“Enfocámonos en lograr un mercado con animais de calidade, o que está atraendo a novos compradores e mellora os prezos”

Abordamos con Ricardo Durán, director da lonxa agropecuaria de Galicia os últimos avances introducidos en Silleda, así como as tendencias do mercado de carne galego, estatal e europeo. Coñecemos as cifras que alcanzaron no 2021 e os retos e citas agrogandeiras e forestais que se presentan no recinto feiral para os próximos anos

“Enfocámonos en lograr un mercado con animais de calidade, o que está atraendo a novos compradores e mellora os prezos”

Ricardo Durán, director da Fundación Semana Verde e responsable da Central Agropecuaria de Galicia, no recinto feiral de Silleda.

A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca, que se celebra cada martes no recinto feiral da Semana Verde en Silleda (Pontevedra), converteuse nun mercado de referencia en España. É o único especializado en vacún con poxas informatizadas e nos últimos meses introduciron novas melloras para seguir avanzando na dixitalización do mercado. Coñecemos de man do director da Fundación Semana Verde e da propia Lonxa agropecuaria, Ricardo Durán, a situación actual e os proxectos que encara a Central, así como as próximas citas agrogandeiras e forestais nas que traballan, como Galiforest ou GandAgro.

-Nos últimos meses a Central Agropecuaria de Galicia estivo batendo marcas na venda de gando varias semanas. Estamos nun bo momento para as vendas de carne de vacún, en especial para o vacún maior, ou debeuse a cuestións puntuais?
-En todo o referente á central hai un cúmulo de circunstancias e factores que determinan os prezos. Algúns deles dependen de nós e outros non. Desde a Central levamos anos animando aos veterinarios a que sigan sendo moi estritos e non permitan que animais de baixa calidade veñan ao mercado. Queremos promover un mercado de animais de calidade e moi coidados. Buscamos que os compradores se afagan a ver este tipo de exemplares e veñan á Central buscándoos e dispostos a poxar boas cantidades por eles.

Estamos vendo que este proceso está a dar xa os seus froitos. Cada vez vemos animais de maior calidade e veñen compradores doutras zonas de España e Portugal, para comprar estes animais, con boas ofertas por eles; tal e como ocorreu coas marcas rexistradas en novembro.

Tamén introducimos novidades tecnolóxicas, como unha aplicación (App) para facilitar a poxa aos compradores, que ademais lles proporciona información sobre todas as poxas. Infórmase tamén aos vendedores, sen necesidade de que estean fisicamente no recinto, do resultado das poxas e ofrece maior comodidade. Son alicientes endóxenos que axudan a que o mercado vaia tendo bos resultados.

“O que vimos este ano no vacún maior foi espectacular. Viuse un incremento do número de animais, pero tamén das cotizacións”

-Afiánzase Silleda como referente na venda de vacún maior?
-Houbo unha importante demanda de carne madurada, o que leva a que os prezos suban e os compradores busquen este tipo de carne. O selo de Vaca e Boi de Galicia tamén contribuíu a iso e é unha boa liña de traballo. O que vimos este ano no vacún maior foi espectacular. Viñeron 11.485 animais de vacún maior, o que supón un 65% máis que o ano pasado, que non serve moito de referencia, xa que no 2020 perdemos 10 poxas. Aínda así, comparando con 2019, supón 2.000 animais máis. Viuse un incremento do número de animais, pero tamén das cotizacións. Experimentamos un incremento do 114% nas cotizacións de 2020 a 2021 e se comparamos con 2019 houbo un aumento significativo, pasando dunha facturación de 8,3 millóns a alcanzar os 12,1 millóns de euros.

“Este ano alcanzáronse os 21 millóns de euros de transaccións, unha cifra récord”

-Con eses datos, o Covid-19 parece non pasar factura ao mercado. Cal é o balance da Central neste 2021?
-Este ano chegamos aos 21 millóns de euros de transaccións entre compradores e vendedores, por encima dos 18 millóns que se alcanzaron no 2019. De feito esta é unha cifra de récord do volume de transaccións desde que son director. É unha tendencia que non só se viu en Silleda, senón que noutros mercados de España tamén se apreciou unha recuperación. En moitos non se chegou ás cantidades que se manexaban en 2019, pero si estiveron moi preto.

O problema doutros mercados é que non teñen o cálculo das transaccións que temos en Silleda, xa que aquí sabemos até o último euro que se ofrece na poxa e faise público. Aínda así, a sensación xeral é que o prezo está a ser maior. En Silleda esperamos lograr un efecto atracción e multiplicador tamén neste novo ano e seguir nesa liña.

