“Con AGRI-RESVAL buscamos aproveitar a albahaca que cultivamos como fonte de antioxidantes para conservar o peixe”

Entrevista a Samuel López Novoa, responsable de I+D en Néboda Farms, entidade que forma parte do proxecto AGRI-RESVAL no que se estudarán procesos de revalorización de residuos de agricultura vertical para a obtención de extractos naturais de alto valor e a súa aplicación na industria alimentaria da pesca

“Con AGRI-RESVAL buscamos aproveitar a albahaca que cultivamos como fonte de antioxidantes para conservar o peixe”

Samuel López Novoa, responsable de I+D en Néboda Farms. Cedida

O proxecto AGRI-RESVAL propón o emprego de residuos agrícolas como fonte de novos compostos antioxidantes (AOs) naturais, para o seu emprego como inhibidores da oxidación lipídica de produtos pesqueiros, coa fin de preservar a súa calidade alimentaria, as súas propiedades organolépticas e prolongar a súa vida útil, respondendo ao reto de implementar a economía circular no sector agroalimentario.

Nesta entrevista, Samuel López Novoa, responsable de I+D en Néboda Farms, entidade que forma parte do proxecto relata como se levará a cabo a investigación, cales son os obxectivos principais e que beneficios incorporará á pesca.

– Cales son os principais obxectivos do proxecto AGRI-RESVAL?
Galicia é unha rexión que historicamente tivo un gran peso nos sectores agrícola e pesqueiro, e que continúa sendo unha referente nestas industrias. Nos obxectivos deste proxecto enmárcanse ambos os sectores. Por unha banda, reduciranse os residuos derivados da agricultura vertical, onde nunha superficie moi coutada se leva a cabo unha produción por unidade de superficie 50 veces maior á agricultura en campo aberto. Esta elevada produtividade supón tamén un gran volume de refugallos que se deben xestionar de maneira eficiente e respectuosa co medio ambiente, e estamos seguros de que este proxecto o fará posible.

Por iso, como parte do segundo obxectivo, estes residuos serán unha fonte de antioxidantes naturais para a industria pesqueira. Concretamente, obteranse múltiples extractos baixo diferentes condicións de cultivo, extracción e matrices, que se aplicarán a lagostinos. Con esta aplicación búscase substituír os antioxidantes sintéticos por estes antioxidantes naturais, reducindo as perdas de até un 30 % na produción do lagostino debido aos procesos de oxidación lipídica.

Así, ambos os obxectivos compleméntanse á perfección. Mentres que o sector agrícola consegue xestionar eficientemente os seus residuos, o sector pesqueiro mellora o seu proceso de conservación.

– Traballarase con residuos de agricultura vertical. Con que tipo de residuos?
A fonte dos residuos será o cultivo de albahaca, dado que é o principal produto de Néboda. Traballarase tanto coa parte aérea como coa raíz. Farase especial fincapé na raíz debido a que é a parte non comercializable, mentres que os residuos derivados da parte aérea son máis excepcionais debido ao baixo desperdicio que se xera en agricultura vertical.

Aínda que a priori poida parecer que a parte radicular non é interesante en canto á súa concentración de compostos antioxidantes, o certo é que nos nosos ensaios preliminares vimos que, en liñas xerais, as concentracións son un 50 % máis baixas, co cal segue sendo un valor moi alto, e máis se temos en conta que é unha materia que acabaría desperdiciándose.

– Cando ten que estar finalizado o proxecto?
O proxecto termina a finais de 2026, concretamente en outubro. Para esa data, o consorcio debe deseñar e obter unha gama de produtos antioxidantes e ser aplicados ao lagostino, coa súa consecuente análise de resultados e conclusión acerca de que produtos conseguen unha maior eficacia de cara a evitar a oxidación lipídica. Con todo, este proxecto serviranos como proba de concepto para desenvolver os primeiros produtos e posteriormente ir máis aló e aplicar estas fórmulas a outras matrices alimentarias.

Imaxes das plantacións coas que investigan. Cedida

Imaxes das plantacións coas que investigan. Cedida

– Como se desenvolverá a investigación?
Todo parte dos residuos que se xeren e, por iso, a investigación comeza nas instalacións de produción de Néboda e nos módulos de investigación que construíu en proxectos previos coa Universidade de Vigo. En ambas as localizacións é posible axustar a composición da auga de rega e o espectro e intensidade da iluminación que incide sobre as plantas, xa que nesta modalidade de agricultura vertical as plantas non se atopan baixo a luz do sol, senón que se cultivan baixo iluminación LED, que no noso caso concreto é modulable. Así, o primeiro é definir aquelas condicións de nutrición e iluminación que, sendo compatibles co cultivo, son capaces de xerar unha maior concentración de antioxidantes na planta.

A agricultura vertical é unha modalidade de cultivo que emprega un 90 % menos de auga que a agricultura tradicional

Tras esa primeira fase obtéñense diferentes mostras en función das súas condicións de cultivo e analízanse na Universidade de Vigo co grupo de investigación AgroBiotech for Health, encargado de seleccionar aquelas condicións que presentan maiores concentracións dos compostos de interese. Téstanse tamén diferentes métodos e condicións de extracción, que levarán que se extraian uns ou outros tipos de compostos e a diferentes concentracións.

