Concentración en contra dunha maior protección ó lobo

Unións Agrarias mobilízase ante a Delegación do Goberno en demanda de solucións para as ganderías afectadas por periódicos ataques dos cánidos

Concentración en contra dunha maior protección ó lobo

Concentración de Unións Agrarias ante a Delegación do Goberno, na Coruña.

A decisión do Goberno central de aumentar a protección do lobo vívese no campo como un desprecio cara as granxas afectadas por ataques dos cánidos. En Galicia, o lobo xa era unha especie non cinexética, que só se podía cazar con autorizacións especiais no caso de danos reiterados sobre o gando. O endurecemento da súa protección terá pois escaso impacto ambiental positivo, pero si un importante impacto social en contra, pois as granxas perciben que o lobo xera máis interese e preocupación que os gandeiros que conviven coa especie.

Para visibilizar o malestar que hai no campo pola decisión, Unións Agrarias convocou unha concentración simbólica ante a Delegación do Goberno da Coruña, con participación de gandeiros da montaña lucense afectados por periódicos ataques do lobo ós seus rabaños.

A organización agraria pide maiores apoios para a prevención de danos, que en caso de ataques se paguen as indemnizacións en tempo -“e non dous anos despois”, cuestionan-, e que se pacten solucións para reducir as incursións do lobo nas ganderías.

Unións é partidaria de que se manteñan as accións de caza no caso de danos reiterados nunha zona. Tamén propón a instalación de muladares temporais no monte -puntos nos que se abandonen cadáveres de gando morto nas granxas por causas naturais-, para ofrecerlle alimentación disuasoria ós cánidos en determinados épocas e zonas.

A cuestión da caza do lobo no caso de danos reiterados en teoría poderá seguirse facendo, aínda que o lobo entre no rexistro de especies de protección especial. O único que cambiará é que o seu control, en lugar de facerse por medio de cazadores, tería que facerse por medio de axentes medioambientais, como xa se fai en Asturias, coa posible colaboración puntual de cazadores. Queda por ver se na práctica, a Xunta está disposta a arbitrar este sistema.

A posta en marcha de muladares ten máis difícil encaixe. Recentemente no Parlamento galego, o grupo popular opúxose a súa posta en marcha co argumento de que Europa só permite muladares no caso de especies en perigo de extinción, “ e o lobo, desde o noso punto de vista, non está nin moito menos en perigo de extinción”, argumentan os populares.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información