-Aínda que os prezos en vacún maior poidan estar á alza, non ocorre o mesmo para a recría e os becerros carniceiros. Que está a motivar que os prezos sexan máis baixos do esperado polos produtores?
-É certo o que estás a dicir e os datos corrobórano. Este ano, a recría incrementouse un 19% con respecto de 2020. Se miramos a 2019 baixamos un pouco, situándonos nos 28.000 animais fronte aos case 31.000 que se lograran nese ano. Tamén as transaccións van nesa liña, con 5,2 millóns este ano fronte aos 6 millóns logrados en 2020.

Neste mercado de tenreiros seguimos insistindo moito na calidade. Gustaríanos que todos os gandeiros visen no recría non un subproducto, senón unha aposta, para que os animais veñan en boas condicións e coticen máis, xa que iso é bo para o comprador, o criador e o consumidor.

“Insistímoslle ós gandeiros para que non vexan no gando de recría un subproduto, senón unha aposta. Se os animais veñen en boas condicións, cotizarán máis e será mellor para todos”

Nós estamos sendo moi estritos en temas veterinarios, admitindo só os animais que cumpren cos parámetros e tentamos fomentar que veñan animais de calidade. Necesitamos ese cambio de mentalidade no gandeiro para que se mellore nesta sección.

-Desde a primavera deste ano tamén introduciron novos servizos como o seguro de vida para todas as categorías e custeado pola central. Foi unha medida para atraer compradores ao mercado?
-Foi un gran apoio para os compradores. Quixemos dar maior seguridade ao comprador, para que compre con confianza e poida ofrecer mellores prezos, sabendo que se algo sae mal, o mercado vai responder. É unha garantía moi alta para o comprador e crea unha confianza de compra que é moi interesante para que se poidan ofrecer mellores prezos.

A nivel físico, na Central introducimos tamén melloras no último ano en temas como as camas do gando, para mellorar o confort dos animais mentres están no recinto, pero aínda queremos seguir mellorando nas instalacións, para facilitar a descarga dos animais ata que quedan fixados no pavillón. Estamos a ver como mellorar ese manexo aos transportistas.

-Outra das novidades que introduciron na Central é a aplicación (App) de venda. Como está a resultar a experiencia?
-O feedback é moi bo. Polo Covid-19 moitas persoas evitan vir ao mercado ou están no recinto o menor tempo posible e saben que poden ir para casa tranquilamente, xa que van recibir os resultados e as poxas directamente con marxe para admitir a poxa gañadora. Teñen plena confianza na tecnoloxía, posto que lles permite gañar tempo e ser máis eficaces.

-Ademais de poder seguir a poxa de forma directa, supón máis vantaxes para os usuarios?
-Para os gandeiros, os compradores e mesmo para o propio mercado este sistema supuxo un aforro de tempo, xa que os datos finais téñense dispoñibles ao terminar a mañá. Mantense que compradores e vendedores non saiban o que se está poxando até o resultado final, pero é moito máis cómodo facelo coa APP. Ademais permite gardar os datos das compras e ter un histórico ao quedar todo rexistrado na sesión de cada un. No mercado sérvenos para ir aumentado a información e o número de servizos que podemos dar ao que poxa e ao vendedor, ao longo do tempo. Por iso insistimos en que empecen a usala, xa que van ter un abanico de vantaxes.

-E que pensan da aplicación que anunciou a Xunta para facilitar a compra venda de gando á marxe dos mercados. Afectaralles?
-Coido que é necesario un punto de encontro e de concentración do gando, tamén para facer un control veterinario. En novembro estiven en Irlanda, no mercado de Kilkenny (Irlanda), e aí teñen xa moi informatizada a venda, con poxas online e presenciais ao mesmo tempo, pero sempre usando o mercado como punto de concentración do gando, onde pesar e ver as características do exemplar, o que dá tamén seguridade ao mercado.

-En máis dunha ocasión tense comentado no sector a posibilidade de trasladar o Mercado de Amio a Silleda. Está sobre a mesa esa opción?
-Esa posibilidade está sobre a mesa desde 2011. Aí hai dúas opcións: ter dous días de mercado (martes e mércores) ou concentralo todo nun Supermartes, onde todo o sistema sexa a través de poxa; iso significaría deixar atrás o modelo tradicional que se está utilizando hoxe en Santiago, que ten máis do dobre de animais que Silleda. Hai que ter presente que grazas a que existe o mercado de Silleda pódense delimitar prezos, ao facerse públicos, e téntase maximizar o prezo dos animais.

