Baixo o lema, “Busca o teu apicultor/a de proximidade. Foxe das mesturas. Mel de verdade e de proximidade”, o sector apícola de COAG e a Federación de Consumidores e Usuarios CECU organizarán o próximo 3 de marzo, en 15 cidades españolas, catas de mel reivindicativas fronte ás portas de supermercados e espazos públicos de toda España.
En Galicia, as concentracións, lideradas polo Sindicato Labrego, celebraranse en Lugo e Ourense, no caso de Lugo ás 11.30 h. ante a Ronda da Muralla, e no caso de Ourense á mesma hora ante o centro comercial Ponte Vella (entrada da rúa Sáenz Díez). Contarán coa participación tamén da Asociación Apícola Abellas Nais, a Asociación de Apicultura Serra da Carba e a Asociación de Persoas Consumidoras ACUGA.
A finalidade é denunciar as sospeitas de fraude no sector e reclamar prezos xustos para os apicultores. A acción busca que calquera consumidor poida comprobar en vivo e en directo a diferenza entre un mel de proximidade e os produtos mesturados de terceiros países que dominan os lineais.
Sospeitas de fraude
O informe ‘Das colmeas’, publicado pola Comisión Europea en 2023 tras unha acción coordinada da OLAF, o JRC e a DG-SANTE, revelou que o 51 % dos meles analizados en fronteira española (46 % no conxunto da UE) incumprían a Directiva europea do mel. As principais fraudes detectadas: dilución con xaropes baratos, ultrafiltración mediante resinas de intercambio iónico para eliminar o rastro da orixe e falsificación de procedencia.
Ese risco de fraude non é aleatorio: concéntrase nos meles mesturados, que representan o 80 % das comercializadas polo miúdo na UE. E é precisamente ese tipo de produto o que predomina nos grandes establecementos, onde o prezo medio de venda apenas alcanzou o 5,39 euros/kg nas tendas de desconto e 6,36 euros/kg en supermercados durante 2024.
Segundo datos do panel de consumo do Ministerio de Agricultura, o 65 % dos meles que se consumiron nos fogares españois en último ano compráronse en supermercados, hipermercados e tendas de desconto.
Ademais, destacan que mentres os lineais se enchen de mel low-cost de orixe incerta, os apicultores españois cobran de media 3,37 euros/kg polo seu mel milflores a granel (campaña 2024/2025), un prezo que, segundo os estudos de custos de COAG presentados ao MAPA, non cobre os custos de produción nas condicións actuais ( 5,50 €/kg). A situación agrávase polos efectos acumulados do cambio climático sobre os rendementos por colmea, que levan anos en descenso.
Destacan que a pesares de que España produciu en 2024 un total de 33.134 toneladas de mel, suficientes para cubrir o que os fogares consomen (14.974 toneladas), en 2024 chegaron a España 35.572 toneladas de mel procedentes de máis de 40 países a un prezo medio de entrada de apenas 1,80 euros/kg.
COAG e CECU consideran que o mel de proximidade, vendida directamente polo apicultor ou en pequeno comercio, garante calidade, rastrexabilidade e prezo xusto en orixe. “A caída do consumo de mel en fogares, (un 7,1 % menos en volume en 2024), non se freou co abaratamento do prezo medio. O problema non é o prezo do mel de calidade: é que o sistema normalizou que os lineais se enchan de produto mesturado e de dubidosa orixe e destrúase valor en toda a cadea do mel. Queremos que os consumidores vexan, cheiren e proben a diferenza, e que as administracións actúen en consecuencia”, afirmou o responsable do sector apícola de COAG, Pedro Loscertales.
As cidades nas que se desenvolverán catas de mel reivindicativas o 3 de marzo: Almería, Huelva, Xaén, Málaga, Zaragoza, Oviedo, Santander, Barcelona, Ourense, Lugo, Madrid (fronte a Carrefour de Glorieta de Catro Camiños), Murcia, Pamplona e Logroño. Puntualizan que León e Salamanca celebrarán a acción en data próxima.
Galego









Control OJD