”
A directora de sostenibilidade de CAPSA, Estefanía Iglesias, iniciou a conversa destacando unha dicotomía nos hábitos de compra: “Somos conscientes de que o consumidor está máis sensibilizado, pero os estudos indican que, aínda que o 40% dos consumidores europeos deixaron de comprar produtos que non son respectuosos co medio ambiente, o 80% cando van a comprar priorizan o prezo e van coa mentalidade de aforrar”.
Ana Alzaga Menaza, da Confederación ConsumES, resaltou a necesidade de proporcionar información veraz e accesible: “Para realmente fomentar un cambio positivo, é crucial que os consumidores dispoñan de información clara e concisa que lles permita ser parte activa deste entramado medio ambiental.”
Para o director de calidade e medio ambiente de VEGALSA, Ricardo Castro, existe un aumento da sensibilidade dos consumidores cara aos envases, unha tendencia que se intensificou desde a pandemia. “O consumidor necesita facilidades para asumir o seu rol dentro da cadea de reciclaxe,” explicou. Por outra banda, Benigno Amor, xerente de AGAMIN, comentou sobre a disparidade entre a valoración ambiental e a decisión final de compra: “Aínda que o consumidor aprecia a preocupación medio ambiental das empresas, cando chega ao supermercado, decántase maioritariamente por produtos máis económicos.” Mariña Rivas, directora de relacións institucionais de Mercadona Galicia, falou sobre os esforzos da compañía para adaptarse ás demandas do consumidor e ás normativas vixentes: “Detectamos a necesidade de mellorar a información no etiquetado e estamos traballando para conxugar as necesidades do consumidor coa normativa. A corresponsabilidade é vital, e as empresas debemos estar implicadas para axudar a desmitificar información errónea e fomentar unha elección responsable por parte dos consumidores.”
A clausura da xornada sobre a sostibilidade do envase alimentario estivo a cargo do Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco. No seu discurso destacou a importancia da colaboración entre o goberno, a industria e os consumidores para alcanzar os obxectivos de sostibilidade nos envases. Finalizou a súa intervención agradecendo a todos os participantes e organizadores pola súa contribución ao éxito do evento e animou a todos a seguir traballando conxuntamente para facer fronte aos retos ambientais que temos por diante.
Esta xornada inscríbese na estratexia da UCGAL de fomentar unha alimentación máis sostible e responsable. A entidade leva anos organizando eventos de referencia como a “Xornada sobre o Desperdicio Alimentario”, o “I Congreso Internacional de Consumo”, así como a xornada “As etiquetaxes frontais nos envases alimentarios, un avance para o consumidor”, todos co obxectivo de informar e concienciar sobre o impacto ambiental do sector alimentario, impulsar a economía circular e mellorar a transparencia nas decisións de consumo.