“Implantar un supermartes implicaría deixar o modelo tradicional de venda que se segue hoxe en Santiago. Nós nestos momentos non temos capacidade para un supermartes, pero si cunha ampliación na que investísemos arredor de 400.000 euros”

Se os vendedores valorasen ese diñeiro que se pode lograr cun sistema público de poxas como o de Silleda, levaría a que tamén fose crecendo en volume de animais da Central en detrimento doutros mercados. Ten que haber un convencemento por parte de compradores e vendedores para poder sumar todo nun só martes e un único sistema de compra venda de animais.

-Está Silleda preparada para afrontar este Supermartes?
-Significaría facer ampliacións no noso recinto. Nós neste momento non somos capaces de absorber Amio nun Supermartes. Si poderiamos facelo tendo dous días de mercado (martes e mércores), pero isto só suporía un cambio de localización, non de modelo. Creo que todos estamos máis por un Supermartes, para o que sería preciso acometer ampliacións na nave 3 e 4, creando novos peiraos para facilitar a carga e descarga. Estariamos a falar dun investimento duns 400.000 euros, que supera as capacidades do Mercado.

-Que vantaxes podería ofrecer ese Supermartes?
-As vantaxes son que o vendedor maximiza o prezo do animal, os compradores poxan en termos de igualdade, a diferenza do que ocorre no sistema tradicional. A oferta ampliaríase moito ao sumar os dous mercados e ampliaríase a posibilidade de conseguir lotes unitarios. Concentraríanse máis os transportes. Os animais sufrirían menos, xa que estarían un só día no mercado e logo xa irían ao destino final, posto que agora hai animais que pasan por Silleda e logo van a Santiago. Desde o punto de vista económico, faríanse visibles os prezos e sería moito máis transparente.

-A nivel nacional, que papel ocupa a Central Agropecuaria de Galicia?
-A Central é un dos mercados puxantes a nivel nacional, aínda que hai outros con moito maior número de animais. Ao ser a única poxa informatizada de España e ser tan transparentes cos prezos sempre ofrecemos un compoñente de luz á hora de fixar prezos e iso permitiunos ser o termómetro do sector en España. Os nosos compañeiros honráronnos situando a sede nacional da Asociación de Mercados de Gando en Silleda e o secretario xeral, de forma permanente, tamén é un dos traballadores da Fundación Semana Verde, Julio Pérez. A Central é un dos mercados puxantes a nivel nacional, aínda que hai outros con moito maior número de animais.

“En 2021, sen o tirón do turismo, comprobamos que hai mercados estranxeiros que están a absorber cantidades de animais que antes se consumían en España”

-No seu labor na vicepresidencia da Asociación Nacional de Mercados de Gando (Asemga), en que se están centrando? Cales son as prioridades desde a Asociación?
-O 2020 foi, como en moitos sectores, un ano de supervivencia, tentando que nos deixasen traballar e manter a actividade para garantir a subministración. Todos botamos de menos o turismo, xa que ten moito tirón. Por iso son aínda máis importante as transaccións que logramos en Silleda, aínda vendo que o turismo non estaba no seu mellor momento. Isto demóstranos tamén que hai mercados estranxeiros que están a absorber cantidades de animais que antes se consumían en España. Abordamos esta situación para ver como nos afectou e ver como seguir avanzando e estreitando lazos entre os distintos mercados.

-Desde o ano pasado ocupa tamén a vicepresidencia da Asociación Europea de Mercados de Gando. Cales son as tendencias do mercado europeo?
-Hai unha forte aposta pola informatización dos mercados desde hai anos. Un exemplo diso é o mercado de Kilkenny, en Irlanda, que está 10 anos por diante de Silleda en temas de informatización. Cuestións que estamos a comezar a introducir e valorar aquí, xa levan anos utilizándoas neste mercado, traballando con softwares potentes que facilitan a actividade do mercado.

-Coñeceu de primeira man o funcionamento deste mercado na súa recente visita. Algunha mellora que baralle incorporar á Central neste sentido?
-A intención é reducir esa distancia e ir conseguindo unha maior informatización de Central. No mercado de Kilkenny un pode asistir á poxa desde a súa propia casa, vendo como o animal entra no ring e é pesado. A propia aplicación facilítache todos os datos do animal, mentres que o comprador pode ver en todo momento e desde distintos ángulos ao animal. A partir de aí comeza unha poxa na que podes participar desde o teu teléfono. Isto facilita aos compradores que poidan asistir a varios mercados nunha soa xornada e desde a súa casa. Paréceme que podemos traballar nesa dirección.

