
Membros do Sindicato Labrego Galego (SLG) concentráronse ás portas da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para reclamar o pagamento das axudas de incorporación e plans de mellora pendentes de 2025. A protesta tivo lugar durante a celebración do Pleno do Consello Agrario Galego.
Dende o SLG denuncian que “a Consellería do Medio Rural negouse a incluír na orde do día do pleno a solicitude de resolución desas axudas correspondentes ao ano 2025, o cal podería deixar sen acceso ás subvencións a máis de 350 persoas que as solicitaron o pasado exercicio.”
Segundo a organización agraria, a Consellería ten que dar explicacións pola non resolución dunhas axudas que, aseguran, levaron a gandeiros e labregos a frear a súa incorporación á actividade agrogandeira.
A secretaria xeral do SLG afirmou na concentración que “O que nos trasladan de parte da administración é que estas solicitudes da campaña de 2025 se van a rescatar para a convocatoria de 2026, co cal a xente tería que agardar case outro ano máis a que as súas solicitudes sexan resoltas”
No acto de protesta participaron arredor de 50 persoas. Todas elas coincidiron en lembrar que “a Xunta publicou no DOG que ían resolver en xaneiro, e iso quere dicir que entre xaneiro e febreiro iáse producir o primeiro pago das incorporacións. E non resolveron nin comunicaron nun DOG a intención de xuntalas co 2026.”

O SLG considera que o orzamento de incorporacións para 2026 non cubrirá as solicitudes de 2025
O SLG solicita que “no caso de que non chegue o orzamento previsto pola Consellería do Medio Rural para tratar esta cuestión, que se faga unha convocatoria específica no ano 2026 para as persoas que queden fóra da resolución de 2025 por criterios de prioridade, garantindo as condicións de 2025.”
O Sindicato pon en dúbida que o orzamento previsto de 53 millóns de euros para o ano 2026 sexa suficiente para cubrir as necesidades do actual exercicio e as que quedaron pendentes do anterior, tendo en conta que o orzamento de 2025 era de 30,5 millóns de euros.
Finalmente, a dirección do SLG conclúe que “Non podemos concibir que as persoas que queren apostar por un proxecto no rural teñan que estar dous anos agardando a que se resolva unha convocatoria, cando nalgúns casos xa se incorporaron ou fixeron investimentos contando con ela.”
Galego









Control OJD