Concentración en Lugo para demandar o fin dos cobros da Seguridade Social ás labregas de baixa médica

concentracion seguridade social lugo slgDucias de persoas secundaron este martes pola mañá a concentración convocada polo Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) diante da sede da Tesourería Xeral da Seguridade Social en Lugo para esixir o cese dos sobrecargos económicos ás labregas de baixa médica que xa pagaron no seu momento estas cotas a través das súas respectivas mutuas. Representantes do SLG procederon tamén a solicitar unha entrevista ca Tesourería “a fin de reiterar os motivos polos cales debe procederse a eliminar estes cobros co obxectivo de subsanar unha situación que a día de hoxe estaría a afectar a máis de tres milleiros de persoas en toda Galiza”.

“As persoas de baixa médica non deberían ter que pagar a seguridade social. Son as mutuas as que deben facer este pago. Ante a protesta das mutuas a seguridade social cargoulles de novo este pago ás persoas enfermas. As primeiras sentencias dannos a razón pero a Seguridade Social segue sen devolver os cobros indebidos ou adoptando con claridade este criterio”, explicou dende a concentración a Secretaria Xeral do SLG-CCLL, a gandeira e produtora de faba de Lourenzá Isabel Vilalba.

Dende xaneiro do 2023 a Lei Xeral da Seguridade Social xa dá cobertura a tódalas persoas traballadoras aínda que non estean cotizando con dereito a cese por actividade. Ademais, unha resolución publicada no ano 2022 polo Consello Xeral do Poder Xudicial, o Tribunal Superior de Xustiza de Asturias determinou que debe ser a mutua a que se faga cargo das cotizacións a partir do día 60 dunha incapacidade temporal en tódolos casos, con independencia de ter ou non a cobertura de cese de actividade.

Este fallo foi corroborado en abril deste mesmo ano por unha sentenza do Xulgado do Contencioso Administrativo de Vigo que novamente deu a razón á persoa autónoma.

Porén, dende o Sindicato Labrego denuncian que “a Tesourería Xeral da Seguridade Social está a reclamar ás traballadoras na actividade agraria por conta propia cantidades de diñeiro correspondentes a cotas de cotización de diferentes períodos entre os anos 2019 e o 2021 nos que estiveron de baixa durante máis de 60 días, obviando que xa foron pagadas no seu momento polas mutuas, que tiñan a obriga de facerse cargo delas en virtude da modificación que se fixo no seu día do artigo 308.1 do Texto Refundido da Lei Xeral da Seguridade Social.”

Dende entón, o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) está a acompañar ás persoas afectadas no proceso de reclamación destas cotas, así como nos posteriores recursos de alzada.

Malia á denuncia pública realizada e aos recursos presentados, o SLG denuncia que “a día 31 de maio inda se estiveron cobrando cotas correspondentes a estes períodos”. “Polo tanto, tanto as mutuas como a Tesourería Xeral da Seguridade Social están sobre as labregas e labregos as cotizacións das que xa se fixeran cargo no seu día, optando tanto a Administración como as propias mutuas por unha interpretación da normativa ao seu favor e na contra das persoas autónomas”, advirten.

Ademáis, lembran que “esta situación de indefensión vese agravada pola obriga de relacionarse de forma telemática coa Seguridade Social, que lle impide ás traballadoras autónomas acudir ás oficinas de forma presencial para recibir información sobre a súa situación ou realizar calquera trámite, como aprazamentos ou reclamacións”.

Canda a paralización do cobro de cotas e o reintegro inmediato das xa cobradas, por parte do Sindicato Labrego Galego demandan que se recupere de xeito inmediato a atención presencial en tódolos trámites realizados pola Administración pública, e condean “a discriminación e graves prexuízos que para a cidadanía no seu conxunto está a supor a imposición excluínte do actual modelo de dixitalización”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información