A primeira orde de axudas para ordenación de montes convocada pola Consellería do Medio Rural rexistrou unha concurrencia masiva, con máis dun milleiro de solicitudes. De todas elas, a Consellería apoiará 157 proxectos, con arredor de 3,2 millóns de euros, en tanto preto dun milleiro de solicitudes desestimáronse, principalmente por falta de financiamento.
As iniciativas que lograron subvención permitirán o ordenamento de arredor de 130.000 hectáreas, segundo detalla Medio Rural en nota de prensa. As axudas permitirán subvencionar a redacción dos instrumentos de ordenación, que nun futuro serán imprescindibles para a execución de cortas ou para recibir axudas públicas.
Prórroga para a elaboración de instrumentos de ordenación
A lexislación galega recolle que tódolos montes deberán contar cun documento de xestión en maio do 2020, pero a Lei de Medidas Fiscais que se aprobará en acompañamento ós presupostos da Xunta do 2019 modificará esa cuestión. Para os montes con máis de 15 hectáreas, como a gran maioría dos montes veciñais, a Xunta decidiu prorrogar ata o 31 de decembro do 2028 o prazo para que se doten dun instrumento de ordenación.
O resto de propietarios terá de prazo ata o 31 de decembro do 2020, pero para adaptarse á normativa dispoñen de múltiples posibilidades, pois é suficiente con que se adscriban a un dos modelos silvícolas deseñados pola Administración, podendo tamén elaborar un documento compartido de xestión ou un documento simple de xestión.