Co paso anterior obtemos unha gama de cócteles de antioxidantes que finalmente se testan sobre os lagostinos, primeiro a escala laboratorio na Universidadade de Vigo e posteriormente nunha contorna real nas instalacións de Pescanova.

– Quen forman parte de AGRI-RESVAL? Cal é o labor de cada un dos integrantes?
AGRI-RESVAL está formado por 4 membros, cunhas funcións moi diferenciadas e nas cales cada un é experto e referencia no seu campo.

Néboda é a empresa agrícola, encargada de investigar as mellores condicións de cultivo de cara a potenciar os antioxidantes. Así, cultívase baixo as condicións máis idóneas previamente estudadas e xéranse os residuos vexetais de interese con diferentes perfís químicos.

AgroBiotech for Health, da Universidade de Vigo, realiza toda a investigación e desenvolvemento experimental relativos á preparación dos residuos para a súa extracción e a todas as técnicas e condicións de extracción que se empregarán para obter unha gama de extractos con diferentes composicións e concentracións.

Pescanova terá o rol de cliente final neste proxecto, sendo o encargado de aplicar os antioxidantes sobre o lagostino na súa planta de produción e realizar o seguimento do estado do produto a diferentes tempos. Así, Pescanova achegará os datos reais acerca da eficacia dos produtos desenvolvidos nas fases previas do proxecto.

Durante o transcurso do proxecto, FEUGA é a institución encargada de organizar todas as actividades de difusión, desde a creación de perfís en redes sociais até a preparación de diferentes eventos e material de divulgación, incluso pondo a disposición do grupo o seu edificio en Santiago de Compostela. Ademais, grazas á súa experiencia neste tipo de proxectos, axudan moito aos demais membros a preparar unha proposta de calidade e con altas probabilidades de éxito.

– Que importancia ten na actualidade a agricultura vertical? Hai alto volume de produción?
A agricultura vertical é unha modalidade de cultivo que emprega un 90 % menos de auga que a agricultura tradicional e que á súa vez é capaz de producir grandes volumes de vexetais en espazos moi reducidos e baixo un clima totalmente controlado e independente do que ocorra no exterior. Todo iso prescindindo do uso de pesticidas e herbicidas.

Este proxecto suporá o primeiro paso dunha serie de aplicacións dos antioxidantes obtidos a diferentes matrices alimentarias

No escenario actual e futuro, o cambio climático está a xerar unha grande inestabilidade nas colleitas en campo e unha maior susceptibilidade das plantas a ataques por fungos patóxenos, ademais dos períodos de seca prolongados. Esta situación leva que a agricultura vertical gañe cada vez máis e máis relevancia para os distribuidores de produto fresco como supermercados, cadeas de restauración etc. Estes axentes atopan na agricultura vertical un provedor moi fiable, estable e cuns produtos de calidade superior aos que están dispoñibles en mercado. Á súa vez, os consumidores finais gozan dun produto moi seguro alimentariamente e cunha vida útil superior aos produtos de agricultura tradicional, onde os pasos intermedios levan que o produto non chegue tan fresco aos lineais.

Este compendio de factores implica que a agricultura vertical gañe cada vez máis relevancia no mercado e espérase que a demanda siga aumentando exponencialmente nos próximos anos.

– De que maneira se implementarán eses residuos na industria alimentaria da pesca?
As formulacións de bioantioxidantes obtidas tras as extraccións dos residuos agrícolas aplicaranse sobre o lagostino mediante técnicas de pulverización e de inmersión a diferentes tempos e deixaranse actuar durante meses para valorar e cuantificar a eficacia das devanditas formulacións de face a evitar os procesos de oxidación.

– Que impacto terá conseguir estes resultados?
Cada produto desta gama será testado e asociarase ao seu perfil químico coa eficacia na conservación do lagostino. Os resultados de eficacia relacionaranse coa presenza ou ausencia e concentración de determinados compostos e realizaranse modelos gobernados por intelixencia artificial que nos permitan coñecer as composicións idóneas para o tratamento do lagostino. Este proxecto suporá o primeiro paso dunha serie de aplicacións dos antioxidantes obtidos a diferentes matrices alimentarias, onde xa se está pensando na pescada como próximo alimento a conservar, e estamos seguros que no transcurso do proxecto xurdirán outras vías para outras matrices, alimentarias ou para outro sector.

Este proxecto está financiado polas axudas para a execución de proxectos innovadores dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan estratéxico da política agraria común (PEPAC) 2023-2027. A Consellería do Medio Rural é o órgano da Administración galega ao cal lle corresponde propor e executar as directrices xerais no ámbito rural e engloba as competencias en materia de agricultura, gandería, desenvolvemento rural e ordenación comarcal, estruturas rurais, industrias agroalimentarias e forestais, montes, prevención e defensa dos incendios forestais. Orzamento: 140.000 €.

GOgalegos2024_Xunta

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información