Concellos galegos e asturianos únense para impulsar a cría de porco celta nos seus montes

Ribeira de Piquín acolleu un acto divulgativo do grupo operativo FORESCELTA, que estuda sistemas automatizados de manexo que faciliten a cría en extensivo desta raza porcina autóctona

Forescelta Ribeira de Piquin porco celta1Este xoves tivo lugar no Miradoiro de Barangón, no concello de Ribeira de Piquín, un acto divulgativo do Grupo Operativo FORESCELTA, despois da resolución definitiva da Convocatoria de Proxectos de Innovación do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, para o desenvolvemento do proxecto Xestión de precisión en extensivo de Gando Porcino do Tronco Celta en bosques caducifolios IberoAtlánticos.

A continuación, o acto trasladouse á casa consistorial de Vegadeo, dado que no proxecto participan concellos galegos e asturianos das dúas beiras do río Eo que buscan fomentar a recuperación da raza autóctona porcina e a súa cría en extensivo como xeito de control da maleza nos montes. 

A iniciativa está dotada con máis de 500.000 euros dentro da convocatoria para proxectos de innovación do Ministerio de Agricultura

O proxecto está dotado con máis de 500.000 euros, destinados á execución de estudos innovadores no manexo das razas porcinas do tronco celta en extensivo, mediante o uso de sistemas automatizados e dixitalizados, pretendendo contribuir á recuperación e mantemento destas razas, así como á limpeza forestal dos montes a través dun sistema alternativo que permita controlar o gando en liberdade.

Fomento da cría de porco celta en Concellos das dúas marxes do río Eo

O Grupo Operativo FORESCELTA, de ámbito suprarrexional, está liderado pola Asociación para el Desarrollo del Territorio Interregional ubicado en el entorno del río Eo (INTEREO) e inclúe como membros á Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), ao Servicio Regional de Investigación y Desarrollo Agroalimentario de Asturias (SERIDA), á Fundación Centro Tecnológico da Carne (CTC), á Asociación de criadores de Gochu Asturcelta (AGCA), á Asociación de criadores da raza porcina Celta (ASOPORCEL), á Asociación de Propietarios Forestales do Occidente de Asturias (ASFOROCAS) e ao Monte Veciñal en Man Común do Carballo, en Friol.

O coordinador científico do proxecto é o investigador do AGACAL Javier Silva

Ao acto asistiron o director da área de agricultura e pesca da Delegación do Goberno central en Asturias, Enrique Rodríguez Nuño, o alcalde do Concello de Ribeira de Piquín e responsable da área de Recursos Sostibles da Deputación Provincial, Roberto Fernández Rico, representantes do grupo operativo FORESCELTA (InterEo, AGACAL, CTC, ASOPORCEL, ASFOROCAS, ACGA e SERIDA) e propietarios das parcelas de Ribeira de Piquín onde se vai levar a cabo o proxecto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información