
Jesús Pereira e Isabel Ares son os responsables de Pear SC, situada na parroquia de Bustelo, concello de Arzúa. Unha granxa de produción de leite ecolóxico cun manexo e método de traballo tan particular como efectivo: as vacas combinan unha dieta de pasto, forraxe e concentrados ao longo do día e en diferentes ubicacións.
Pear SC xordiu da explotación que xa tiñan os pais de Jesús. Polas limitacións que lles supoñía aquela granxa en canto a espazo, Jesús -que levaba incorporado dende 1994- decidiu mercar o terreo que actualmente ocupa a nave. Eso foi no ano 2000 e no 2007 incorporouse Isabel tamén.
“Había axudas para a incorporación. E era o momento en que Isabel tiña que decidir se seguía traballando noutro sector ou se incorporaba aquí. Ela tívoo claro e pasamos ao actual modelo de titularidade compartida.”, explica Jesús.
O RABAÑO E O SEU MANEXO
Contan cun rabaño formado ao longo do por entre 30 e 35 animais produtores de leite e outras 15 para recría e 17 secas. As produtoras son maioritariamente frisoas e teñen catro cruzamentos de jersey con frisoa e unha que é jersey pura.
Aínda que se deixe espazo para algún outro cruzamento ou que se fagan inseminacións con razas cárnicas de xeito esporádico, a intención é a de seguir traballando coa frisoa como raza predominante no rabaño.
As vacas produtoras comen unha ración composta en carro mesturador a base de herba seca e herba de silo. “Agora non lles metemos penso no carro, pero algo si que lles damos. Os concentrados ecolóxicos sempre son de axuda para o animal.”
O penso danlle-lo ás vacas antes de que chegue o carro coa ración. “Servímosllo ás que vemos que máis o necesitan. E aforramos traballo porque, se o penso vai co resto da ración, as vacas remexen moito e hai que arrimarlles a comida moitas veces.”

As camas de Pear SC son de colchoneta sobre a que se aplica unha mestura de carbonato e serrín
As vacas secas e as xovencas están sempre fora e, ademais de pacer, dáselles algo de herba seca ou un rolo de silo cando é necesario. A nave onde dormen os animais produtores está aberta pola parte traseira e conectada cunha leira de tres hectáreas á que poden acceder libremente en calquera momento.
As inseminacións para produción de leite facémolas con seme sexado e os cruzamentos cárnicos con Angus e Branco-azul belga
Dentro desa nave hai camas de colchoneta sobre as cales depositan unha mestura de carbonato e serrín. Pereira sinala que esa mestura aporta un excelente fertilizante, aínda que recoñece que as colchonetas deixan as vacas co rabo fóra do cubículo de xeito que o remexen e poden acabar tendo pequenas lesións.
Nos últimos tempos, practicamente todas as inseminacións se fan con seme sexado para a produción de leite. “As xovencas para leite e as que deixamos para recría van sempre co sexado. E tamén facemos algún cruzamento para carne coas razas angus e branco-azul belga para a produción de xatos de carne”.
A elección desas razas cárnicas para cruzamento obedece a que as vacas empreñan con moita facilidade, non teñen dificultades de parto e están moi demandadas polo mercado. “Son xatos que saen moi refeitos. Teñen pouco ancho de oso e moita carne. En só quince días xa están feitos e, ademais de deixar un beneficio, aforran moito traballo.”
PRODUCIÓN DE LEITE
En Pear SC teñen unha media anual de 26 litros por vaca e día -para un total de algo máis de 350 toneladas-. Unha cifra elevada para un sistema de pastoreo. O contrato de venda do leite obrígaos a acadar uns niveis de 3,70 de graxa e de 3,10 de proteína. Un índice proteico no que sempre se moven no límite pero xa traballan para corrixilo.
En canto a reconto de células somáticas, as cifras son sempre boas e poucas veces superan as 100.000, tal como lles marca o contrato que teñen de venda do leite. E outro tanto sucede coa bacterioloxía, que sempre se sitúa por baixo de 10.000.
A media de produción está en 26 litros por vaca e día. Oscila moito durante o ano, polo que non hai que alarmarse por caídas fortes nin celebrar grandes subas
Como é lóxico, e máis en sistemas de pastoreo, a produción de leite pode oscilar moito en función da época do ano. Así, hai animais que na primavera poden chegar a superar os 30 litros diarios e outros que, no inverno e os momentos de seca, baixan dos 20 litros. Pero en Pear SC están satisfeitos con esa media anual de 26.