“Estamos a conseguir que Galiforest sexa unha cita ineludible no sector da maquinaria forestal”

-Á marxe da Central, a Fundación Semana Verde é o motor dalgunhas das feiras agrogandeiras e forestais máis importantes. Neste 2022 está previsto que se retome Galiforest. Como se presenta esta edición, despois de ser aprazada polo Covid-19?
-É un evento que se fai ao aire libre, no Centro de Experimentación Agraria de Sergude, polo que esperamos que a evolución da pandemia nos permita celebrala nas datas previstas, do 23 ao 25 de xuño, xusto tres semanas despois da Semana Verde.

-Como foi a evolución desta cita nos últimos anos?
-Ilusiónanos moito esta cita, xa que é a feira profesional máis importante da que facemos agora mesmo desde a Fundación Semana Verde, en canto a extensión e importancia dentro do sector. Algunha edición desta chegou a ter máis metros cadrados que a Semana Verde. Na última edición tiveramos 6.000 visitantes e queremos seguir incrementando este número de asistentes e de empresas participantes. Estamos a conseguir ser unha cita ineludible no sector da maquinaria forestal e recibindo un gran apoio do sector para seguir a nosa expansión.

-Haberá que esperar a 2023 para a feira de Gandagro. Están a traballar xa en novidades para esa cita?
-Do mesmo xeito que Galiforest, estamos a desexar facela. Temos xa o programa perfilado ao 75%. Só necesitamos que se achegue a data para darlle forma. É unha feira moi solvente e con tradición.

-Tamén a Semana Verde, a icona do recinto feiral, conta cunha sección dedicada ao agro, pero foi a menos…
-Foi unha feira que comezou tendo 4 sectores: alimentación, gandaría, maquinaria agrícola e maquinaria forestal. Realmente perdeu 3 deles ao realizar as feiras específicas, e podiamos pensar que se resentiría por estes cambios, pero a verdade é que non foi así. Ao incluír tanto o turismo, moi vinculado á alimentación, así como a caza, a pesca e a natureza, moi relacionados co sector agropecuario e forestal, conseguimos que se manteña o seu atractivo e se incrementase. As propias características da feira propiciaron que se manteña maquinaria agrícola e gandaría coas exposicións de razas autóctonas, co que se logrou pasar de pouco máis de 10.000 metros cadrados a 19.000 no 2019. En 2021 tivemos un retroceso pola pandemia, pero que esperamos recuperar neste 2022 en gran medida apoiándonos nos sectores agropecuarios que son fundamentais para a cita.

“Buscamos facer eventos útiles para os sectores, de forma que sexa un punto de encontro para a compra e a venda”

-Un dos obxectivos do seu nomeamento, hai xa 8 anos, era conseguir que o recinto feiral de Silleda fose viable. Logrouno?
-Participaron moitos actores para conseguilo. A min tocoume ser o director, e unha porcentaxe é a miña responsabilidade, pero hai moita xente que estivo traballando duro para que o recinto feiral poida ser o que é hoxe. Había moitos problemas legais e de actividade e traballouse moi duro. En dous anos conseguimos poder pensar só nas actividades que podiamos organizar e xa non en que tivésemos que pechar o recinto. Buscamos facer eventos útiles para os sectores, de forma que sexa un punto de encontro para a compra e a venda, que teñan ferramentas para iso e abríndonos a novos sectores, de feito incrementamos notablemente o número de feiras que se facían.

-A nivel organizativo, cal é a estrutura actual da Fundación Semana Verde? E a súa relación coa Xunta?
-Dependemos directamente da Vicepresidencia primeira, xa que Alfonso Rueda é o presidente da Fundación Semana Verde, da que eu son director. Aínda así temos moita vinculación con boa parte das Consellerías polo tipo de eventos que organizamos. O padroado está integrado por 13 membros: 7 deles son da Xunta, dous da Deputación de Pontevedra, outros 2 da Asociación Feiral, así como o Concello de Silleda, Abanca e como patrón patrocinador, con dereito a voz pero sen voto, está R.

-Nos últimos anos, o recinto feiral de Silleda incorporou tamén o Museo do Campo e a Mecanización. Que relación teñen con el? Preséntanse novidades para este 2022?
-Legalmente cedémoslles o edificio no que se empraza e compartimos o uso do auditorio. Estamos encantados de que haxa un museo destas características e tan necesario. Na última reunión do Padroado abordouse prestar a colaboración ao Museo no seu impulso da actividade, xa que se toparon de cheo coa pandemia nada máis abrir as súas portas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información