Concentracións de protesta contra o Plan Forestal de Galicia no Día Internacional dos Bosques

Concentracións de protesta contra o Plan Forestal de Galicia no Día Internacional dos Bosques

Concentración en Melide

Este mediodía tiveron lugar en 22 vilas e cidades galegas concentracións de protesta contra a reforma do Plan Forestal de Galicia que está a tramitar o Goberno da Xunta.

As mobilizacións, convocadas pola Plataforma “Por un monte galego con futuro”, formada por organizacións agrarias como o SLG e a Fruga ou organizacións ecoloxistas, demandaron a paralización do Plan Forestal; así como “a adopción de medidas específicas, a través dun regulamento, para aplicar de maneira efectiva a anunciada moratoria do eucalipto, impedindo novas plantacións mediante o reforzamento das medidas de control e vixilancia e en defensa dun monte con futuro”.

Máis informacion nesta ligazón:

Galicia conta xa con 300.000 hectáreas de monte ordenado

conselleiro_MR_Dia dos Bosques_Sergude IV

Galicia dispón xa de 300.000 hectáreas de monte ordenado, que contan con máis de mil instrumentos aprobados de ordenación ou xestión forestal. Así o destacou o conselleiro do Medio Rural, José González, con motivo da celebración este domiengo do Día internacional dos bosques instituído por Nacións Unidas para poñer de manifesto a importancia destes ecosistemas e sensibilizar á poboación sobre a necesidade da súa adecuada protección, ordenación e fomento.

O conselleiro lembrou ademais que a comunidade conta con algo máis de dous millóns de hectáreas de superficie forestal e está considerada como a novena potencia europea neste eido.

O conselleiro salientou tamén que ao longo do 2020 aprobáronse un total de 132 instrumentos de ordenación e xestión forestal, incorporando así unha superficie de 48.000 novas hectáreas. Ademais, no que levamos de 2021 sumáronse máis de 5.000 hectáreas adheridas a un modelo silvícola, coa previsión de acadar, a final de ano, unhas 30.000 hectáreas adheridas por este procedemento.

En parecidos termos, o titular de Medio Rural referiuse tamén ao elevado nivel do monte galego canto á súa certificación forestal. Así, salientou que Galicia ten o 30% das superficies certificadas polo sistema FSC en España e que o 60% da superficie incorporada no 2020 ao outro sistema internacional de certificación, PEFC, proveu da nosa comunidade. Trasladou ademais que o 87% dos novos silvicultores certificados con este selo o pasado ano no conxunto do Estado son galegos.

Plantación de carballos

Este sábado, como previa ao Día internacional dos bosques, o conselleiro e o director xeral participaron na plantación simbólica de carballos en terreos do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude. Ademais, tamén amosaron o procedemento de implantación dun souto de castiñeiro para aproveitamento de froito nestas mesmas instalacións. Esta plantación servirá como base para posteriores actividades demostrativas sobre os distintos aspectos deste cultivo e as características das diferentes variedades de castiñeiro empregadas.

O conselleiro explicou que se escolleu este centro de Sergude, no concello coruñés de Boqueixón, porque se está traballando no proceso de conversión do Pazo de Quián no espello do rural galego e quérese potenciar este espazo mediante a creación dun parque forestal para resaltar a multifuncionalidade e diversidade dos montes galegos.

José González engadiu que a posta en marcha deste parque forestal é, precisamente, un dos eixos da proposta gañadora do concurso de ideas para este espello do rural que se desenvolverá por fases. Así, primeiro darase prioridade á reforma do Centro de Formación e en etapas posteriores proxéctase levantar unha especie de escaparate das actividades e dos produtos agroalimentarios e forestais integrado coa paisaxe, dadas as súas óptimas condicións de miradoiro cara ao Pico Sacro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información