O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) organizou este domingo o Congreso do Sector Vexetal da organización na Sala Mome da Estrada (Pontevedra). Unha xornada na que se definiron as directrices a seguir nos vindeiros catro anos e se renovaron as persoas responsábeis do Sector Vexetal do Sindicato Labrego Galego. A labrega Belén Fervenza Couñago (Reboreda, Redondela), produtora de horta e flor, escollida nova responsábel do Sector Vexetal do SLG. O produtor de horta e floita Ignacio Bellas Castro (San Sadurniño) é o novo vicerresponsábel do Sector Vexetal da organización.
A gandeira María Ferreiro, Secretaria Xeral do SLG, inaugurou o Congreso destacando a discriminación da Xunta de Galicia e da Consellería do Medio Rural cara ao sector: “Para a administración é un sector moi invisibilizado. Houbo intentos de pedir reunións e nunca nos recibiron”, admitiu. E fixo referencia ao marco do Congreso como espazos colectivos fundamentais para que as produtoras e os produtores se xunten para demostrar que son un sector que existe. “Un sector onde se ve que hai relevo xeracional, a pesar de todas as dificultades. Precisamos da autoorganización como persoas labregas en xeral e especificamente neste sector”, engadiu.
A seguir, a labrega Belén Fervenza, produtora de horta e flor e nova responsábel do Congreso Vexetal do SLG, presentou os textos congresuais que foron aprobados por todas as produtoras e produtores presentes. “Se nos organizamos podemos sosternos mellor”, comezou introducindo. “É un sector moi diverso, que existe, que é moi participativo”. Fixo fincapé, ademais, na falta de axudas ao sector, como pasa no caso da Política Agraria Común (PAC). “As labregas e os labregos que queren apostar por vivir do seu proxecto vanse sentir acompañadas polo Sindicato Labrego Galego”, incidiu.
Análise por sectores
A mesa do congreso estivo presidida polas produtoras Uxía García de Buciños, Simón Ubeira, Conchi Docampo e Xosé María García Villaverde. Tamén presentaron partes dos textos Miguel Navarro e Estefanía Prieto. Elaborouse unha análise polas producións dende o período 2022 ao actual 2026, reparando nas necesidades e demandas máis inmediatas da horta, da faba e leguminosas, da pataca e do cereal, da froita, da castaña e da flor.
Entre outras cuestións, no caso da faba, destacouse a mudanza climática, coa existencia por exemplo de veráns moi húmidos nalgunhas das zonas de produción tradicionais, xunto coa aparición de novas pragas e enfermidades é hoxe por hoxe unha das principais preocupacións das persoas produtoras deste cultivo, altamente sensible ao ataque de fungos. A falta de base territorial suficiente fai ademais que moitas persoas produtoras non realicen as rotacións de cultivo recomendadas para evitar a proliferación dalgunhas enfermidades e pragas, e o deterioro do propio solo.
En canto á pataca e do cereal, este sector continúa a operar nun entorno caracterizado pola elevada volatilidade climática, o incremento estrutural dos custes de produción (enerxía, fertilizantes, fitosanitarios e maquinaria), forte exposición aos mercados internacionais e dependencia do marco regulatorio e de axudas da Política Agraria Común (PAC). Neste contexto, a rendabilidade das granxas agrícolas continúa a ser o principal factor de preocupación. No caso do cereal, o sector presenta unha situación de moita fraxilidade económica, cunha dependencia significativa do comportamento dos mercados internacionais e das condicións climáticas.
No que se refire á froita, este tipo de produción estase a adaptar as novas necesidades de consumo, poñendo en valor as características organolépticas das variedades galegas e apostando pola transformación, mellora dos prezos, intentando pechar o ciclo de produción e comercialización, como no caso da mazá, que ademais da elaboración de sidra, comezou a venderse zume, deshidratados, confituras…ampliando moito as súas posibilidades de venda.
Doutra banda, a produción galega de castañas representa o 40% da produción no Estado español e o 10% da produción europea, e iso que están en estado de abandono a maior parte dos soutos, estando sen aproveitar as súas castañas. Isto débese a tres factores que se retroalimentan entre eles: o abandono do rural, o envellecemento da poboación e os baixos prezos da castaña. A tinta, o chancro, a seca, a avispiña, os baixos prezos, as altas temperaturas, o lume,…son moitos dos problemas que encara esta produción tan importante, o que fai que moitos e moitas produtoras se estean a formular abandonar os soutos.
