O Sindicato Labrego Galego continúa a campaña ‘Polo futuro do vacún de carne. Na defensa das nosas comarcas’ cunha concentración reivindicativa durante o día de hoxe na Praza da Constitución de Vilalba. A alza de custos de produción e os baixos prezos de venta dos produtores motivan esta petición de medidas “ante a falta de asunción de responsabilidades por parte das distintas administracións, que teñen sumidas ás granxas de vacún de carne”, sinalan desde o Sindicato. Esta campaña, iniciada o pasado 31 de agosto en Xinzo de Limia, seguirase desenvolvendo en varias comarcas galegas; o vindeiro día 20 está convocada unha nova concentración no Rexistro Civil de Betanzos ás 12:30h.
Ademais, “a convocatoria vai acompañada da proposta dunha serie medidas ás formacións políticas presentes no concello, neste caso, de Vilalba”, explican desde o Sindicato Labrego. “As cousas van a peor en vez de ir a mellor, os custos de produción séguense disparando e os nosos produtos, neste caso, os becerros de tenreira galega suprema non se moven”, afirma o responsable do sector vacún de carne do Sindicato Labrego Galego Samuel Formoso.
“Nos estudos dos custes de produción da Xunta de Galicia, a través da Fundación Juana de Vega, os resultados que revelaron é que ninguén debería vender por debaixo de 6,20€ ou 6,30€, senón perdería cartos, e os prezos reais da tenreira galega suprema nestes meses sitúanse entre 4,80€ e 5,40€; estamos perdendo case 1€ en quilo, é insostible”, critica Samuel Formoso. Cómpre ter en conta que “quen fixo os estudos sobre os custes de produción tivo en conta as subvencións”, aclara.
En que consisten as medidas propostas polo Sindicato Labrego?
1. “Rectificación do Ministerio para a inclusión dos nosos becerros nas liñas das axudas”. “O Ministerio sacou unha liña de axudas, de 52 euros por vaca, aproximadamente, pero só se inclúen os becerros de cebadeiro, e aqueles que son criados de forma sostible con pasto, quedan fóra das axudas”, detalla Formoso.
2. “Compromiso da Xunta de incluír o pago anterior nas axudas complementarias que está anunciado estes días”, enuncia o responsable do sector vacún de carne.
3. “Crear métodos sinxelos e accesibles para o cálculo dos custes de produción”. “Isto débese a que se está dando a paradoxa de que os matadoiros e comercializadores da carne están esixíndolle aos gandeiros un contrato no que expón que eles producen por riba dese custe de produción cando non é real, pero se non firmas, non vendes”, enumera.
4. “Creación de mecanismos para diferenciar claramente a Tenreira Galega da Tenreira Galega Suprema”. “Nós non temos nada en contra da primeira categoría, simplemente queremos que se diferencie no mercado un produto do outro”, concreta.
5. “Creación dunha mesa sectorial con todos os axentes implicados, posto que se necesita comunicación coa Consellería e poder falar destas cousas”, detalla.
6. “Medidas para non seguir perdendo superficie agraria útil”, reclama.
7. “Queremos que se cubra o 100% dos danos provocados pola fauna salvaxe”, afirma.
8. “Normativa hixiénico-sanitaria que permita, dun xeito sinxelo ás granxas, facer venta directa; aínda que xa hai xente que está facendo pequenas cousas, a normativa só pon impedimentos. Que se volvan a reactivar a rede de pequenos matadoiros comarcais para que a xente poida vender máis sinxelamente, por exemplo”, destaca.