Concentración este mércores en Ourense para esixir medidas de apoio ás ganderías afectadas pola EHE

O Sindicato Labrego Galego (SLG) convoca para este mércores, día 11, unha concentración ante a delegación da Consellaría do Medio Rural en Ourense para esixir medidas de apoio ás ganderías afectadas pola Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE).

En concreto, reclaman mellores nas axudas reais para perdas, adiamento da vacina da Lingua Azul, facilitación do movemento de animais e atendemento axeitado pola Xunta de Galicia . E é que segundo advirten dende o SLG “as granxas de carne atópanse nunha situación de bloqueo que impide o correcto funcionamento da cadea alimentaria”.

Lembran que “tanto a Administración estatal como a galega teñen a responsabilidade de pór medidas de apoio ao sector, así como de coordinarse para activar decontado mecanismos para financiar os gastos veterinarios, que poden chegar aos 400€ por animal, resultando tamén pertinente actualizar as indemnizacións por morte do gando para cubrir as perdas reais”.

Neste sentido, reclaman que “para facer fronte a esta situación demandamos reiteradamente á Consellería do Medio Rural a cobertura total dos gastos veterinarios, así como das perdas tanto polos animais mortos como polos que superan a EHE, sen obter resposta”.

Por outra banda, dende o Sindicato Labrego informan de que a semana pasada soliciaron á Consellaría do Medio Rural un adiamento da vacinación da lingua azul, “habida conta da súa alta incidencia en efectos secundarios -abortos, mortes…-, de xeito moi notable no gando afectado por Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE)”.

“A día de hoxe son un número moi importante de gandarías as que se están atopando na situación de non poder levar ao matadoiro -e a outros destinos como mercados, reprodución, etc.- animais sans por non ter podido administrar as dúas doses da vacina, que requiren dun procedemento e tempos determinados”, engaden.

Ante o que consideran “desleixo” da Xunta de Galicia ante este escenario, dende o SLG convococan para este mércores 11 ás 12 horas unha concentración fronte á Consellaría do Medio Rural en Ourense (Rúa Florentino Cuevillas, 4) en demanda do adiamento da vacinación da Lingua Azul, solucións ante a Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE), axudas reais para perdas, facilitación do movemento de animais e atendemento axeitado por parte da Xunta de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información