Tratouse tamén do sector da flor, un cultivo que tras décadas de desmantelamento no territorio galego, é un cultivo practicamente desaparecido, os altos custes de produción, a alta carga de traballo, a dependencia dos fitosanitarios, os prezos a baixa, a entrada masiva de flor importada, fixeron que moitas explotacións fosen pechando ou mudando de tipo de producións. Na actualidade a maior parte da flor que se consume en Galiza é importada, procedente de países europeos como Holanda, ou tamén de terceiros países, que non cumpren as mesmas esixencias e garantías en canto á aplicación de agrotóxicos.
Grupos de traballo
Tras a análise dos sectores e do traballo feito polo Sindicato Labrego Galego durante estes catro anos, as produtoras e os produtores que asistiron ao Congreso do Sector Vexetal na organización, dividíronse en grupos de traballo para afondar en na organización do Sector Vexetal do SLG durante os vindeiros anos e en cales son as demandas de cara ao futuro. A continuación recóllense as demandas das labregos e labregos do Sindicato Labrego Galego:
Demandas do SLG en canto ao Sector Vexetal
– Precisamos políticas públicas que garantan que as persoas que producen alimentos teñan un salario digno (continuar a traballar no SLG a renda básica agraria).
– PAC que teña en conta ás pequenas producións e todos os servizos que prestamos: biodiversidade , servizos ecosistemicos.
– Blindar a terra agraria para usos agrícolas e non para especular con ela.
– Os danos pola fauna salvaxe poñen en risco a viabilidade dos cultivos agroecolóxicos. Subvencionar a instalación de valos fixos e móbiles. Crear sistemas de seguro públicos para cubrir danos.
– Reivindicar que os nosos modelos produtivos sexan recoñecidos e favorecidos por parte
da Administración.
– Reivindicar que os plans de incorporación estean abertos todo o ano, que se deseñen tendo en conta os períodos e características de cada cultivo, orientación produtiva e diversidade que caracteriza a este sector.
– Reivindicamos axudas específicas para recuperar o termo CASAS DE LABRANZA, que sexa unha figura legal, recoñecida, protexida e con regulación específica.
– Creación dunha empresa pública de DISTRIBUCIÓN (fomento de espazos colaborativos de distribución de xestión pública).
– Reivindicamos formación pública de calidade adaptada á realidade labrega.
– Precisamos asesoramento técnico público e que non se sigan a desmantelar os Centros de Investigación Agraria.
– Reivindicamos Liñas de Axudas pola perda de produción por causa do cambio climático.
– Reivindicamos que se inclúa a Agroecoloxía no currículo escolar.
– Reivindicamos unha MESA DO SECTOR VEXETAL.
– Precisamos seguir a traballar nun coeficiente redutor da Seguridade Social na Agraria.
– Precisamos traballar na posibilidade de que se poida contratar a tempo parcial na
seguridade social agraria.
– Reivindicamos que na COMPRA PÚBLICA DE ALIMENTOS se establezan porcentaxes mínimas de alimentos locais e agroecolóxicos para todos os comedores de xestión pública.
– Precisamos seguir a traballar tamén na concienciación e sensibilización do consumo de alimentos locais e agroecolóxicos.
– Esiximos que se protexan e fomenten os espazos de venda tradicionais de venda de produtos labregos.
– Desaparición de prácticas fraudulentas e enganosas da distribución na etiquetaxe.
– Precisamos figuras claras na Administración como interlocutora.
– Precisamos elaborar un Plan Estratéxico de Incorporación á actividade agraria (consensuado coas OPA´S).
– Reivindicamos a necesidade de que nos concellos teñan un “Banco de Vivendas” e se
aumenten os impostos ás vivendas baleiras.
– Fomentos dos espazos TEST-AGRARIOS en Galiza (FORMACIÓN- TRANSMISIÓN RELEVO)
– Precisamos un Banco de Terras que funcione, que estea aberto todo o ano ao período de arrendamento.
Galego









Control OJD