Na mañá de hoxe, o Sindicato Labrego desenvolveu unha concentración fronte á sede da Consellaría do Medio Rural en Ourense en demanda de solucións á crise da Enfermidade Hemorráxica Epizóotica (EHE). A EHE esténdese desde inicios do verán polas ganderías da provincia, en especial no Macizo Central de Ourense e no oriente da provincia, onde acadou un alto impacto.
A organización agraria sinala que hai granxas con máis do 80% do gando afectado e que o persoal de clínica veterinaria estase a ver desbordado. A enfermidade disparouse ademais en plena campaña de recollida da herba seca, “co cal moitas granxas non dan abasto para atender os animais enfermos e recoller a forraxe”, advirte o Sindicato Labrego.
Dado que a maioría das explotacións están en extensivo, as ganderías teñen tamén que recoller periodicamente os animais para administrarlles o repelente antimosquitos en mangas de manexo, unha situación que xera estrés nos animais e aumenta as dificultades de xestión.
“A doenza está a avanzar na provincia de xeito rápido e a incertidume e preocupación nas granxas é moi grande”, sinala a organización.
Desde o Sindicato Labrego, presentaron unha táboa reivindicativa que lle trasladarán á Xunta e ó Ministerio de Agricultura. Como medidas máis inmediatas, piden que se convoquen as axudas para tratamentos, sen máis retrasos, e que Medio Rural convoque un gabinete de crise que permita coordinar e axilizar a toma de medidas.
Estas son todas as principais demandas:
- A convocatoria de xeito inmediato das axudas prometidas e que se doten de orzamento abondo para cubrir as perdas que esta enfermidade vai supor ás granxas, en especial os tratamentos e o lucro cesante.
- Reforzo dos servizos veterinarios da Xunta de Galicia para dar resolto e visitado do xeito máis áxil posible as granxas afectadas e tramitar de xeito eficiente e rápido as axudas que se doten para este fin.
- Creación por parte da Xunta de Galicia dun gabinete de crise ante a EHE e que se dote de persoal suficiente ás comarcas co fin de axudar as gandeiras afectadas que o precisen a manexos derivados da enfermidade.
- Garantías de que a vacinación que se recomenda dende a Consellería de Medio Rural é efectiva e non trae efectos secundarios. Se fose así, tamén piden “que se facilite dende a Administración a súa subministración gratuíta con servizos propios a quen a queira pór”.