As dúas muxiduras diarias realízanse nunha sala de 2×3 ás 7,30 e as 18,30
Os muxidos realízanse ás 7,30 e ás 18,30. Lévalles unha hora e media e realízano nunha sala de 2×3. Estas quendas están pensadas para que o traballador que teñen contratado poida cumprir co seu horario sen excedelo.
O leite de Pear SC véndeselle integramente a Casa Grande de Xanceda dende o ano 2017, que o emprega nas súas diferentes elaboracións de lácteos ecolóxicos. Esta explotación de titularidade compartida está dentro do programa de control leiteiro de AFRICOR-Coruña.
A recría non é algo prioritario nesta explotación. Practícana dende sempre pero non teñen a urxencia de incorporar animais de xeito constante porque a súa media de partos por vaca é moi elevada, situándose en 5. Desa forma, a tasa de reposición redúcese notablemente.
Pear SC está integrada na Cooperativa Nuestra Señora del Perpetuo Socorro, de Arzúa. E eso que, polo modelo ecolóxico, non poden mercarlles os pensos. Con todo, están satisfeitos dos outros servizos que reciben como socios.
XESTIÓN DO TERREO
“Salvo que o clima o faga imposible, as vacas saen ao prado todos os días. Por eso, temos que aproveitar moi ben todas as parcelas de xeito que nos aporten tanto pasto coma forraxe. Eso levou a que non botemos millo dende hai tres anos.”, di o matrimonio.
Na supresión do millo influíu tamén o feito de ser unha gandería ecolóxica. “O millo é un cultivo esixente. Nós temos prohibido o uso de abonos químicos e de herbicidas, polo que o rendemento por hectárea sempre será baixo en comparación cos sistemas convencionais. O certo é que aínda sen o millo temos os niveis de produción axeitados.”
A supresión do cultivo de millo permitiunos aforrar e non afectou negativamente a produción de leite
“Pouco a pouco, a base de mercar e alugar parcelas, chegamos a xuntar as suficientes terras e animais como para poder ter cadanseu salario e ademais pagar un empregado. Se non fose así, teriamos que prescindir do traballador ou buscar un de nós outro emprego. Con 35 vacas e 35 hectáreas sacamos adiante a explotación sen problemas.”
A diferencia de noutras zonas como a Terra Chá, o acceso á terra nesta parte de Arzúa é relativamente fácil e barato. “A maioría son parcelas pequenas que deixan explotacións que pechan ou veciños que marchan. Nós temos algunhas parcelas grandes como resultado de fusionar pequenos terreos lindeiros que fomos mercando.”

As vacas dispoñen de 10 hectáreas de terreo na contorna da granxa que aproveitan todo o ano para pacer e descansar
Un dos principais activos da explotación son as 10 hectáreas das que dispoñen lindeiras coa granxa e nas que as vacas produtoras pacen todo ano agás cando o pasto non chega. As outras 25 hectáreas destínanse principalmente a ensilaxe e só se pacen en momentos puntuais. Con todo, o desprazamento máis longo que fan os animais non supera o medio quilómetro.
Os cultivos que se botan en Pear SC son o raigrás inglés con trevo e as pradeiras de longa duración con especies como a festuca e o dáctilo. O que buscan son prados que resistan un mínimo de cinco anos ou incluso máis sen que se xa preciso laborealos.
Malia os condicionantes derivados do sistema ecolóxico, tentamos que as pradeiras duren cinco ou máis anos antes de laborealas
Cómpre lembrar tamén que o pastoreo está condicionado por tratarse dun sistema ecolóxico. Dese xeito, non poderían pacer máis de dúas unidades de gando maior (ugm) por hectárea. Na granxa cumpren esa ratio sen problema aínda que non deixan de tela en conta por se fose preciso ampliar a produción.
Das 35 hectáreas que traballan actualmente, 18 son propiedade da explotación e as outras 17 están arrendadas a veciños da zona. Para a fertilización desas 35 hectáreas recorren á fosa que teñen no lateral da explotación e que ten capacidade para 240.000 litros. A fosa vense baleirando unha vez cada tres meses e destínase ás pradeiras máis alonxadas e onde menos se pastorea.
Ademais do xurro das vacas, empregan cal e fósforo para a xestión agronómica do terreo. Porque as regras do sistema ecolóxico non permiten moito máis. Nalgunha ocasión utilizan xurro de galiñas campeiras ecolóxicas da zona e mesmo poderían empregar nitróxeno ecolóxico, aínda que resulta moi caro.
PRINCIPIOS E MÉTODOS
“O prezo do leite é importante. E sempre estivemos loitando para que suba. Pero, para nós, aínda é máis importante a marxe neta que obtés. Para as explotacións pequenas, a marxe supón a diferencia entre seguir ou pechar. 350 toneladas anuais hoxe en día poden parecer unha produción ridícula. Cunha marxe de 5 céntimos por litro, sería imposible sobrevivir con este modelo, aínda que con outros poida que si.”

A recría non é prioritaria para a explotación polo alto índice de partos que teñen
“Nós, dende logo, non poderiamos sacar tres soldos. Por eso hai que analizar moi ben cada gasto e cada investimento. Moito máis profundamente ca o propio prezo do leite. Aquí tivemos anos de alcanzar os 30 céntimos de marxe de beneficio. Eso non só permite seguir senón tamén crear un colchón económico para cando veñan os problemas.”
A marxe de beneficio é máis importante que o prezo. Porque determina a viabilidade da granxa e determina o que se pode facer e o que non
Pereira engade outro factor menos tanxible: “Na produción ecolóxica é moi importante que esteas convencido do que fas e que te sintas a gusto facéndoo. É un modelo diferente e esixente pero, polo menos para nós, moi satisfactorio.”
“E despois funciona só. Se tes claros os parámetros e métodos, todo funciona por inercia. E non hai que agobiarse nin caer na euforia. Se un mes a vaca da 15 litros non hai que facer un drama. E se no mes seguinte da 30, tampouco hai que facer unha festa. O caso é seguir traballando.”
Pereira insiste en que o coidado e o manexo dos animais decide en boa medida o futuro da granxa. Nos sistemas de pastoreo ecolóxico é pouco habitual que haxa problemas de mamite, mastite ou doenzas de patas. Aínda así, non son descartables e hai que estar moi vixiantes.
A explotación conta cun parque de maquinaria algo máis amplo do que é habitual en sistemas ecolóxicos. En parte, por vir herdado do anterior modelo. Así, dispoñen de tres tractores, un rastrillo hilerador, un autocargador, unha plastificadora para a herba, unha rotativas, unha fresadora e dous arados.
“Hai máquinas que apenas utilizamos. Máis que nada pola nosa vontade de non facer laboreos intensos antes de cinco anos en cada parcela. O que pasa é que é mellor dispoñer da maquinaria porque as empresas de servizos non sempre poden garantir que nos van vir traballar no momento en que o precisamos.”
VISITA DE ALUMNOS DA EFA-FONTEBOA

Alumnos da EFA-Fonteboa puideron coñecer de primeira man a realidade diaria da explotación
O manexo dos animais, a xestión da terra, as condicións da contorna na que se traballa…son moitos os aspectos de Pear SC que a fan de interese para as persoas vencelladas coa gandería ou que queren estalo. É o caso dos alumnos do Ciclo de Gandería da Escola de Formación Agraria (EFA) de Fonteboa.
Jesús e Isabel mantiveron un diálogo cos alumnos e alumnas e falaron tanto do funcionamento da explotación como de aspectos da actualidade do sector leiteiro galego ou dos problemas que afectan ao mesmo dende sempre.
Esta visita enmarcouse dentro do proxecto “Terra e Talento: Empoderamento Feminino no Rural Galego”, unha iniciativa innovadora impulsada por cinco estudantes do Ciclo Formativo de Grao Superior en Gandaría e Asistencia en Sanidade Animal, orientada a visibilizar o papel das mulleres mozas no desenvolvemento do rural galego.
Como todos os gandeiros que sacan as vacas ao prado, en Pear están preocupados polos brotes de Dermatose Nodular Contaxiosa que apareceron en Cataluña. “Se a transmiten insectos, é máis fácil que ataquen en sistemas extensivos como o noso.”, explicaron aos alumnos.
“Polo de agora temos a información que nos transmite a ADS e pouco máis. Nós rara vez incorporamos gando pero haberá que estar moi atento se traemos algunha vaca. E observalas diariamente para ver se aparecen síntomas.”

Jesús Pereira e Isabel Ares respostaron as preguntas dos alumnos da EFA-Fonteboa
Falaron da fauna salvaxe. E é que dende que fundaron a explotación, só tiveron un ataque do lobo. “Foi nunhas leiras malas de traballar onde levamos as xovencas dende que teñen seis meses de idade ata que levan uns meses preñadas. Aí matounos unha xovenca. Sábese que nesta zona anda o lobo pero entre a presenza das casas e que temos un mastín, non volveu haber problemas.”
Os alumnos de EFA-Fonteboa preguntaron tamén pola figura da titularidade compartida, que non é moi habitual en Galicia. Isabel explicoulles que atende sobre todo o motivos de xestión e fiscalidade pero que, sen dúbida, serve para poñer en valor a igualdade que debe imperar nun sector no que a muller xoga un papel cada vez máis importante.
A visita serviu ademais para que o grupo de alumnas que levan adiante o proxecto “Terra e telento” puideran coñecer máis a fondo as responsabilidades e a visibilidade que ten a muller nas granxas en xeral e en Pear SC en particular.
Galego









Control OJD